O documento de planificación para o enclave natal do presidente, hoxe con menos de 200 habitantes, prevé que 4,5 millóns sexan achegados polas administracións e o resto pola iniciativa privada
Como fixo Fraga coa súa Vilalba natal, o presidente Feijóo vén agarimando o seu Os Peares natal con diversas actuacións que el mesmo se encarga de publicitar e visitar. Así o fixo no seu momento coa súa decisión de construír unha nova ponte de 2,8 millóns nese enclave dividido polos ríos Miño, Sil e Bubal e así o volveu facer este martes ao elixir, de entre os 25 concellos afectados, xustamente Os Peares como o lugar de toda a Ribeira Sacra no que presentar o plan co que a Xunta intentará axudar a lograr o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. E, aproveitando ese acto, escenificar tamén a sinatura da aprobación definitiva do denominado Plan especial de infraestruturas e dotacións do consorcio local dos Peares, un documento do que salientou que “deixa planificados preto de 15 millóns de investimento”.
Pero por tras desa cifra dos titulares da nota de prensa da Xunta hai matices. O plan limítase a planificar diversas infraestruturas públicas e obras de mellora e a fixar as directrices para posibles rehabilitacións de vivendas privadas, pero non compromete uns fondos que deberán ser achegados posteriormente a través doutros medios e dos que a Xunta poría uns 4,5 millóns fronte ás restantes contías achegadas por propietarios particulares ou outras administracións.
O plan retomou traballos previos despois paralizados realizados en 2004, cando Feijóo era conselleiro de Política Territorial
O Plan dos Peares está impulsado conxuntamente pola Xunta e o Consorcio dos Peares, creado en 1999 e do que forman parte a propia administración autonómica, as deputacións de Ourense e Lugo e os concellos de Pantón, Carballedo, A Peroxa e Nogueira de Ramuín que se reparten ese enclave que tiña uns 800 habitantes cando Feijóo vivía alí de neno antes de marchar a estudar internado en León e que hoxe non suma nin 200 persoas. O principal proxecto do Consorcio dos Peares é o plan, aprobado inicialmente a finais do pasado ano nun Consello da Xunta presidido polo propio Feijóo tras retomar traballos previos despois paralizados realizados en 2004, cando o agora presidente era conselleiro de Política Territorial.
En 2010 Feijóo prometeu unha nova ponte que custaría 1,7 millóns e estaría en dous anos. Achegouse aos 2,8 millóns e non se abriu ata as autonómicas de 2016.
O propio documento fixa un prazo estimado de 12 anos para o seu desenvolvemento e chega despois de que a Xunta xa executase na zona unha nova ponte, no seu caso sobre o Miño, primeira conexión directa entre os concellos da Peroxa e Nogueira de Ramuín que evita á veciñanza un rodeo en coche de cinco quilómetros por Carballedo e Pantón ou, no seu defecto, ter que atallar a pé por unha estreita pasarela da ponte do tren que une A Peroxa con Pantón.
A ponte foi unha promesa do propio Feijóo lanzada nos Peares en maio de 2010, un ano e un mes despois de chegar á Xunta. Daquela anunciara que o viaduto, xunto á que fora a súa casa e o estanco que rexentaba a súa avoa, estaría rematado en 2012 tras un investimento de 1,7 millóns de euros. Porén, a ponte non se abriu ata catro anos máis tarde, coincidindo coas eleccións autonómicas de 2016 e tras elevarse o seu custe a preto de 2,8 millóns.
Este martes, xunto co Plan dos Peares, Feijóo tamén presentou o plan, este non de rango legal senón suma de proxectos doutras áreas, co que a Xunta quere contribuír a que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade. O presidente cuantificou en 34 millóns os investimentos a realizar nos 25 concellos das beiras do Miño e o Sil integrados na delimitación patrimonial.