Unha das principais incertezas que pairaban sobre estas eleccións era a da participación. A convocatoria dos comicios en pleno mes de xullo e a a situación creada pola pandemia facían temer un incremento da abstención. E, finalmente, si que aumentou a abstención, aínda que posiblemente menos do que se podía temer. A falta de contabilizar o censo CERA, o 58,88% dos galegos e galegas exerceron o seu dereito ao voto, algo menos de 5 puntos por debaixo do dato de 2016 (63,75%). Naquela ocasión, os votos chegados dende o estranxeiro reduciron a participación final ata o 53,63%.
A abstención na cidade de Ourense medrou case 8 puntos, case 6 en Vigo e Pontevedra e máis de 5 na Coruña ou Lugo
A diferenza de participación é aínda maior se comparamos os comicios deste 12 de xullo coas eleccións xerais do pasado mes de novembro (66,62%) e, sobre todo, coas de abril (73,97%).
Ao longo do día, os avances de participación achegaron informacións que mesmo falaban dun incremento de participación nas primeiras horas, pero este foi debido a unha concentración de boa parte do voto ata as 12 do mediodía, especialmente nas zonas urbanas, que acabaron con cifras de votación inferiores ás de 2016.
O descenso da participación foi homoxéneo nas catro provincias, con caídas próximas aos cinco puntos en todas elas, algo superiores iso si na provincia de Ourense, cunha redución de ao redor de seis puntos.
Iso si, nas zonas urbanas o descenso da participación foi algo superior ao resto do país, destacando o caso da cidade de Ourense, cunha caída de 7,62 puntos. Vigo, con case seis puntos, A Coruña, Pontevedra e Lugo tamén reduciron a súa participación por riba da media galega. De igual xeito, os descensos de participación en Barbadás, Cangas, Redondela ou Culleredo superaron tamén os que se deron no conxunto do país.
A diferenza de participación nas zonas urbanas foi aínda máis importante se a comparamos coas dúas eleccións xerais celebradas o pasado ano, con descensos de entre 16 e 18 puntos nas sete cidades galegas en relación a abril e de entre 7 e 11 puntos en relación a novembro.
Unha vez máis, confirmouse que os cambios de goberno das últimas décadas en Galicia veñen acompañados dunha gran mobilización na zonas urbanas, que neste caso non se produciu.