O PP volveu tinxir de azul Galicia, nunha nova vitoria electora nunhas eleccións ao Parlamento galego. Os populares foron a forza máis votada en case todos os concellos, exactamente 298 dos 313 concellos de Galicia. Tan só 15 escaparon ao seu control. Foron A Illa de Arousa, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Entrimo, Fornelos de Montes, Negueira de Muñiz, Parada de Sil, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín, nos que o PSdeG-PSOE foi a forza máis votada e Corcubión, A Mezquita, Allariz, O Grove, Soutomaior e Verea, nos que a vitoria foi para o BNG.
O PSdeG foi a primeira forza en 9 concellos e o BNG en 6. Pero o Bloque superou aos socialistas en 188 localidades
O Bloque só foi a forza máis votada nestas seis localidades, pero o seu extraordinario resultado permitiulle sobrepasar aos socialistas non só no conxunto de Galicia, senón nunha gran parte dos concellos, converténdose na segunda forza en 182 localidades, máis da metade do país, especialmente na provincia da Coruña, pero tamén en boa parte de Pontevedra e Lugo e en bastantes lugares de Ourense. Pola súa banda, o PSdeG-PSOE foi a segunda foza nun cento de concellos e Espazo Común fíxoo en Piñor.
O PP tivo a súa menor porcentaxe de voto en Corcubión, O Grove, Vigo, A Illa de Arousa e Entrimo
O dominio do PP asentouse unha vez máis na Galicia rural, aínda que tamén foi a forza máis votada nas sete cidades e en todas as áreas metropolitanas e grandes vilas. Con todo, o seu mellor resultado tívoo unha vez máis en Beariz, Avión e Quintela de Leirado, por riba do 80%. Pola contra, a súa menor porcentaxe de voto obtívoa en Corcubión, O Grove, Vigo, A Illa de Arousa e Entrimo, localidades nas que con todo roldou o 30% dos apoios.
O BNG rozou o 50% en Allariz e superou o 40% en Verea, Soutomaior e San Sadurniño
Mentres, o BNG rozou o 50% en Allariz e superou o 40% en Verea, Soutomaior e San Sadurniño. No outro extremo, os nacionalistas ficaron por debaixo do 5% en Gomesende, Quintela de Leirado, Avión e Padrenda. En termos xerais, o Bloque obtivo o seu mellor resultado na Mariña, nas Rías Baixas e, en xeral, nas zonas litorais. Tamén en Ferrolterra e nos arredores de Compostela.
Os socialistas tiveron os seus mellores datos nas zonas orientais de Lugo e Ourense e tamén na provincia de Pontevedra
Os socialistas tiveron os seus mellores datos nas zonas orientais de Lugo e Ourense e tamén na provincia de Pontevedra. Entrimo e Pedrafita, por riba do 50%, foron o seu mellor rexistro. Pola contra, en Avión, Beariz e Vilasantar Gonzalo Caballero roldou o 5%.
Nunha noite nefasta para Galicia en Común, a formación de esquerda só se achegou ao 10% en Mugardos, Cangas, Ferrol ou O Grove, que chegaran a ser algunhas das súas prazas fortes. O eixo atlántico segue a ser a súa área de máis apoios, pero moi lonxe dos resultados acadados en anteriores comicios. Pola contra, na Galicia interior tivo os seus peores rexistros, con 167 concellos por debaixo do 2%.