Varios millleiros de persoas pediron este domingo en Madrid a dimisión de Pedro Sánchez e a convocatoria de eleccións anticipadas. A marcha contra o diálogo do Goberno central co independentismo non logrou encher a Praza de Colón e as arterias lindeiras. Os convocantes cifraron a participación en 50.000 persoas. A policía, cuxo sindicato maioritario, SUP, sumouse á protesta, en cambio elaborou o seu propio cálculo: 120.000 persoas. Ciudadanos pola súa banda elevou a conta até 200.000 persoas sumando aos que estaban "nas rúas adxacentes", só 19 minutos despois de estimar a participación en 50.000.
PP Ciudadanos e Vox envorcáronse esta semana na convocatoria. O partido de Pablo Casado fretou autobuses gratis desde todos os puntos da península -varios desde Galicia- para manifestarse "contra a alta traizón a España". Na marcha estaba respresentada toda a dereita, desde a que se presenta ás eleccións, a colectivos ultras como España 2000 e Hogar Social Madrid. Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que mudou a súa axenda en Miami para poder asistir, así como outros cargos institucionais e do partido do PPdeG.
Feijóo uniuse á marcha e cargou contra Sánchez porque "non ten lexitimidade para negociar a soberanía nacional" da "nación máis antiga do mundo"
En declaracións aos medios, Feijóo dixo que Pedro Sánchez "non representa" a ninguén nesa "negociación" con dirixentes cataláns e que "non ten lextimidade para facela". "Non ten ningunha competencia para negociar a soberanía nacional", dixo o presidente da Xunta, que dixo que fóra "non se entende como nunha nación, a máis antiga do mundo xunto con Francia, se está discutindo sobre a propia nación e poñendo en cuestión a soberanía nacional".
"Imaxinen que cada vez que Pedro Sánchez fala comigo eu pida un mediador", engadiu. Ademais, Feijóo esixiu a Sánchez que "rectifique" logo dunha protesta que considerou "contundente" e pediulle que "faga caso" a Felipe González e Alfonso Guerra.
Os líderes de PP, Ciudadanos e Vox, Pablo Casado, Albert Rivera e Santiago Abascal, proclamaron nos minutos previos á concentración o final da lexislatura e consideraron a protesta como "un punto de inflexión" e esixiron ao xefe do Executivo que rompa relacións coas forzas independentistas e que convoque eleccións "inmediatas".
Casado, que se erixiu como o mestre de cerimonias da concentración celebrando a capacidade de convocatoria do seu partido, foi o máis vehemente esixindo "o fin da negociación" do Goberno "cos partidos independentistas". O líder do PP pronunciou estas palabras só dous días despois de que a vicepresidenta do Executivo, Carmen Calvo, anunciase precisamente a ruptura desas conversacións cos secesionistas.
"Non cabe rendición socialista"
A xuízo de Casado, con todo, "os cambios do Goberno están a demostrar que se estaba negociando". "Desde o PP o que pedimos son eleccións inmediatas tal e como se comprometeu Sánchez. Non podemos seguir tentando integrar os que queren desintegrarnos. Xa non cabe máis rendición socialista. Que cese inmediatamente o diálogo con aqueles que queren romper España e os xestos como os achegamentos de presos", proclamou o presidente popular en declaracións aos medios.
Casado, Rivera e Abascal deron por rematada a lexislatura nunha mobilización que non encheu a Praza de Colón e as rúas lindeiras
O PP, insistiu Casado, considera que "o tempo do Goberno de Sánchez acabou". Por iso pediu que nas eleccións autonómicas e municipais de maio se poida "pasar das rúas ás urnas" e que "o resultado sexa unha censura á actuación do Goberno para que non quede máis remedio de convocar xerais". "Hoxe é un punto de inflexión: basta a calquera tipo de ruptura", resolveu.
"Hai un antes e un despois. Sánchez debe convocar eleccións porque milleiros de españois dixéronlle non e dixeron si a España", asegurou na mesma liña Albert Rivera. O líder de Ciudadanos destacou que o que esixe o seu partido é "o máis básico nunha democracia": "Coller o voto, ir a unha urna e votar". "Que Sánchez tome nota e convoque eleccións. Este é o final dunha lexislatura esgotada".
O presidente de Vox, Santiago Abascal, sinalou, pola súa banda, que "o pobo debe ser chamado ás urnas urxentemente". Desde Colón, Abascal criticou que o Goberno de Sánchez tratase de negociar coa Generalitat de Catalunya e acusou o Executivo de pór "sobre a mesa a soberanía de España". Por iso, o líder de Vox recalcou que o obxectivo da concentración deste domingo é "denunciar a traizón dun Goberno ilexítimo".
Ningún do tres dirixentes políticos interviñeron durante o acto oficial que os convocantes quixeron deixar en mans da "sociedade civil". Os encargados de ler o manifesto foron os xornalistas María Claver, Carlos Cuesta e Albert Castillón. O texto destacou que "a unidade nacional non se negocia" e os convocantes esixiron a "convocatoria inmediata de eleccións xerais para que os españois poidan decidir o seu futuro". Tamén incluíu falsidades, como que Sánchez "cedeu ao aceptar as 21 esixencias do secesionismo".
Ante os milleiros de asistentes, os encargados de ler o manifesto destacaron que este acto se celebre sen símbolos partidistas. Á súa vez apuntaron que as persoas alí reunidas representan "o fastío da inmensa maioría dos españois ante a deriva suicida do Goberno de Pedro Sánchez". Incidindo na soberanía nacional, Castillón destacou que ninguén máis que o pobo "está lexitimado para decidir que é España nin que pode ser España".
O manifesto lido acusa falsamente o presidente do Goberno central de aceptar as esixencias do president da Generalitat, Quim Torra
En relación ás negociacións mantidas entre o Goberno e a Generalitat, comezaron destacando que "estas cesións puxeron á orde constitucional ante un dos maiores retos" vividos desde a súa promulgación e lamentaron que o Goberno de Pedro "cedeu en todas as ocasións nas que debería defender a dignidade dos españois antes os que queren acabar coa orde constitucional".
A relación que mantiveron desde Moncloa cos portavoces independentistas foron catalogadas como chantaxe e "humillación do Estado sen precedentes" na democracia. Tendo en conta que a semana que vén iníciase o xuízo de procés, aproveitaron esta intervención para manifestar o seu apoio aos xuíces "que levan meses soportando a presión independentista".
A foto de familia
Para finalizar, insistiron na petición de convocatoria de eleccións, apuntando que "os españois debemos ser chamados ás urnas inmediatamente". Lamentando que o Goberno central quixese dar unha "saída política a quen a hadado un golpe de estado" e puxo "sobre a mesa de negociación da soberanía de España". Por tanto, reivindicaron a vixencia do Estado de dereito como "garantía das liberdades individuais".
Ao final da protesta, que se prolongou durante apenas media hora, tanto Casado como Rivera e Abascal si subiron ao escenario a facerse a foto de familia e escoitar o himno e as vivas a España que puxeron final a unha mobilización que consideraron "histórica".
Alí non quixo estar o candidato á alcaldía de Barcelona, Manuel Valls, que durante as últimas horas sufriu críticas moi duras da prensa francesa por participar nun acto coa extrema dereita de Vox.
Na Coruña, onde tamén se celebrou unha concentración no mesmo sentido que a de Madrid, tan só uns centos de persoas se concentraron ante a Praza de María Pita. Entre os asistentes, a candidata do PP á alcaldía da Coruña, Beatriz Mato, e varios cargos locais populares.