A Xunta e outras administracións controladas polo PP veñen de executar ou están planificando obras que suman 8 millóns de euros públicos no enclave no que naceu o presidente galego, que hoxe ten menos de 200 habitantes
Hai un lugar en Galicia no que o próximo domingo os seus habitantes elixirán catro alcaldes distintos. Pero gañe quen gañe, ao día seguinte o seu principal dirixente político seguirá a ser Alberto, o neto da estanqueira, o presidente da Xunta e do PP galego cuxas administracións están a executar ou planificar obras que suman un mínimo de 8 millóns de euros públicos nos Peares, o enclave con menos de 200 habitantes repartido entre catro concellos de Ourense e Lugo no que naceu Feijóo. Un investimento que duplicaría a media por persoa que corresponde a cada galego das arcas autonómicas.
Ao igual que no seu momento fixo Fraga coa súa Vilalba natal, tamén Feijóo está a agarimar o seu lugar de nacemento, do que marchou de neno a estudar internado en León. Cando naceu alí, en 1961, os 11 núcleos poboacionais que conforman Os Peares, unha unidade social dividida administrativamente polos ríos Miño, Sil e Bubal e repartidos entre os concellos lucenses de Carballedo e Pantón e os ourensáns da Peroxa e Nogueira de Ramuín, sumaban máis de 800 habitantes. A fin das obras dos encoros da zona, a emigración e a mellora das comunicacións coa cidade de Ourense foron reducindo progresivamente esa cifra, como en moitas outras vilas do interior rural galego, e a comezos deste século xa baixara dos 200 habitantes. Hoxe os dous núcleos principais, Os Peares que dá nome ao conxunto (no Concello da Peroxa, onde está a estación da liña de tren Ourense-Monforte) e A Granxa (no Concello de Carballedo), que en 1960 tiñan 213 e 189 habitantes respectivamente, contan segundo o Instituto Galego de Estatística con 65 e 56 veciños. O lugar do Coitelo, no Concello de Nogueira de Ramuín, onde estaba o estanco que rexentaba a avoa de Feijóo, pasou de 120 a 21 habitantes nese mesmo período.
Hai uns meses a Xunta aprobou o Plan Especial dos Peares, con diversas infraestruturas e obras de mellora do lugar que suman un total de 15 millóns de euros, dos que cando menos 4,5 millóns serían achegados polas arcas públicas
O devalo demográfico dos Peares e o abandono dos seus inmobles queda reflectido nos estudos realizados no marco do denominado Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións do Consorcio Local dos Peares, documento aprobado inicialmente a finais do pasado ano nun Consello da Xunta presidido polo propio Feijóo. Nel planifícanse diversas infraestruturas e obras de mellora do lugar que suman un total de 15 millóns de euros, dos que cando menos 4,5 millóns serían achegados polas arcas públicas para a obtención de solo e actuacións de urbanización, segundo detalla o propio plan. O resto correspondería con obras de rehabilitación de inmobles que deberan ser acometidas polos seus propietarios particulares, que poderían á súa vez beneficiarse de axudas públicas tras a declaración da zona por parte da administración como Área de Rehabilitación Integral.
A maioría das administracións que forman o Consorcio dos Peares son do PP, entre elas o Concello da Peroxa, co mesmo alcalde desde 1979, e o de Nogueira, no que foi alcalde Baltar
O Plan dos Peares está impulsado conxuntamente pola Xunta e o Consorcio dos Peares, creado en 1999 e do que forman parte a propia administración autonómica, as deputacións de Ourense e Lugo e os concellos de Pantón, Carballedo, A Peroxa e Nogueira de Ramuín que se reparten ese enclave. Para o seu propio funcionamento, o consorcio, integrado orzamentariamente desde hai un par de anos na administración autonómica, recibe cada ano da Xunta 24.000 euros, cifra similar á que achega cada deputación, á que se suman contías moi inferiores dos catro concellos a razón de 12 euros por cada habitante con que conte cada municipio nese enclave compartido.
De todas esas administracións, só a Deputación de Lugo, controlada polo PSdeG, non está en mans do PP. No caso do Concello da Peroxa, o control popular prodúcese mesmo sen cambios no nome do rexedor, Manuel Seoane, desde que se fixo coa alcaldía nas primeiras eleccións municipais de 1979. Agora volve aspirar á reelección. Pero máis famoso foi o alcalde entre 1976 e 1995 de Nogueira de Ramuín: José Luis Baltar Pumar, condenado por enchufismo na Deputación de Ourense que presidiu ata 2012 e que herdou o seu fillo. Nos catro municipios os pasados comicios xerais, nos que o PSdeG obtivo un notable ascenso en toda Galicia, seguiron mantendo o PP como forza máis votada, oscilando entre o 40% dos votos das mesas electorais do Concello de Carballedo correspondentes coa zona dos Peares, ata o 53% das mesas do enclave emprazadas no Concello de Nogueira de Ramuín.
En 2010 Feijóo prometeu unha nova ponte que custaría 1,7 millóns e estaría en dous anos. Achegouse aos 2,8 millóns e non se abriu ata as autonómicas de 2016.
O principal proxecto do Consorcio dos Peares é o antedito plan urbanístico para esa zona compartida dos catro concellos, que retoma traballos previos despois paralizados realizados en 2004, cando Feijóo era conselleiro de Política Territorial. O propio documento fixa un prazo estimado de 12 anos para o seu desenvolvemento, en boa medida con cartos públicos autonómicos. Como tamén foi investimento autonómico a nova ponte que a Xunta construíu alí sobre o Miño, primeira conexión directa entre os concellos da Peroxa e Nogueira de Ramuín, que evita á veciñanza un rodeo en coche de cinco quilómetros por Carballedo e Pantón ou, no seu defecto, ter que atallar a pé por unha estreita pasarela da ponte do tren que une A Peroxa con Pantón.
A nova ponte autonómica foi unha promesa do propio Feijóo lanzada nos Peares en maio de 2010, un ano e un mes despois de chegar á Xunta. Daquela anunciara que o viaduto, xunto á que fora a súa casa, estaría rematado en 2012 tras un investimento de 1,7 millóns de euros. Porén, a ponte non se abriu ata catro anos máis tarde, coincidindo coas eleccións autonómicas de 2016 e tras elevarse o seu custe a preto de 2,8 millóns.
Tamén nos Peares nos últimos anos a Xunta, en colaboración co consorcio local, reformou o acceso á estación do tren, actuación que ascendeu a uns 300.000 euros, e mellorou o abastecemento de auga con 230.000 euros. Na mesma zona a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, durante o tempo en que estivo controlada polo PP, dedicou 335.000 euros a unha senda peonil.
Os Peares é para Feijóo o “punto do mapa máis importante do mundo”
En total, entre os investimentos xa executados e os previstos con cartos públicos para os próximos anos a través do plan urbanístico de mellora da zona, Os Peares recibirá nunha década investimentos por, cando menos, máis de oito millóns de euros procedentes de administracións controladas polo PP galego que preside Feijóo, a unha media duns 4.000 euros por habitante e ano. Como comparación, o reparto per cápita dos preto de dez mil millóns de euros de orzamento anual da Xunta (cifra que inclúe o gasto ordinario e na que o investimento supón só unha décima parte) entre os 2,7 millóns de galegos ofrece unha cifra de 3.700 euros por persoa e ano.
Este domingo os habitantes dos Peares volverán elixir catro alcaldes coa tranquilidade de que, gañe quen gañe, o enclave é para Feijóo o “punto do mapa máis importante do mundo”.