Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) recibe a Praza.gal a bordo da súa furgoneta de campaña, unha caste de cuartel xeral sobre rodas no que o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta aproveita para atender as innumerables mensaxes que agardan resposta no seu teléfono móbil, botarlle unha ollada á prensa ou repasar a intensa axenda de campaña. Hoxe agárdano varios actos co líder do PSOE, Pedro Sánchez quen, di, está a ser recibido con verdadeiro fervor entre a militancia máis veterana, a que o alenta para o "non" a Rajoy. O primeiro é en Lugo, onde Leiceaga lembra que Feijóo prometeu hai máis de media década un tren que nunca chegou ou servizos sanitarios que aínda están a chegar a pingas. Son promesas que despois lembrará dende o atril de aspirante á Xunta, onde como cada día ata o 25S "hai unha idea central: que o cambio pasa por nós". Os inquéritos non acompañan, admite, pero unha mobilización da esquerda pode tombar a permanencia dun Feijóo "á defensiva": "Tenta meter o dedo nas feridas dos outros mentres non é quen de dicir 'este é o meu proxecto ilusionante para os vindeiros catro anos'. O seu proxecto remata nel mesmo", reprocha.
Vimos de ver enquisas que xeran titulares nos que o PP figura cunha maioría absoluta practicamente intacta. Como impactaron na campaña do PSdeG?
Preferiríamos, sen dúbida, que os titulares fosen outros. Se isto fose hai catro ou cinco anos tería máis impacto, pero nos últimos anos no Partido Socialista estamos acostumados a que o CIS e outros lancen uns resultados que despois son moi diferentes. Por iso o impacto está sensiblemente amortecido. Despois, hai cuestións técnicas importantes, por exemplo no CIS: a toma de datos foi feita en agosto, un mes atípico para unha mostra fiable. E nun momento de tanta liquidez para a conformación da opinión pública, sen demasiados inquéritos previos para ver como transformar os votos indecisos e opacos, hai que tomalos con cautela.
Que lles diría a quen comentaron durante a campaña iso de que “Leiceaga sería mellor presidente que candidato”?
[Ri] Non sabía que existía ese comentario. Pois que o que teñen que facer é pensar en catro anos de goberno e non en quince días de campaña.
A batalla nesta campaña é, no eido da esquerda, tamén do ánimo. Percibe moitas voces na contorna da esquerda e, en particular, na do PSdeG, que di que Feijóo xa o ten feito e que pouco hai que tentar?
"Todo está moi aberto e todo vai depender da mobilización do noso votante potencial"
Non. Fronte ao que sucedía en 2012, a sensación agora é que todo está moi aberto. É certo que o PP é unha maquinaria potente e que en Galicia teñen unha gran capacidade para chegar á poboación e mobilizar os seus votantes. Pero a sensación no noso campo é que todo vai depender da mobilización do noso votante potencial. O CIS di que hai un gran desexo de cambio, que se reflicte en que o 57% dos preguntados desexan un cambio de goberno e un 30% queren continuidade. No PSdeG cremos que a cuestión é levar ese desexo de cambio ao voto, esa é a clave.
O PP mantén un mantra en campaña: que fronte a Feijóo só hai “lío”. Entre os partidos da esquerda, pero tamén dentro dos partidos…
Hai que contrastar esa visión, moi xornalística e de papel couché, coas prácticas de goberno. Nestes momento en case todas as comunidades autónomas hai gobernos de coalición encabezados polo PSOE. E en todos eles hai estabilidade malia estaren apoiados por varios partidos ou ser de coalición. Por que Galicia vai ser unha excepción? E tamén en Galicia temos esa experiencia, con gobernos absolutamente estables fronte a gobernos do PP con maioría absoluta que en Galicia, nalgún momento, foron moito máis inestables polas súas divisións internas.
"Nos partidos-empresa como o PP o xefe decide con decisións unipersoais, nos partidos democráticos como o PSdeG hai debate interno con transparencia"
Internamente a clave está en que hai partidos democráticos de verdade, nos que hai debate interno e o candidato se elixe en primarias de verdade, como no PSdeG, que provocan transparencia, porque hai debate aberto. E hai partidos-empresa nos que o xefe, neste caso Feijóo, decide continuar cunha decisión unipersoal. E neses partidos non hai debate, pero non quere dicir que non haxa lío, bandos enfrontados ou problemas de presenza nas listas.
