"Esta vez vai en serio". "A próxima investidura, a túa". A ligazón entre as palabras pronunciadas por José Luis Rodríguez Zapatero ante a plana maior do PSdeG na proclamación de Emilio Pérez Touriño como candidato á Xunta e as verbas dirixidas a Gonzalo Caballero por Pedro Sánchez tras ser investido o pasado xaneiro ecoan nestes días na sede nacional dos socialistas galegos. Tras o adianto electoral para o vindeiro 5A, no seo do PSdeG trázanse paralelismos cos comicios adiantados por Manuel Fraga en 2005 non só por celebrárense no panorama -a priori- máis propicio para un eventual cambio de Goberno da última década, senón tamén por teren á súa disposición toda maquinaria electoral dun PSOE gobernante en España.
Na contorna da Executiva Nacional do PSdeG non dan por "feito" o cambio de Goberno. Nin de lonxe. Pero si observan grandes diferenzas a respecto de anteriores comicios e agora, cren, a mudanza na Xunta si é posible
"O vento de cambio sopra con forza", aseguraba Caballero o pasado martes, poucas horas despois de que Alberto Núñez Feijóo confirmase un anticipo electoral que -ao contrario do feito por Íñigo Urkullu en Euskadi, sinalan- o actual presidente non comunicou aos grupos da oposición antes de trasladalo á prensa. Co convencemento de que "se hai moita participación, o 5 de abril non hai quen pare o cambio", o PSdeG activa unha "intensa" precampaña para facer ver que "estamos preparados e temos todos os deberes feitos para xerar o cambio que Galicia necesita dende os valores do progresismo e do galeguismo".
Na contorna da Executiva Nacional socialista, que este xoves se reúne para axustar plans electorais, non dan o cambio por "feito". Nin de lonxe. Pero si observan grandes diferenzas entre a convocatoria do 5A e os comicios de 2016 ou 2012. Agora, cren, a mudanza de cor política é posible. Apuntan, por exemplo, aos resultados electorais dos comicios celebrados en 2019, cando o PSdeG logrou ser primeira forza en Galicia por primeira vez na súa historia -o 28A e nas europeas do 26M- e dous inéditos empates técnicos co PP -o 10N e nas municipais-. Con independencia de non ser extrapolables a unhas eleccións galegas, esta confluencia de factores nunca se dera, subliñan.
As fontes consultadas engaden ás cifras das eleccións de 2019 outros elementos que os convidan ao optimismo dende a "prudencia". O electorado galego está chamado ás urnas para renovar o Parlamento co PSOE no Goberno de España por primeira vez nunha década. E aínda por riba, o Partido Socialista está a gobernar en coalición con Unidas Podemos tras unha investidura con apoio parlamentario do BNG a un Executivo que, en boa medida, ten o seu primeiro exame electoral en Galicia.
O electorado galego está chamado ás urnas para renovar o Parlamento co PSOE no Goberno central por primeira vez nunha década, Executivo de coalición que, en boa medida, ten o seu primeiro exame electoral en Galicia
Malia cadrar cos comicios vascos, o feito de que en Euskadi sexa practicamente incuestionable un novo goberno encabezado polo PNV, a carreira electoral galega é "prioritaria" na dirección do partido. E por iso non aforrará esforzos. Tamén agardan un impacto positivo de medidas do Goberno central en clave social, como a suba do salario mínimo e das pensións. Estas accións, cren, poden ser percibidas con maior intensidade entre a poboación que controversias entre a Xunta e o Executivo central como a relativa ao IVE pendente dende 2017.
Deste xeito, non se agardan excesivos ataques cruzados entre as forzas de esquerda, especialmente dende a banda de Unidas Podemos e a candidatura que articule en Galicia. Máis ben, espéranse mensaxes que procuren reflectir a posibilidade de conformar na Xunta un Goberno de coalición de esquerdas ao xeito do estatal. Nesta liña, ao ser preguntado por eventuais pactos con outras forzas, Caballero respondía esta mesma semana desexando "éxitos" para o 5A ao resto da esquerda galega.
Con este pano de fondo, o PSdeG ultima unha carreira electoral con abondosa presenza de referentes estatais do PSOE, incluíndo ao propio Pedro Sánchez e outros membros do Goberno central e da dirección federal. Mostra deste "compromiso", sinalan as fontes consultadas, foron actos como os compartidos por Caballero con Adriana Lastra ou José Luis Ábalos nas últimas semanas. Non haberá daquela, como noutrora, pasividade na madrileña rúa de Ferraz a respecto da súa candidatura galega, senón todo o contrario: a maior implicación dende 2009.
O PSdeG ultima unha carreira electoral con abondosa presenza de referentes estatais do PSOE e na que Caballero tamén prevé contar cos referentes do poder institucional local do partido en Galicia
As fontes consultadas por Praza.gal aluden ademais a outra diferenza a respecto doutras eleccións galegas: o sempre efervescente PSdeG goza na actualidade dunha razoable paz interna. Alén de puntos de conflito puntuais, a Executiva Nacional non agarda maiores tensións. Menos aínda cuestionamentos públicos do candidato en vésperas electorais.
Por este motivo, Caballero prevé contar cos referentes do poder institucional local -Vigo incluído- pulando pola súa campaña, tanto en actos de pequeno formato -como o desenvolvido esta semana coa plataforma Galicia Baleira en compaña da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e do voceiro ourensán, Rafael Rodríguez Villarino- como nos eventos sectoriais ou mitins que están por vir. Este apoio e actos compartidos, cren, pode reforzar a Gonzalo Caballero alí onde o seu grao de coñecemento sexa menor. Nesta lóxica encádranse tamén encontros como o mantido polo candidato socialista o pasado mércores na sede local do partido en Santiago, simbólica para o líder socialista por ser onde iniciou a campaña interna que acabou coa súa vitoria nas primarias á secretaría xeral.
De calquera xeito, no cuartel xeral dos socialistas galegos tamén din estar preparados para unha campaña electoral dura, na que choverán os "ataques", especialmente se a recta final cara ao 5A semella demoscopicamente apertada. "Non hai nada feito", pero é "posible", reiteran.