Ás 17 horas votara no conxunto de Galicia o 42,97% do censo de residentes, case medio punto máis que nas eleccións de setembro do ano 2016. Fronte ao temor a un grande aumento da abstención, que presidira toda a campaña, semella que finalmente a participación está sosténdose en cifras semellantes ás de hai catro anos.
Cómpre ter en conta, iso si, que aínda quedan tres horas ata o peche dos colexios, un tempo no que pode deixarse notar o efecto da calor que está a acompañar esta xornada electoral. Un elemento que aparentemente tivo xa o seu impacto nas cifras de participación ata as 12 horas, que melloraban en 4,4 puntos o dato de 2016, e tamén no dato seguinte, pois eses máis de catro puntos de suba reducíronse case a cero, probablemente porque moitas persoas evitaron achegarse aos colexios electorais nas horas centrais do día. Podería ser que nestas últimas tres horas de votacións se mantivese esta tendencia ou que, pola contra, unha parte importante dos electores e electoras escollesen a última hora da tarde para exercer o seu dereito ao voto.
De momento, o que semella claro é que os concellos costeiros están votando máis que as comarcas do interior. A maior parte das localidades próximas ao litoral están a incrementar a súa participación con respecto ao ano 2016, por exemplo A Pobra do Caramiñal, Meis, Salceda de Caselas, Mos, Nigrán ou Ribadumia, con ascensos entre os 5 e os 7 puntos. Pode que moita xente decidise adiantar o momento do seu voto para aproveitar o día de praia.
E, pola contra, boa parte dos concellos do interior, especialmente na provincia de Ourense, están a votar menos que hai catro anos, destacando San Xoán de Río, Folgoso do Courel, Muras, Parada de Sil, Calvos de Randín, Manzaneda, Laza, Baños de Molgas e Vilar de Santos, todos con caídas superiores aos sete puntos. Non hai que esquecer que a provincia de Ourense está soportando este domingo a temperaturas que chegan aos 36 graos.
En canto ás cidades, a participación está sendo semellante á de 2016 ou mesmo está rexitrando un leve descenso. Pontevedra, Compostela e Ferrol aumentan catro décimas as súas cifras en relación a hai catro anos, mentres que A Coruña e Vigo baixan esas mesmas catro décimas. Tan só as dúas cidades do interior rexistran descensos máis importantes: Lugo (-1,02) e Ourense (-1,86).
En canto aos concellos da Mariña, o aumento da participación está sendo inferior ao doutras zonas costeiras, pero con diferenzas pequenas, en todo caso. A Mariña Occidental si está a incrementar a súa participación notablemente (+2,5), pero A Mariña Central (-1,25) e A Mariña Oriental (-0,9) están a empeorar o dato de hai catro anos.
Xove (+2,32) e sobrre todo Cervo (+5,63), as dúas localidades máis afectadas pola posible perda de postos de traballo en Alcoa, si están a votar máis que no 2016. En cambio Burela ten exactamente a mesma participación que no 2016. As vilas máis importantes destas comarcas presentan comportamentos desiguais, dende o ascenso claro de Viveiro (+2,63), ao mantemento de Ribadeo (-0,43) ou o descenso importante de Mondoñedo (-3,81).
Podemos cruzar os datos de participación cos que contamos con algunhas variables que nos poden indicar patróns sobre que tipo de persoas se están mobilizando máis e cales menos. Un deles é o da idade media dos dos concellos, que amosa unha correlación directa entre un incremento da participación nun concello e unha poboación máis nova nesa localidade.
Cómpre ter en conta, iso si, que os concellos da costa teñen polo xeral unha idade media moi inferior á das localidades do interior, polo que o efecto primeiro das temperaturas máis elevadas no interior ou da proximidade á praia na costa podería ser máis determinante que o da idade.
O segundo elemento co que podemos cruzar os datos é a porcentaxe de votación das distintas forzas políticas en cada localidade no ano 2016. Ao igual que sucedía coa idade media, temos uns concellos litorais nos que tanto BNG como En Marea obtiveron os seus mellores resultados hai catro anos e que agora estarían votando máis. E temos, pola contra, uns concellos do interior onde o PP (e tamén o PSdeG) obtivo maiores porcentaxes no 2016 e que agora se estarían abstendo en maior medida. Con todo, pode que aínda sexa cedo de máis para tirar unha conclusión destes datos.