“O electorado progresista vai ir activándose de forma crecente e a derrota do PP vai ser contundente”, asegura Gonzalo Caballero
O propio candidato e líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, divulgou este venres a través da súa conta de Twitter os resultados dunha enquisa electoral realizada para o partido por Sigma Dos que abriría a posibilidade dun goberno alternativo ao PP tras os comicios do 5 de abril. Segundo a sondaxe, os populares baixarían dos seus actuais 41 deputados a entre 35 e 38, cifra esta última que é xusto a que garante a maioría absoluta dos 75 escanos do Parlamento de Galicia.
A sondaxe, elaborada a partir de 1.800 entrevistas, é a máis recente das coñecidas ata agora e preguntou de xeito conxunto por unha posible unión das formacións rupturistas á esquerda do PSdeG. Fontes socialistas salientan que o feito de realizarse moi recentemente e o amplo número de entrevistas realizadas fai dela a máis precisa das realizadas ata o momento.
A mostraxe supón para o PSdeG un aumento dos seus 14 deputados actuais a entre 19 e 22, pero o líder dos socialistas di que “son só enquisas, hai que seguir traballando”. “O electorado progresista vai ir activándose de forma crecente e a derrota do PP vai ser contundente”, di Caballero.
A última enquisa coñecida, de GAD3 e divulgada o pasado luns por ABC, outorgaba ao PP os mesmos escanos que na actualidade, 41, e ao PSdeG unha suba dos 14 actuais a 21.
A anterior enquisa coñecida, de Metroscopia e divulgada o pasado sábado por El Confidencial, fora realizada os días 11 e 12 de febreiro, cadrando coa convocatoria electoral, e daba ao PP 39 escanos, un por riba do necesario para a maioría absoluta.