O accidente de tren do Porriño frustrou que o primeiro mitin de 2016 fose nun enclave agarimado polas administracións que controla o PP
Como pretendía facer na carreira electoral de 2016, cando o frustrou o accidente de tren ocorrido no Porriño no que morreron catro persoas, o primeiro acto do candidato Feijóo nesta campaña oficial é este venres nos Peares, a súa vila natal con menos de douscentos habitantes para a que vén de presentar un plan de infraestruturas que deixa “planificados preto de 15 millóns de investimento”, segundo a propia Xunta. Un enclave dividido polos ríos Miño, Sil e Bubal e repartido entre os concellos lucenses de Carballedo e Pantón e os ourensáns da Peroxa e Nogueira de Ramuín que vén sendo agarimado polas administracións que controla o PP.
Na campaña de 2016 a Xunta non fora quen de rematar a nova ponte sobre o Miño xunto á que fora a súa casa que en 2010 o propio Feijóo prometera para 2012 cun custo de 1,7 millóns de euros e que acabou custando 2,8 millóns
Tras o frustrado arranque da campaña de 2016, en cuxo primeiro día, o venres 9 de setembro, se produciu o accidente do Porriño, Feijóo acabou visitando a súa vila unha semana máis tarde. Daquela a Xunta aínda non fora quen de rematar a nova ponte sobre o Miño xunto á que fora a súa casa que en 2010 o propio Feijóo prometera para 2012 cun custo de 1,7 millóns de euros e que acabou custando 2,8 millóns. O que si conseguiu aquel día foi unha foto con veciños que durante os seguintes anos presidiu a súa conta oficial de Twitter, substituída agora por unha imaxe do lema do PPdeG para estas eleccións, “Galicia, Galicia, Galicia”.
Naquel acto de hai catro anos Feijóo presentouse, como adoita facer recorrentemente en segundo que circunstancias, como un neno de aldea. Dela marchou con dez anos a estudar internado en León pero, ao igual que no seu momento fixo Fraga coa súa Vilalba natal, tamén Feijóo cando tivo responsabilidades políticas decidiu investir na súa vila. A iniciativa máis importante, cuxos primeiros traballos se desenvolveron sendo el conselleiro de Fraga, en 2004, non foi aprobada de xeito definitivo ata o pasado decembro, na súa presenza: un plan de infraestruturas que segundo a Xunta “deixa planificados preto de 15 millóns de investimento”.
Pero por tras desa cifra dos titulares da nota de prensa da Xunta hai matices. O plan limítase a planificar diversas infraestruturas públicas e obras de mellora e a fixar as directrices para posibles rehabilitacións de vivendas privadas, pero non compromete uns fondos que deberán ser achegados posteriormente a través doutros medios e dos que a Xunta poría uns 4,5 millóns fronte ás restantes contías achegadas por propietarios particulares ou outras administracións.
A Xunta e outras administracións controladas polo PP veñen de executar ou planificaron obras que suman 8 millóns de euros públicos no enclave
A eses cartos autonómicos que a Xunta compromete no novo plan hai que engadir a achega de 24.000 euros que a Xunta fai cada ano ao consorcio local que rexe o enclave e que impulsou o plan, cifra similar á que achega cada deputación, á que se suman contías moi inferiores dos catro concellos a razón de 12 euros por cada habitante con que conte cada municipio nese enclave compartido, menos de douscentos na actualidade fronte aos máis de 800 que había en 1961, cando naceu Feijóo.
Tamén nos Peares nos últimos anos a Xunta, en colaboración co consorcio local, reformou o acceso á estación do tren, actuación que ascendeu a uns 300.000 euros, e mellorou o abastecemento de auga con 230.000 euros. Na mesma zona a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, durante o tempo en que estivo controlada polo PP, dedicou 335.000 euros a unha senda peonil.
En total, entre os investimentos xa executados e os previstos con cartos públicos para os próximos anos a través do plan urbanístico de mellora da zona, Os Peares recibirá nunha década investimentos directos por, cando menos, máis de oito millóns de euros procedentes de administracións controladas polo PP galego que preside Feijóo, a unha media duns 4.000 euros por habitante e ano. Como comparación, o reparto per cápita dos preto de dez mil millóns de euros de orzamento anual da Xunta (cifra que inclúe o gasto ordinario e na que o investimento supón só unha décima parte) entre os 2,7 millóns de galegos ofrece unha cifra de 3.700 euros por persoa e ano.
Hai catro anos un de cada tres votantes dos concellos que conforman Os Peares non votou a “o neto da Eladia, o fillo da Sira e o Saturnino”
Hai catro anos, nove días despois da visita de Feijóo, os veciños da zona dábanlle nas urnas uns resultados notablemente mellores que a media de Galicia, do 47,5% dos votos. No concello de Pantón o PP obtivo o 64,68% dos votos, no da Peroxa, o 64,79%, no de Nogueira de Ramuín -ao que pertence o lugar do Coitelo, onde estaba o estanco que rexentaba a avoa de Feijóo, e no que foi alcalde Baltar pai ata 1995-, o 68,67%, e en Carballedo o 71,61%. Uns resultados que supoñen que na zona un terzo dos votantes non optou por “o neto da Eladia, o fillo da Sira e o Saturnino”, desafección que o BNG se encargou de lembrar este xoves.