En calquera caso, sobre todo en precampaña, vostede non o tivo internamente moi doado para exercer como candidato…
Xa. Iso tamén ocorre con En Marea, por exemplo. Nos partidos democráticos hai transparencia, debate e posicións. E no PSdeG hai unha forte presenza municipal, hai posicións de poder e presenza nos medios destas posicións.
A respecto da indecisión e da necesidade de mobilizar, o CIS di que potencialmente o PSdeG é quen pode acceder a unha maior bolsa de electorado indeciso. E tamén que se xogan un bo número de votos con En Marea. Por que deberían apostar polo PSdeG e non por En Marea?
"Temos máis solidez e capacidade que En Marea para levar adiante un proxecto definido de país"
Xogámonos voto con En Marea e tamén co BNG e mesmo co PP. Xogámolo nunha ampla franxa. É a nosa vantaxe e a nosa debilidade. No caso da porcentaxe que nos xogamos con En Marea, deben ver no Partido Socialista a solidez e capacidade de levar adiante un proxecto de país definido. Temos propostas concretas, verificables, que sabemos canto custan. Esa é a diferenza: temos experiencia de goberno, temos candidatos que foron e poden ser bos xestores. Mentres, En Marea ten un proxecto máis borroso, aínda por fraguar, e menos capacidade de xestión, cando menos demostrada. Nós somos máis confiables.
Teme que calle no electorado que o bloqueo do Congreso pode suceder en Galicia, aínda que aquí os números o fagan, a priori, moito máis difícil?
Nós imos facer un gran esforzo, se hai unha maioría progresista alternativa ao PP, por que isto acabe nun goberno presidido polo PSdeG. E ímolo facer porque se se dá ese resultado, haberá un mandato claro tras oito anos de Feijóo. E ese mandato será reforzar os servizos públicos, impulsar o retorno da mocidade, un modelo económico baseado na innovación, facilitar a creación de empresas tecnolóxicas, unha política social máis activa… Estas son as cousas que cremos que a sociedade demanda, e sobre estas bases podemos poñernos de acordo.
Esta campaña desenvólvese nun contexto de tensión territorial no Estado e mentres o Goberno galego veu dando por “esgotado” o proceso de traspaso de competencias. Cal é a súa axenda neste eido?
"Temos que facer algo de 'mea culpa', no PSOE houbo, cando gobernou, posicións máis ríxidas que no PSdeG cos traspasos de competencias"
Hai traspasos que teñen consenso no ámbito parlamentario que deberían dar lugar a unha posición forte fronte ao Goberno central. E aquí temos que facer algo de mea culpa, porque tamén no PSOE houbo posicións máis ríxidas cando gobernaba que as que había no PSdeG. Por exemplo, co traspaso da AP-9, unha materia central para podermos tratar directamente coa empresa concesionaria. Pero tamén a xestión do tráfico, que está funcionando no País Vasco e Cataluña con total normalidade, por que non podemos abordalo dende aquí? Ou quen fala disto fala da inspección de traballo ou da inspección marítima; non entendo por que tendo plenas competencias sobre o litoral, non temos a súa inspección.
E tería agora, na dirección federal do PSOE, o apoio que faltou noutros momentos para facelas efectivas?
Eu vexo unha posición máis aberta, máis comprensión das posicións específicas dos territorios. Nese sentido, hai máis facilidade.
Podería formularse neste ámbito unha reforma do Estatuto? Ou xa caeu da axenda?
Debería facerse, pero temos que escoller o momento. A min cústame crer que teñamos encallado indefinidamente o tema catalán. E a súa solución vai ser un novo encaixe que responda ás aspiracións dun amplo sector da sociedade catalá. Iso debería dar lugar a unha reflexión sobre a reforma constitucional, e nese momento deberíamos pensar nunha reforma do Estatuto para ese novo modelo territorial. Se isto non é así, a reforma do Estatuto sería boa porque permitiría modernizalo con cuestións que van da igualdade de xénero á limitación de mandatos, pero non ten tanta urxencia.