Cincuenta e seis candidaturas optan a ter representación no Parlamento galego que se elixe o 12X

As formacións políticas veñen de ratificar as súas candidaturas para as eleccións do 12X CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Diario Oficial de Galicia publica este 10 de xuño as candidaturas presentadas polas forzas políticas que queren concorrer aos comicios ao Parlamento do vindeiro 12X. Son un total de 56 listas na suma das catro circunscricións, un número moi semellante ao das eleccións inicialmente convocadas para o pasado 5 de abril e adiadas por mor da pandemia do coronavirus. 

As principais forzas políticas presentan listas practicamente idénticas ás rexistradas para as eleccións adiadas en abril; a principal novidade no mapa político é a coalición de EM con CxG e o PG

As forzas políticas que a priori teñen máis opcións de obter representación presentan listas practicamente idénticas ás de abril. PP, PSdeG, BNG e Galicia en Común presentan listas nas catro provincias e tamén o fan outras formacións con representación noutras Cámaras mais non na galega, como Ciudadanos ou Vox. A principal novidade no mapa político con relación ao cancelado 5A é a presentación da coalición Marea Galeguista, que forma En Marea -formación que decidira non concorrer en abril- xunto a Compromiso por Galicia -que presentara listas para o 5A- e o Partido Galeguista.

A Coruña

Dúas das principais candidaturas sitúan na provincia da Coruña as persoas que designaron como aspirantes á Presidencia da Xunta: Ana Pontón, polo BNG, e Antón Gómez-Reino, por Galicia en Cómun-Anova-Mareas. Como en abril, o PP aposta nesta circunscrición pola actual conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o PSdeG polo seu vicesecretario xeral, Pablo Arangüena. Tamén Marea Galeguista sitúa ao designado como o seu candidato á Xunta, Pancho Casal, como número un nesta circunscrición, .

A CORUÑA | Ángeles Vázquez, Pablo Arangüena e Ana Pontón, cabezas de lista de PP, PSdeG, BNG e Galicia en Común CC-BY-NC-SA Xunta | PSdeG | BNG | GEC

Ademais destas cinco formacións políticas, na circunscrición coruñesa concorren outras nove. Ademais de Ciudadanos e Vox, rexistraron listas o Partido Comunista dos Traballadores de Galiza, a coalición de Recortes Cero con Espazo Común e Os Verdes, o Partido Libertario, Por Un Mundo Máis Xusto, o Partido Animalista, a alianza de Coalición de Centro Democrático co partido Autónomos e mais Equo Galicia. [Consulta aquí a composición íntegra de todas as candidaturas]

Lugo

En Lugo son trece as candidaturas rexistradas e as principais forzas repiten candidaturas. O PP está liderado pola ex-alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o PSdeG pola súa secretaria provincial e deputada no remate na actual lexislatura, Patricia Otero. O BNG volve estar encabezado por Olalla Rodil, deputada xa electa en 2016, e en Galicia en Común o número un é Miguel Anxo Fernán-Vello, ex-deputado no Congreso pola antiga coalición En Marea. Marea Galeguista elixiu como número un a Iván Rodríguez Lombardero.

LUGO | Elena Candia, Patricia Otero, Olalla Rodil e Miguel Anxo Fernán-Vello CC-BY-NC-SA PP | PSdeG | BNG | GeC

O abano de opcións políticas para o 12X en Lugo complétano nove listas máis. Presentaron candidaturas Ciudadanos, o PACMA, a coalición de Recortes Cero con Espazo Común e Os Verdes, Por Un Mundo Máis Xusto, Vox, o PCTG, Equo Galicia e, nesta circunscrición, tamén Converxencia 21. [Consulta aquí a composición íntegra de todas as candidaturas]

Ourense

En Ourense, como en Lugo, as candidaturas presentadas son trece, pero as forzas políticas non son exactamente as mesmas. As principais cabezas de lista do 5A recuncan para o 12X. Como hai catro anos, PP e BNG teñen á fronte a Marisol Díaz Mouteira e a Noa Presas. O PSdeG opta por Marina Ortega, ata agora deputada no Congreso e ex-concelleira do Carballiño. Galicia en Común elixiu como número un a David Bruzos, que fora deputado no Congreso por En Marea como coalición. Marea Galeguista situou no primeiro posto a Milagros Corral.

OURENSE | Marisol Díaz Mouteira, Marina Ortega, Noa Presas e David Bruzos CC-BY-NC-SA PP | PSdeG | BNG | GeC

Na circunscrición ourensá concorren formacións que non figuran noutras provincias, como Escanos en Branco ou Contigo Somos Democracia. O electorado de Ourense tamén poderá elixir as papeletas de Ciudadanos, Por Un Mundo Máis Xusto, PACMA, Espazo Común-Recortes Cero-Os Verdes, PCTG e Vox. [Consulta aquí a composición íntegra de todas as candidaturas]

Pontevedra

Na provincia de Pontevedra as listas de PP e PSdeG están encabezadas polos seus candidatos á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e Gonzalo Caballero. Luís Bará volve liderar a lista do BNG e Galicia en Común ten á fronte á xa deputada e coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla. A lista da Marea Galeguista ten como número un a María del Carmen González.

PONTEVEDRA | Alberto Núñez Feijóo, Gonzalo Caballero, Luís Bará e Eva Solla CC-BY-NC-SA PP | PSdeG | BNG | GeC

A circunscrición pontevedresa é a que ten rexistradas un maior número de candidaturas, un total de 16. Ademais de forzas que concorren nas catro provincias, como Ciudadanos, PACMA, PUM+J, PCTG ou Vox, tamén se presentan en Pontevedra outras como Escanos en Branco, que tamén o fai en Ourense. Ademais, súmanse formacións como Unidos por el Futuro ou Ciudadanos de Galicia.  [Consulta aquí a composición íntegra de todas as candidaturas]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.