Caballero, Pablo Arangüena, Patricia Otero e Marina Ortega encabezarán as listas do PSdeG, pendentes de axustes

Gonzalo Caballero, nunha intervención ante o comité nacional do PSdeG, co seu 'número 2', Pablo Arangüena, á esquerda CC-BY-NC-SA PSdeG

A dirección socialista confirma as cabezas de cada candidatura, que este venres serán ratificadas por Ferraz

Como na maioría dos partidos, no PSdeG os órganos inferiores propoñen e a dirección dispón, tamén na configuración das listas electorais, que este mércores foron propostas polas direccións provinciais para este xoves ser aprobadas polo comité nacional galego e este venres ratificadas definitivamente por Ferraz. Co candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, encabezando a de Pontevedra, a da Coruña será liderada polo seu número 2 e agora deputado no Congreso Pablo Arangüena; a de Lugo pola secretaria provincial, Patricia Otero; e a de Ourense pola tamén deputada Marina Ortega.

Executiva provincial do PSdeG en Pontevedra que este mércores propuxo a súa lista © PSdeG Pontevedra

As direccións provincias socialistas articularon este mércores as súas propostas incluíndo as que á súa vez recibiron das diversas agrupacións locais en función da súa importancia e número de militantes, de xeito que agora a dirección nacional galega pode realizar axustes nelas en función dos seus propios intereses e tendo en conta a paridade obrigada por lei que o propio Caballero quere converter en signo de identidade. O seu obxectivo, segundo veñen dicindo fontes socialistas, é configurar unhas listas para gobernar a Xunta, non para a oposición ou en función dos intereses das diversas correntes internas.

Así sucedeu na xuntanza da Executiva Nacional celebrada a últimas horas do xoves. Do encontro, as listas e os retoques saíron aprobadas "por aclamación", explican dende o partido.

En Pontevedra, ademais do propio Caballero, a agrupación socialista viguesa, a máis numerosa de Galicia, que tamén controla a dirección provincial, colocou como número 2 á veterana Isaura Abelairas, histórica socialista concelleira en varias ocasións. 

Na Coruña, tras Arangüena a dirección provincial colocou á concelleira santiaguesa Noa Díaz, que o pasado domingo foi sentada a carón de Pedro Sánchez no mitin que este deu en Compostela, no que significou unha clara mensaxe do apoio da dirección cara a ela. 

En Lugo Otero foi a candidata que máis apoios recibiu e encabezará a lista, segundo ratifican fontes do PSdeG, pero a dirección provincial decidiu enviar á galega unha lista ordenada alfabeticamente e non unha proposta pechada, polo que alí podería haber máis mudanzas. Finalmente, tras Otero están Luis Álvarez, Rosana Rielo e Marina Doutón.

En Ourense, tras Ortega a lista proposta pola dirección provincial inclúe ao senador Juan Carlos Francisco, e dela cae a agora deputada autonómica Noela Blanco, malia ser a máis votada na agrupación local da cidade de Ourense. Esa orde mantívose tras a reunión da Executiva nacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.