Feijóo esgrime o seu referendo ante o Goberno central, Pontón olla cara a 2024

Feijóo e Pontón, este luns nos actos de PP e BNG para analizaren os resultados do 12X CC-BY-SA PP | BNG

Durante a campaña electoral do 12X, o PP non lanzou ningunha promesa especialmente rechamante nin fixo bandeira de ningunha proposta en concreto. En esencia, lanzou unha pregunta ao electorado: máis Feijóo si ou non. E a resposta de case a metade foi un "si". O aspirante á reelección foi referendado por maioría absoluta, sen superar o limiar do 50% de Fraga pero si medrando case medio punto.

Cos ruxerruxes sobre unha eventual carreira madrileña rexurdindo por enésima vez, Feijóo asegura o que fará "o que estea na miña man" para "cumprir" ata "o final da lexislatura"

Tras a festa do 12X, este 13 de xullo o PP reuniu á súa Xunta Directiva para celebrar o triunfo na "odisea de subir 18 puntos nuns meses coa pandemia polo medio", en palabras de Alberto Núñez Feijóo. Isto é, o "rotundo éxito" de regresar dende os peores resultados dende os tempos de Alianza Popular, nas xerais de 2019 ata os lugares de costume en eleccións galegas, máis preto do 50% que do 40%.

Galicia, di Feijóo, votou sen "tutelas nin tutías", ironizou parafraseando a proclama de Fraga no momento de deixar a dirección do PP nas mans de José María Aznar. Cos ruxerruxes sobre unha eventual carreira madrileña rexurdindo por enésima vez, quen durante as vindeiras semanas será presidente en funcións asegura que vai facer "o que estea na miña man" para "cumprir" ata "o final da lexislatura".

Feijóo celebra a vitoria electoral do 12X ante a Xunta Directiva do PP, reunida nun hotel compostelán CC-BY-SA PPdeG

Acto seguido, non obstante, interpretou os primeiros compases da undécima lexislatura esgrimindo o seu referendo ante os grandes prexudicados da noite electoral galega, "as forzas que compoñen o Goberno central", que agora "teñen un 20% de representación no Parlamento de Galicia", dixo en referencia á porcentaxe de votos obtida polo PSdeG, que cos seus 14 ou 15 escanos (o décimo quinto decidiráo o reconto do censo exterior) supoñen un terzo da nova Cámara, da que desaparece a representación de Podemos tras o fracaso de Galicia en Común.

"Supoño que entenderon a mensaxe", advertiu. Mentres, dende Madrid, a dirección do PSOE asegura interpretar o acontecido como un "fracaso" da "estratexia de derrubamento do Goberno" que atribúe a Pablo Casado. "Feijóo agochou a marca PP e foille mellor", declarou o ministro José Luis Ábalos a Televisión Española.

Reunión da Executiva Nacional do BNG para analizar os resultados do 12X, este 13 de xullo CC-BY-NC-SA BNG

Pontón olla cara ao 2024

A líder do BNG asegura que o 12X "non rematou nada", senón que "estamos máis cerca de que se produza o cambio" dentro de catro anos "cunha muller presidenta"

Mentres Feijóo saboreaba o seu cuarto triunfo absoluto consecutivo, na sede nacional do BNG a segunda gañadora da noite, a nacionalista Ana Pontón, afondaba no roteiro que xa trazou poucas horas despois dos colexios electorais. Nunha liña pouco frecuente na última década, a nova líder da oposición advirte de que o 12X "non rematou nada". Ao contrario, cre, malia ao sabor "agridoce" por outra lexislatura con Goberno do PP, este 12 de xullo "emerxeu un novo BNG como alternativa ao Partido Popular".

Asegura Pontón que o "caudal de ilusión" que outorgou o Bloque ata 19 escanos, a maior representación parlamentaria da súa historia e tamén a maior dun grupo da esquerda dende o PSdeG de Touriño, debe servir de agora en diante para dous obxectivos. O primeiro, enunciou, participar "dun acordo de país para reconstruír Galiza" tras a crise da covid-19 e por iso "tendemos a man" a un Goberno que debe "estar á altura".

O segundo obxectivo non é outro que "seguir traballando con humildade, fortaleza e ilusión para seguir crecendo". As máis de 300.000 persoas que votaron polo Bloque, di, "saben que estamos máis cerca de que no 2024 se produza o cambio en Galiza cunha muller presidenta". Mentres, asegura, "a política debe poñer no centro ás persoas", especialmente ás máis afectadas pola crise do coronavirus, e "nesa liña imos traballar".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.