Unha parte moi importante do electorado das cidades e das grandes vilas adoita ficar na casa nas eleccións ao Parlamento galego. Dende hai moitos anos a participación nas eleccións xerais é moi superior á que se rexistra nos comicios autonómicos e a diferenza está principalmente nas grandes urbes e áreas metropolitanas.
Sexa por un menor interese pola política galega ou polo motivo que for, a realidade é que esta menor participación semella prexudicar sobre todo ás forzas de esquerda, nomeadamente a PSdeG-PSOE e, nos últimos anos, ás forzas da esquerda rupturista, comezando porque é nestes espazos onde estes partidos teñen os seus principais caladoiros de votos. De repetirse o 5 de abril os resultados das últimas eleccións xerais (os do 28A ou os do 10N), a esquerda obtería unha cómoda maioría absoluta. Porén, nos últimos anos o comportamento dos galegos e galegas nuns e noutros comicios non adoita ser o mesmo.
No 2016, fronte aos menos de seis puntos de diferenza no conxunto de Galicia, na cidade da Coruña a marxe foi de 9, en Vigo de 8,5 puntos e en Cambre, Arteixo, Culleredo ou Narón roldou os dez puntos
No ano 2016 as eleccións ao Parlamento galego celebráronse poucos meses despois dunha dobre convocatoria de eleccións xerais, ao igual que vai suceder este ano. Naquela ocasión, nos comicios autonómicos do 25 de setembro votou o 63,75%, unha porcentaxe moi semellante á do 2012 (63,8%) e á do 2009 (64,43%). A participación foi inferior á que se rexistrara en Galicia nas xerais de xuño (69,63%) e moito máis baixa que a que houbera en decembro do ano 2015 (73%) ou en novembro de 2011 (71,82%).
Porén, as diferenzas son moi superiores se analizamos o que sucedeu nas sete cidades galegas ou nas vilas de maior tamaño. Fronte aos menos de seis puntos de diferenza no conxunto de Galicia, na cidade da Coruña a marxe foi de 9, en Vigo de 8,5 puntos e en Cambre, Arteixo, Culleredo ou Narón roldou os dez puntos. Nas restantes urbes do país a diferenza foi algo inferior, pero superior á media, sobre todo en Pontevedra e Ferrol.
As diferenzas foron moito maiores en relación ás eleccións do 20 de novembro de 2015, nas que a participación en Vigo e A Coruña foi 12 puntos superior e en Narón, Culleredo ou Cambre de ao redor de 13 puntos máis.
Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros son os concellos que máis reducen a súa participación nas eleccións galegas, entre 11 e 12 puntos, un pouco máis que A Coruña (-10,75) e Vigo (-9,99)
Se facemos unha media da participación nas eleccións ao Parlamento galego máis recentes (2012 e 2016) e os comicios xerais celebrados nos últimos cinco anos (2015, 2016 e a dobre cita de 2019), vemos como a maior parte da Galicia litoral, dende a Mariña lucense ata o Baixo Miño e todo o Eixo Atlántico, rexistra cifras de participación moi inferiores nas eleccións autonómicas, con diferenzas que en todas estas zonas se moven entre os 5 e os 10 puntos.
Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros (as catro localidades situadas na área metropolitana coruñesa) son os concellos que máis reducen a súa participación nas eleccións galegas, entre 11 e 12 puntos, un pouco máis que a propia urbe herculina (-10,75). En Vigo baixa case dez puntos (-9,99), un pouco máis que en Ferrol (-9,42) ou Pontevedra (-8,90).
O comportamento é semellante en varias localidades da provincia de Pontevedra, como O Grove, Baiona, Marín ou Nigrán, con ao redor de nove puntos menos. E, igualmente, no Barco de Valdeorras (-9,02). Tamén, aínda que de forma menos clara en Lugo (-7,66), Ourense (-6,03).
A tónica habitual na Galicia rural é que a participación nuns e noutros comicios sexa moi semellante, a diferenza do que sucede na Galicia urbana
En cambio, hai algunhas zonas, nomeadamente concellos rurais das provincias de Lugo e Ourense, que rexistran máis participación nas eleccións ao Parlamento galego. Destacan Bóveda, Muras, Folgoso do Courel, Piñor, Castroverde ou Manzaneda. Porén, trátase de concellos pouco poboados e as diferenzas de participación son pequenas.
A tónica habitual na Galicia rural é que a participación nuns e noutros comicios sexa moi semellante, a diferenza do que sucede na Galicia urbana. A mobilización ou desmobilización de vilas e cidades nas eleccións do vindeiro 5 de abril determinará en boa medida o resultado dos comicios.
Nas últimas eleccións nas que as forzas progresistas accederon ao Goberno da Xunta (2005), rexistrouse unha importante mobilización, sobre todo nas cidades, áreas metropolitanas e grandes vilas
Como referencia, nas últimas eleccións nas que as forzas progresistas accederon ao Goberno da Xunta (2005), rexistrouse unha importante mobilización, sobre todo nas cidades, áreas metropolitanas e grandes vilas. A participación no conxunto de Galicia foi do 66%, 1,6 puntos por riba da de 2009 e 2,2 puntos por riba da que se rexistrou en 2012 e 2016.
A gran diferenza estivo nas cidades: na Coruña a participación foi do 65% (entre 3 e 4 puntos por riba dos datos de 2012 e 2016), en Lugo do 69,7% (7 puntos máis que en 2012 e 2016), en Ourense do 68,7% (4 ou 5 puntos máis) ou en Pontevedra do 68,2% (4 puntos máis). O mesmo sucedeu en vilas como Ames ou Vilagarcía de Arousa (6 puntos máis).