O PSdeG presenta o seu lema de precampaña e avanza que en Lugo e Ourense as cabezas de lista serán mulleres
O candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentou este sábado o lema de precampaña da formación: “A hora do cambio”, unha proposta habitual en formacións de todo o espectro político que aspiran a arrebatar o poder ás que están nel. Unha mudanza que Caballero trasladará tamén ás listas socialistas, nas que asegura que haberá “experiencia” pero fundamentalmente “renovación”.
Se Caballero será o cabeza de lista por Pontevedra, ao igual que Feijóo no PP, pola Coruña avanzou que situará ao seu número 2 no PSdeG, o vicesecretario xeral Pablo Aranguena, actualmente deputado no Congreso. Pola súa banda, en Lugo e Ourense as cabezas de lista serán dúas mulleres, que tamén ocuparán os segundos postos na Coruña e Pontevedra, no que Caballero contextualizou como parte do cambio que busca de cara tamén a unha “igualdade real”.
Este domingo Caballero celebra o primeiro gran mitin da precampaña, en Santiago acompañado por Pedro Sánchez
Un día antes de que este domingo Caballero celebre o primeiro gran mitin da precampaña, en Santiago acompañado por Pedro Sánchez, o socialista, como vén facendo nos últimos días, tamén apelou á mobilización do electorado afín, que no caso do voto urbano vén resultando clave nas últimas eleccións para decantar o resultado dos comicios.