Caballero e Sánchez apelan ao diálogo territorial fronte á “confrontación” de Feijóo e o PP

Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero, no mitin deste domingo no pavillón do Sar, en Santiago © PSOE

O candidato socialista reclama aos seus mobilizarse para que a Xunta deixe de estar “pechada aos galegos” e o presidente compara a campaña coa de 2005 que levou a Touriño a San Caetano e na que el mesmo participou como asesor

Fronte á estratexia de “confrontación” de Feijóo e o PP co Goberno central socialista, “diálogo”. Esa foi a receita que ofreceron este domingo en Santiago os líderes de PSOE e PSdeG, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero, no mitin de lanzamento da precampaña electoral para o segundo. Un acto no que o candidato á Xunta reclamou a mobilización dos seus e no que dixo que soamente pon “por riba de Galicia aos meus fillos, e traballar polos meus fillos é traballar por Galicia”.

O mitin de Santiago, o primeiro gran acto do PSdeG de cara ao 5A, celebrado ante algo máis dun milleiro de persoas, principalmente cargos e militantes, no acristalado recibidor de entrada ao pavillón de deportes do Sar, presentou a Caballero sentado entre o ex-presidente Touriño e Pedro Sánchez. O propio Sánchez lembrou o seu traballo como asesor durante a campaña de 2005 que levou a Touriño á Xunta, “unha das campañas máis bonitas, que máis desfrutei, que máis ilusión tivemos”. Ao mesmo “cambio” que hai cinco lustros, e ao logrado tamén no Goberno central, apelaron este domingo Sánchez e Caballero, evidenciando que desta volta como daquela, co PSOE na Moncloa, o candidato do PSdeG conta co apoio de Ferraz.

Gonzalo Caballero intervén no mitin de lanzamento da precampaña no recibidor de entrada do pavillón do Sar, en Santiago © PSdeG

“Todos coñecemos a persoas abandonadas pola Xunta, nas nosas familias, na nosa contorna”

Coa Xunta en guerra con ese Goberno central en varias frontes (pagamentos pendentes do IVE, prazos do AVE, políticas industriais), Caballero ofreceu diálogo. Fronte á confrontación partidista que atribúe a Feijóo, o socialista reclama nesta campaña “confrontación de proxectos”. “Feijóo quere pasar pola campaña electoral de puntillas, intentando que non haxa confrontación dos dous proxectos”, dixo, para facer un “chamamento a todos os militantes” -“se hai alta participación, o proceso de cambio é imparable en Galicia”, dixo- a que expliquen o que quere facer o PSdeG nas áreas prioritarias que fixou no emprego, a despoboación e o abandono rural e as políticas sociais. 

“Feijóo quere facernos crer que Galicia tivo unha década prodixiosa despois de once anos de abandono do medio rural, nos que temos menos emprego, nos que os recortes nas políticas sociais abandonaron á cidadanía galega, de abandono do escenario urbano, de abandonar a xente moza que quere vivir no país”, enumerou, para describir o que cualificou como “a peor década da etapa democrática en Galicia”. Uns anos nos que “cando Galicia máis sufría, Feijóo pechou a Xunta aos galegos”, dixo, para salientar que “todos coñecemos a persoas abandonadas pola Xunta, nas nosas familias, na nosa contorna”.

Caballero preséntase como "un home do PSdeG-PSOE, e dígoo con orgullo, eu non agocho as siglas”, en referencia a Feijóo

O propio Caballero lembrou as súas orixes como militante socialista de base, “ás veces o máis díscolo da base, pero sempre con lealdade, sempre comprometido”. “Para ser secretario xeral do PSdeG tiven que superar moitas trabas durante vinte anos”, dixo, para salientar especialmente os seus últimos “dous anos dedicado integramente ao partido”, momento no que se emocionou e lanzou unha lembranza aos seus fillos, especialmente “a un que ten unha diversidade funcional”.

Caballero presentouse como “un home do PSdeG-PSOE, e dígoo con orgullo, eu non agocho as siglas”, o que permitiu a Sánchez a continuación criticar que “a política de Feijóo é a política agochada do PP”, do que se distancia e non quere amosar unhas siglas que segundo o socialista significan "corrupción". Ao igual que, salientou Sánchez, o presidente galego non quere que se vexan as súas fotos cos ex-directivos de Pemex investigados por corrupción ou na manifestación das tres dereitas na praza de Colón de Madrid. “Fronte a políticos que agochan, a min gústanme os políticos que dan a cara”, engadiu Sánchez, para quen “a bandeira de Galicia e a bandeira do PSdeG-PSOE a ondea como ninguén Gonzalo Caballero”.

Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez á súa chegada ao mitin de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Sánchez garantiu o “compromiso do Goberno de España por defender a industria galega, o sector lácteo, que o AVE chegue a Galicia o próximo ano, que o Goberno de España vaise envorcar co Xacobeo”

Na súa intervención, co conflito catalán de fondo, Sánchez tamén apelou ao diálogo territorial fronte á confrontación. No caso galego, ante as críticas da Xunta, Sánchez garantiu o “compromiso do Goberno de España por defender a industria galega, o sector lácteo, que o AVE chegue a Galicia o próximo ano, que o Goberno de España vaise envorcar co Xacobeo”. E, no caso catalán, o presidente rexeitou “ningunha lección da dereita sobre o compromiso constitucionalista”. 

“A ese tripartito da apocalipse”, dixo en referencia a PP, Ciudadanos e Vox, “dígolle que se non queren arrimar o ombro, que non sexan un obstáculo para o avance” da sociedade na no que está a traballar un Goberno de coalición con Unidas Podemos que "funciona a pleno rendemento e entendemento". “Se queren crispar, que crispen, nós ao noso, que é facer avanzar a Galicia”, dixo, antes de rematar a súa intervención asegurando que “o 5 de abril vai chegar a onda do cambio en Galicia, e temos o partido, o proxecto e o mellor dos candidatos para lideralo”.

Abel Caballero e Sánchez Bugallo

“O 5 de abril, ás doce da noite, serás o presidente do goberno de Galicia”, díxolle Abel Caballero ao seu sobriño

Antes das intervencións de Sánchez e o candidato do PSdeG, o perfil máis persoal de Gonzalo Caballero fíxoo o seu tío, Abel, o alcalde de Vigo, quen dixo del que é “un home formado, capaz, que estudou en tantos lugares, pero que tamén ten esa veta política que lle permite conectar con todos os sectores sociais” porque, salientou, “o noso proxecto nace da base, da xente na rúa, de aí saímos nós”. O seu sobriño, co que estivo enfrontado a nivel interno no PSdeG, é nestas eleccións “a esperanza de Galicia” fronte a un Feijóo ao que “se lle puxo cara de perdedor, e se lle nota a súa inseguridade no que está dicindo”. “O 5 de abril, ás doce da noite, serás o presidente do goberno de Galicia”, sentenciou Abel Caballero.

Antes de Abel Caballero, o mitin abriuno o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen lamentou que a década de goberno de Feijóo deixa “un país empequenecido”. Sobre os comicios, o rexedor salientou que nos catro últimos, celebrados no último ano, “Galicia, como nunca, votou progresista, nunca cunha diferenza tan enorme como nestas catro ocasións”.

Abel Caballero intervén no mitin de Santiago © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.