-
O reconto supera xa o 70% e o PP segue en 42 escanos. O BNG mantén 19, cinco máis que o PSdeG.
-
O escrutinio supera o 64% e o PP mantense en 42 escanos, un máis que na última lexislatura. O BNG lideraría a oposición con 19 escanos e o PSdeG sería a terceira e última forza do Parlamento, con 14.
-
Co 55% escrutado, o PP ampliaría a súa maioría absoluta nun escano e o BNG tería 19 escanos, máis do triplo que na pasada lexislatura. O PSdeG mantense en 14 e Galicia en Común segue sen representación.
-
Co escrutinio próximo ao 50%, o PP mantén a maioría absoluta con 43 escanos. O BNG consolídase como segunda forza con 18 e o PSdeG tería 14. A esta hora da noite, Galicia en Común segue fóra do Pazo do Hórreo.
-
Co 30% escrutado, o escrutinio outorga 45 escanos ao PP. O BNG ten 16 e o PSdeG, 14. Galicia en Común continúa fóra do reparto arestora, co reconto urbano aínda notablemente por baixo.
-
O escrutinio achégase ao 20%, aínda cunha porcentaxe moi baixa do reconto nas principais cidades. Este baixo nivel de escrutinio deixaría o PP con 46 escanos, co BNG con 15 escanos, o PSdeG con 14 e Galicia en Común, sen representación.
-
12X | A enquisa ás portas dos colexios da CRTVG deixa o PP ao bordo de perder a maioría absoluta co BNG encabezando a posible maioría da esquerda. Os populares obterían entre 37 e 40 deputados, cando a maioría absoluta está en 38 e ata agora tiñan 41, mentres que o BNG subiría dos seus actuais 6 escanos a entre 19 e 22. O PSdeG, que ata agora tiña 14, apenas se movería, con 12-14. Galicia en Común quedaría con 2.
Mentres, o tracking de Sondaxe para La Voz de Galicia outorga ao PP unha ampla maioría absoluta co BNG como segunda forza, con 15 escanos.
Tamén GAD3 para ABC mantén o PP nunha folgada absoluta, con PSdeG e BNG disputando a segunda praza.
Igualmente, Celeste-Tel para eldiario.es sinala que o PP retería a absoluta con ata 42 escanos e un empate técnico de PSdeG e BNG na segunda praza con ata 16 escanos. Galicia en Común sería o cuarto grupo do Parlamento con 2 ou 3 escanos.
-
A Galicia costeira está a votar máis que a interior nun día de praia e calor. Localidades próximas ao litoral están a incrementar a súa participación en maior medida, mentres que zonas de Lugo e Ourense están a votar menos que hai catro anos.
-
Esta é a diferenza de participación ás 17 horas entre as eleccións galegas de 2016 e estas en función da idade media de cada concello.
-
Consulta aquí a diferenza de participación ata as 17 horas en cada concello de Galicia a respecto das eleccións de 2016.
-
A participación ata as 17 horas está varios puntos por baixo da de 2009 e é similar á de posteriores comicios, con tendencia á alza na Coruña e Pontevedra e á baixa en Lugo e Ourense.
-
A participación sobe dous puntos e medio na Mariña occidental ata as 17 horas mentres baixa arredor dun punto na Mariña central e oriental. Só a Mariña central está por baixo da participación do resto de Galicia, do 43%.
-
A participación en Burela ata as 17 horas é do 39,02%, case idéntica ao 38,96% de hai catro anos, fronte aos 2,65 puntos máis de aumento que se reixistraban ao mediodía.
-
Por circunscricións, ata as 17 horas a que máis votara fora Pontevedra e a que máis aumentara a participación a respecto de 2016 A Coruña, algo menos dun punto. Ourense, que ás 12 era a que máis votara, agora retrocede dous puntos a respecto da participación de hai catro anos, e un punto Lugo.
-
Ata as 17 horas a participación nas eleccións sobe arredor de medio punto, moderándose a respecto dos máis de catro puntos que subía ás 12.
