Pachi Vázquez (O Carballiño, 1954) vén de cumprir tres anos como secretario xeral do PSdeG. Tras a abrupta chegada á oposición en 2009 herdou un partido cunha estrutura que non era a súa, pero coa que realizou toda unha "travesía polo deserto", interna e externa non exenta de conflitos, novos e enquistados. O Congreso Nacional celebrado o pasado marzo mantívoo no liderado pero agora "sen tutelas", repite. A súa é unha oposición dura pero nos últimos meses esfórzase en tentar transmitir "que é o momento en poñer unha alternativa enriba da mesa" para facerlle fronte ao "drama" da crise. Despois de resistir observa un mapa electoral galego en proceso de cambio e, agora si, amosa querer ser el quen encabece a "unidade da esquerda" que, asegura, pode chegar a San Caetano.
Véñense de cumprir tres anos da vitoria do PP nas urnas. Hai algo na xestión do presidente Feijóo ao que o PSdeG lle poida dar unha interpretación positiva?
Se tivésemos que escribir a historia destes tres anos, quen repase os datos só lle quedan tres xeitos de enfocalo, os tres anos do paro, os tres anos da caída do sistema financeiro galego e os tres anos de ataque ás políticas sociais. Fixeron algo ben? Pois seguramente algo farían ben, porque non pode ser todo negativo, pero o que fixesen ben queda tan diluído que, nun acto de vontade de atopar algo positivo, non son quen.
O presidente ten criticado moito o seu xeito de facer oposición, a que o atribúe?
Ao PP hai algo que o descoloca: normalmente somos máis propositivos nós ca eles. Dende hai un ano somos a oposición quen está poñendo enriba da mesa propostas de reactivación económica, de blindaxe de políticas sociais, de sectores estratéxicos... O PP ten mala conciencia, porque sente que enganou á xente. Este presidente estarase preguntando: se me votaron con maioría absoluta por que non me sae nada ben? Ata agora había unha onda, un tsunami, que dicía “esta rolda págaa Zapatero” e eles anotáronse a iso. Daba igual, a sociedade estaba vivindo momentos difíciles e conseguiron ilusionar por segunda vez a un grupo de xente. Pero caeron xa todas as fachadas de cartón pedra e demóstrase que a realidade é o peor escenario para Galicia de todos os posibles.
Lémbralle en numerosas ocasións aquela frase de “nin cen días, nin cen horas...”; foi aquilo unha reacción á campaña electoral do PP?
"Galicia vai responder nas autonómicas o ataque á sanidade e á educación, iso é o que ten ao Goberno desorientado"
Nós, fomos consecuentes. Feijóo quería sentar no sillón antes de que transcorrese un mes de cortesía pero quería que a oposición non sentase ata que pasasen cen días. Se ti queres empezar a gobernar dende o primeiro día, a oposición ten que empezar a traballar dende o primeiro día. Os acontecementos foron demostrando o que fomos dicindo, aínda que cometemos erros, como calquera. Non temos sistema financeiro, o paro vai desbocado, a reactivación económica é inexistente e agora empezamos por vender as xoias da familia co ataque rotundo á sanidade e á educación. Galicia vaille responder a este Goberno nas próximas autonómicas, dicíndolle que a puido enganar unha vez, pero que non a pode seguir enganando. É o que ten ao Goberno descentrado. Nestes días pasou algo anecdótico pero que demostra o seu grao de desorientación: ver a un militante socialista expedientado [Carlos Príncipe] presentando o vicepresidente do Goberno galego en Vigo é indicativo da desorientación do Goberno.
Tres anos despois, o futuro dos servizos públicos está no centro do debate. Ata que punto están en risco a sanidade ou a educación e ata que punto a cidadanía o percibe así?
Se a ti che mente o presidente de Galicia é moi difícil recoñecelo. Este presidente dixo que non ía aplicar o copagamento e de repente fai un copagamento no que todos os pensionistas, aínda que eu non consigo que se saiba, teñen que pagar o 10% dos medicamentos que consuman. Outra cousa é cando lles devolvan os cartos dentro de seis meses. Pero o máis grave non é iso, é que non é necesario pagalos. É mentira que a sanidade teña un problema de custos. Hai algo que non encaixa. Como é posible dicir que non debemos nada na sanidade pero que é insostible?
É posible poñer en marcha medidas distintas dende Galicia malia á rixidez das normas estatais e europeas?
