Miguel Pardo

Unha ducia de promesas de "cambio" electoral

En plena campaña electoral, son moitos os partidos que apelan ao "cambio" nos seus lemas electorais. Agora e sempre. PSOE, PP, CiU, Podemos, ICV ou BNG coincidiron na chamada a cambiar as cousas algunha vez na súa traxectoria. Velaquí algúns exemplos. 

  1. 01

    O PSOE e Felipe González

    O PSOE accedería por primeira vez á Moncloa con este lema histórico en 1982. Non sería, nin moito menos, a última vez que se apelase ao cambio nunhas eleccións. 

  2. 02

    Tamén Francisco Vázquez

    Nunha versión menos refinada, Francisco Vázquez tamén pedía o voto polo cambio naquel 1982. 

  3. 03

    Pujol e a coalición para o Senado

    Jordi Pujol formou parte dunha candidatura en coalición catalá para o Senado en 1977. A formación considerábase "unha garantía para o cambio". 

  4. 04

    Beiras, por un "cambio transformador"

    Nas eleccións ao Parlamento galego de 2001, Xosé Manuel Beiras era o candidato á presidencia da Xunta polo BNG. A fronte nacionalista escollera como lema: O País entre todos, un cambio transformador

  5. 05

    Nicolás Redondo e o PSE-EE

    Tamén en 2001, nas eleccións autonómicas vascas, o PSE-EE apelaba ao "cambio e liberdade" para atraer o voto en Euskadi. 

  6. 06

    Pasqual Maragall

    Ano 2003. Pasqual Maragall, como líder do PSC, apela ao "canvi per Catalunya" nas eleccións autonómicas de 2003. Non sería a única vez que o ex president empregase un lema semellante nas súas campañas. 

  7. 07

    ICV e Joan Saura

    Tamén en 2003, tamén nas autonómicas catalás. Joan Saura, cabeza de lista por ICV apela a un "canvi de debò" (cambio de verdade) para pedir o voto para a súa formación. 

  8. 08

    Artur Mas: Comença el canvi

    Eleccións autonómicas de 2010 en Catalunya. Artur Mas é o cabeza de lista da desaparecida CiU, que emprega como lema de campaña Comença el canvi (Comeza o cambio), unha frase que sería empregada posteriormente por outros rivais políticos. 

  9. 09

    O PP gaña en 2011

    "Súmate al cambio". Con este lema de campaña obtivo o PP a maioría absoluta nas eleccións xerais de 2011. Copiou así a mensaxe que antes empregaran o PSOE ou CiU, entre outros. E funcionoulle. 

  10. 10

    Podemos e o cambio

    Podemos empregou a palabra "cambio" en moitos dos seus lemas. Chamou á Marcha do Cambio a principios deste 2015 e presentouse ás eleccións andaluzas co lema: "En Andalucía empieza el cambio". 

  11. 11

    Ciudadanos

    "El Cambio". Ese é o lema de Ciudadanos nesta campaña para as eleccións xerais do 20D. A formación laranxa apela ao mesmo que apelaron moitos dos seus rivais políticos, incluídos aqueles aos que di non parecerse nada. 

  12. 12

    El canvi no s'atura

    En Comú Podem, coalición de esquerdas catalá que se presenta ás eleccións xerais deste 20D, apela ao cambio en moitos dos seus lemas. No seu principal de campaña, advirten que "el canvi no s'atura" (o cambio non se detén), ao xeito doutras candidaturas de confluencia que, como En Marea, chaman a "mudalo todo".