O PP logra a cuarta absoluta e o BNG liderará a oposición tras triunfar na esquerda

O PP gobernará con maioría absoluta por cuarta vez CC-BY-SA Praza Pública

Alberto Núñez Feijóo aspiraba a unha fazaña fraguista e logrouna. O PP gobernará Galicia durante catro anos máis tras lograr nas eleccións deste 12 de xullo a súa cuarta maioría absoluta consecutiva, como fixera Manuel Fraga entre 1989 e 2005, con ata 42 escanos. Como o fundador do partido, Feijóo terá ante si a cuarta recomposición de forzas no espectro da esquerda, que nesta ocasión ten unha forza que triunfa con claridade: o BNG liderará o espectro da esquerda con 19 escanos, o que implica máis que triplicar os da anterior lexislatura ata a súa maior representación histórica, con Ana Pontón á fronte.

Feijóo logra a fazaña fraguista que buscaba e Pontón liderará a oposición co grupo parlamentario máis amplo da historia do BNG

Os populares triunfan nunhas eleccións marcadas pola crise do coronavirus nas que as grandes prexudicadas son as dúas formacións que actualmente gobernan en España. O PSdeG vese superado polo BNG, como nos anos 90, pero cunha diferenza aínda maior do que acontecera naqueles anos. A formación liderada por Gonzalo Caballero queda como estaba, ficando en 14.

O maior pau electoral é o que padece, non obstante, Galicia en Común, que dúas lexislaturas despois da emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda rubrica un resultado que deixa a coñecida como esquerda rupturista fóra dun Parlamento que volve ter tres forzas. A formación encabezada por Antón Gómez-Reino apenas chega ao 4% dos votos no conxunto de Galicia.

Con máis do 99% escrutado, o PP perde un escano por Ourense, pero súmaos na Coruña e Lugo e disputa o último de Pontevedra, conservando e mesmo ampliando o seu dominio no Parlamento e cunha marxe de entre tres e catro escanos por riba dos 38 que dan dereito a formar Goberno e sumando medio punto malia colleitar uns 58.000 votos menos. Despois de traspasar a crise económica da pasada década e resistir ciclos políticos adversos nos concellos e no Estado, Feijóo convértese no primeiro triunfador electoral da era da covid-19.

O resultado reforza a Feijóo en Galicia e tanto ou máis no seo do PP a nivel estatal. Non en van, o deste 12X é o primeiro triunfo de relevancia que é incontestable para os populares dende que Pablo Casado lidera o partido. Prodúcese, ademais, sen marxe ningunha para os competidores da formación no espectro da dereita a nivel estatal, Ciudadanos e Vox.

A segunda gran triunfadora da noite tras Feijóo, a nacionalista Ana Pontón, suma escanos en todas as provincias e encabeza a única formación que crece en número de votos. Tras medrar quince puntos en apoio cidadán, estará á fronte do grupo parlamentario máis amplo que o Bloque logrou na súa historia, con dezanove escanos que logra tras sumar 5 pola Coruña, 2 por Lugo, 2 por Ourense e 4 por Pontevedra. O seu mellor resultado ata agora fora o da lexislatura de 1997, con 18 escanos que o deixaron por diante do PSdeG, como agora, que ficara con 15 con Abel Caballero á fronte.

O PSdeG fica estancado no que fora o seu peor resultado e o fracaso de Galicia en Común fai que a 'esquerda rupturista' desapareza do Parlamento

Mentres, no resto da esquerda a noite do 12X é duplamente amarga. O ansiado cambio non chega e aínda por riba, supón un duro correctivo para os seus candidatos. Apenas dous anos e medio despois de chegar ao liderado do PSdeG, Gonzalo Caballero ve como o impulso de Pedro Sánchez non só non lle vale para chegar á Presidencia da Xunta, senón que o deixa moi afastado da hexemonía da oposición perdida hai xa catro anos tras medrar apenas un punto no que fora o seu pero resultado.

Pola banda da coñecida como esquerda rupturista, a coalición de Podemos con Esquerda Unida, Anova e as principais mareas municipais colleita un fracaso sen paliativos, cun devalo nunca vivido na historia das eleccións galegas. Este espazo político vira extraparlamentario oito anos despois de lograr 14 escanos baixo as siglas de En Marea e a provincia na que máis se achegou ao 5% preciso para aspirar aos escanos, Pontevedra, ficou no 4,55%. O impacto é dobremente relevante para Podemos, toda vez que Antón Gómez-Reino, cabeza de cartel, é tamén secretario xeral deste partido en Galicia.

O fracaso de Galicia en Común capitalízao en exclusiva o BNG, co seu gran crecemento. A outra forza que aspiraba a herdar o apoio cidadán da antiga En Marea, Marea Galeguista, sofre un pau aínda máis intenso. A candidatura encabezada por Pancho Casal non chegou nin ao 1% dos sufraxios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.