O problema de España é que debe 3,4 billóns de pesetas e as Administracións só deben 700.000 millóns. Polo tanto, estes 10.000 millóns de euros que lle queren sacar á sanidade e á educación son calderilla. Por certo, que se poden sacar en termos de eficiencia, haberá que reducir algunhas cousas, pero non se poden sacar obrigando a pagar de novo, porque iso é romper o sistema de saúde. Cobrarlles aos maiores en Galicia non significa nin o 0,6% do orzamento, polo tanto, é unha decisión ideolóxica, non te saca de pobre. Que hai por tras disto? Un gran negocio na sanidade e na educación, onde os sectores máis radicais da dereita queren aproveitar para pasarlle factura a un modelo que a eles non lles gusta. A crise non vén pola sanidade nin pola educación, senón por un sistema financeiro ao que non se lle toca e ademais se lle dan cartos.
Nos últimos meses medra o descontento social en Galicia. Cre que isto muda o panorama de cara ás eleccións galegas?
"Feijóo está na fase patolóxica de crer as súas mentiras e ademais rendeuse; se non é quen, ten que deixar paso"
Teño a absoluta certeza de que neste momento é máis que posible unha alternativa política en Galicia. O PP ten datos de que a día de hoxe non ten maioría absoluta. O propio presidente, que tiña previsto celebrar as eleccións en outubro agora di que en marzo. Por que escapa de outubro? Porque sabe que non ten a confianza das galegas e galegos. Cre que a vai ter en marzo? Seguramente, por este camiño, non. O máis grave do sufrimento que lle están facendo padecer á poboación é que é baldío, porque só aumenta a recesión. Deste problema non se sae pechando universidades e escolas, retirando bolsas e recortando a sanidade. Sáese coa reactivación económica, tendo a valentía de dicirlle á banca e ás grandes rendas “vostedes van pagar”, aplicando impostos medioambientais. Pero temos un presidente ao que lle pasan dúas cousas: de tanto repetir as súas mentiras está nesa fase patolóxica de que cre o que repite tantas veces e hai un presidente que se rendeu, que di que non dá. Se non é quen, ten que deixar paso.
Outra mostra de descontento viuse mesmo no propio Parlamento, cos afectados polas preferentes de Novagalicia Banco. En xeral, cre que se cumpriron os seus vaticinios sobre as desaparición das caixas?
A min tachóuseme de traidor a Galicia, de que eu non quería a este país, cando dicía cousas elementais. Dicíamos que se metes nunha cama dous enfermos, non fan un san, fan unha cama con dous enfermos. E a teoría deles era que metendo na cama a dous enfermos, un máis ca o outro, ía saír un san. Falábamos dos SIP [Sistema Institucional de Protección] e todos os que se incorporaron a eles seguen sendo caixas que teñen bancos. Houbo un presidente que converteu isto no seu casus belli. Era culpa de Zapatero, pero agora xa non é culpa de Rajoy e o máis grave é que conseguiu en tres anos que o sistema financeiro galego desaparecese. Habería que preguntarlle a Feijóo onde quedou aquel bolígrafo que ía quedar para a historia. O gran drama non é só que non teñamos sistema financeiro, é que non temos crédito. Que fallou? Que o presidente escolleu un camiño equivocado e, por desgraza, estanse cumprindo as peores expectativas.
Di Alfonso Rueda que o futuro de NCG Banco “non depende da Xunta”...
"Non temos sistema financeiro porque se metes nunha cama dous enfermos, non fan un san"
Se saíse ben sería grazas ao presidente, pero cando vai mal a cousa... Este presidente nunca está onde hai problemas en Galicia; está onde hai unha foto. Vando o sistema financeiro galego ía ser marabilloso era aquela foto, de todos coas mans modelo NBA, pero cando desaparece o sistema financeiro, desaparece o presidente. O drama é que neste momento estamos no peor dos escenarios. Nós pedímoslle a Feijóo que diga a verdade, que temos o dereito de saber se nos ten que comprar o BBVA, o Santander, La Caixa ou hai que vender a un fondo de investimento. El ten unha decisión de imaxe persoal e onde hai un problema, non está. Pero onde hai un problema, o primeiro en chegar ten que ser o presidente.
Os días nos que se cumprían tres anos de lexislatura estiveron marcados polo episodio da presunta fraude fiscal do señor Conde Roa, que rematou coa súa dimisión. Di o PP que o alcalde de Lugo está no mesmo caso e por iso tamén debería marchar...
Entendo que tenten tirar bombas de fume, porque non é normal o que lle pasou ao PP e a Conde Roa. Cal é o elemento diferencial de Conde Roa? Non é que tivese un problema con Facenda, é que alguén lle deu 300.000 euros que non eran del e recoñece que quedou con eles, iso ten un nome. Non dimite por estar imputado, porque o PP ten imputados a unha ducia de alcaldes e membros do Goberno, senón porque admite publicamente a comisión dun delito. Nese momento falan de Orozco. Hai que ver estatisticamente que a maior parte dos imputados quedan en nada, outra cousa é cando se abre o proceso, cando hai indicios razoables. E outra cousa é cando un alcalde di “si, collín os cartos e quedei con eles”.