-
Aquí podes consultar a diferenza de participación ás 12 horas entre o 2016 e o 2020 en función da porcentaxe de apoio a cada partido en cada concello hai catro anos.
-
PSdeG e BNG denuncian “carrexo” de persoas maiores a votar desde unha residencia de Rairo, en Ourense.
-
Esta é a diferenza de participación ás 12 horas entre as eleccións galegas de 2016 e 2020 en función da idade media de cada concello. Máis participación a primeira hora nos concellos máis novos.
-
Consulta aquí a diferenza de participación ata as 12 horas en cada concello de Galicia a respecto das eleccións de 2016.
-
A participación no conxunto da Mariña ronda o 19%, algo menos na Mariña central, en liña coa participación xeral de Galicia, mentres que hai catro anos era do 16%, un punto máis que o 15% do conxunto de Galicia daquela.
-
Así é a evolución da participación en cada circunscrición ata as 12 desde as eleccións de 2009.
-
Por provincias, a de Ourense é a que presenta unha maior participación ata as 12, do 21,49%, mentres que Pontevedra é onde máis sobe a respecto de hai catro anos, cinco puntos e medio.
-
No conxunto de Galicia a participación ata as 12 horas superaba o 19%, catro puntos máis que o 15% de hai catro anos.
-
En Burela, epicentro do brote de coronavirus na Mariña e con máis dun cento de persoas co virus activo ás que a Xunta pediu que non votasen, a participación ata as 12 horas é do 15,75%, fronte ao 13,10% de 2016 e o 12,62% de 2012. Desde primeira hora rexistráronse importantes colas para votar.
-
O candidato de Galicia en Común á presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, votou na Coruña, no centro cívico da cidade vella, ás once e media desta mañá. Fixo unha apelación a unha grande "mobilización democrática, cívica" que "rompa coa resignación, co pasado".
-
O candidato do PP á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, votou en Vigo ás once e media desta mañá. Fixo un chamamento á participación cidadá e dixo que Galicia é "unha terra que valora a democracia e o futuro".
-
O candidato do PSdeG á presidencia, Gonzalo Caballero, votou pasadas as dez da mañá nunha das mesas do colexio Salesianos de Vigo. O líder socialista fixo un chamamento á "participación masiva". "Pido aos galegos e galegas que voten", resaltou.
-
Con algún atraso nalgún colexio, pouco despois das dez da mañá quedaban constituídas as 3.952 mesas electorais de toda Galicia. En Burela, epicentro do brote de coronavirus na Mariña, quedaron todas constituídas sen incidencias ás nove da mañá.
-
A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, votou pouco antes das nove e media da mañá en Santiago, no colexio electoral habilitado no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Chamou a facer historia e lamentou que “centos” de galegos e galegas con coronavirus non poidan votar.
-
Fronte ao máximo histórico do voto por correo, as solicitudes de 'voto emigrante' nas eleccións galegas caeron un 40% e apuntan a unha influencia mínima no resultado. Das 463.163 persoas residentes no estranxeiro con dereito a voto só 12.359 pediron exercelo.
-
Quen vote este domingo nos colexios electorais deberá facelo con máscara e respectando diversas medidas de seguridade fronte ao coronavirus. Están chamados ás urnas 2.234.152 votantes, un censo no que o electorado mozo volve baixar a outro mínimo histórico. Máis de 72.000 persoas das 77.000 peticións de voto por correo admitidas xa votaran por correo ata o pasado venres, máximo histórico nunhas eleccións galegas.
-
Cincuenta e seis candidaturas optan este domingo a ter representación nos 75 escanos do Parlamento galego, que á súa vez elixirá á persoa que ocupará a presidencia da Xunta.
-
A esta hora abren os colexios electorais, con 3.952 mesas en 2.395 locais por toda Galicia. 125 mudaron de emprazamento para mellorar a súa seguridade fronte ao coronavirus.
- Política Ao vivo