Casado e Feijóo lánzanse eloxios nunha praza de touros de Pontevedra que o PP baleira en "homenaxe aos que nos deixaron"

Feijóo saúda desde o escenario do mitin na praza de touros de Pontevedra, case baleira en "homenaxe a aquelas persoas que nos deixaron" CC-BY-SA Praza Pública

“É a persoa que protexeu esta terra”, di do candidato o presidente estatal do PP, ao que Feijóo presenta como un “partido de Estado” que axudará á recuperación

O segundo día da campaña electoral de 2016, 10 de setembro, Feijóo cumpriu 55 anos e deuse unha homenaxe personalista nunha praza de touros de Pontevedra repleta. Este sábado, tamén no segundo día da campaña, volveu ao mesmo sitio, acompañado polo ex-presidente Mariano Rajoy e polo líder do PP estatal, Pablo Casado, pero cunha escenografía moi distinta, con pouco máis dun par de centos de persoas, un baleiro buscado a propósito polo PP que, segundo verbalizou Feijóo, é “a mellor homenaxe que lle podemos facer a aquelas persoas que nos deixaron para sempre e tamén aos seus familiares”.

Rueda, Rajoy, Feijóo e Casado, ao inicio do mitin do PP en Pontevedra, este 27 de xuño © PP Pontevedra

"Para min a prioridade é Galicia, o meu partido acéptao, por iso é o meu partido", di Feijóo diante de Casado

A situación que deixa a pandemia e as eleccións do 12 de xullo, asegurou Feijóo, “non é unha cuestión de partidos, é unha cuestión de prioridades, e para min a prioridade é Galicia, Galicia, Galicia”, insistindo na súa estratexia de potenciar un perfil presidencial por riba de opcións políticas. “O meu partido sábeo, acéptao e valórao, por iso é o meu partido”, dixo o candidato diante do líder da súa formación a nivel estatal, da que asegurou que é un “partido de Estado” que vai axudar á recuperación de España desde todas as administracións nas que está presente. “Seguro que o presidente Casado se sinte en casa”, dixo Feijóo, ao que o líder estatal respondeu minutos despois asegurando del que “é máis que o candidato circunstancial, ou o xestor, ou o político, ou o afiliado; é a persoa que protexeu esta terra”.

Feijóo presentou o PP como un partido de Estado que axudará coa recuperación e a si mesmo como parte dese traballo: “Colaborei e colaborarei co Goberno de España, gústeme ou non me guste”, dixo, malia que noutro momento da súa intervención culpou ao executivo socialista da crise económica. E advertiu do risco que suporía un goberno en Galicia distinto ao seu, do que presentou como principal valor a “experiencia”.

Casado, malia recoller o guante de Feijóo e proclamarse igualmente "partido de Estado", tamén cargou contra o Goberno de Pedro Sánchez, do que dixo que non se preocupa por Galicia, as súas infraestruturas e a súa industria. E malia que Galicia é unha das comunidades autónomas que menos información vén ofrecendo sobre a evolución da pandemia do coronavirus e a que o Estado ofrece datos a partir dos que lle trasladan as comunidades, volveu reclamar ao Goberno central que aclare “a cifra de falecidos”.

Rajoy di de Feijóo que "non divide á xente" porque "non fai unha política sectaria" e que para el é “un orgullo ser militante do PP e o segue sendo agora se cabe con máis razóns aínda”

Malia ser Feijóo o protagonista do mitin e recibir como invitado a Casado, a subida ao estrado máis aplaudida foi, na súa cidade, a de Rajoy, que diante do seu sucesor á fronte do partido asegurou que para el é “un orgullo ser militante do PP e o segue sendo agora se cabe con máis razóns aínda”. Rajoy lembrou que as primeiras eleccións nas que foi nunha candidatura foron as primeiras galegas de 1981 e salientou que o motivo principal para estar en política é “para mellorar a vida da xente”. Iso, asegura, é o que fai Feijóo, que segundo el “non divide á xente” e “non fai unha política doutrinaria nin sectaria”.

Casado, Feijóo e Rajoy no mitin da praza de touros de Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.