As enquisas do 12X no estado de alarma revalidan a absoluta do PP coa incógnita do impacto da abstención no resultado

Enquisas electorais elaboradas durante o estado de alarma CC-BY-SA Praza Pública

BNG e PSdeG rexistran fortes ascensos que permitirían aos socialistas recuperar a segunda posición nun Parlamento no que só entraría ademais Galicia en Común

Maioría absoluta revalidada polo PP, forte ascenso de PSdeG e BNG e dúbidas sobre a abstención. Esa é a tónica xeral das enquisas electorais realizadas durante o estado de alarma polo coronavirus para o Parlamento de Galicia que se renovará o 12 de xullo. Porén, a maioría tamén poñen en dúbida que os populares manteñan os seus actuais 41 escanos, tres por riba da maioría absoluta da Cámara, que está en 38.

As últimas enquisas coñecidas son as que publican este domingo La Voz de Galicia, de Sondaxe, e El Progreso, La Región e Atlántico Diario, de Infortécnica. Segundo a primeira, o PP baixaría a 40 escanos, perdendo un por Ourense a respecto das eleccións galegas de 2016. Pola súa banda, na segunda enquisa esa perda dun deputado en Ourense é unha posibilidade, ao darlle entre 8 e 9 escanos nesa circunscrición, mentres que no global de Galicia o PP oscilaría entre 40 e 43 deputados.

As dúas enquisas deste domingo, como as outras que se viñeron publicando ata agora elaboradas durante o estado de alarma, reflicten igualmente unha importante suba de escanos para PSdeG, que recuperaría a segunda posición que perdeu en 2016, e BNG

Para Sondaxe os socialistas pasarían dos seus actuais 14 deputados a 17, mentres que os nacionalistas subirían duplicarían os seus resultados subindo de 6 a 12. Pola súa banda, Galicia en Común, coalición de Podemos, Anova, Esquerda Unida e as principais mareas locais que se estrea nestes comicios, quedaría con 6 escanos, fronte aos 14 que obtivo hai catro anos En Marea, que tras a súa división durante a pasada lexislatura quedaron repartidos no Parlamento en 9 deputados no grupo Común da Esquerda e 5 no Grupo Mixto. A enquisa de Infortécnica, pola súa banda, é a que dá un maior aumento aos socialistas, que pasarían a entre 21 e 23 deputados, mentres que os nacionalistas aumentarían a 8-10 e Galicia en Común quedaría con 2-4.

A nova coalición de En Marea co Partido Galeguista e Compromiso por Galicia, denominada Marea Galeguista, non obtería ningún escano, como tampouco o faría ningunha outra formación, en ningunha das enquisas publicadas ata agora. 

Antes destas enquisas publicadas este domingo outras igualmente elaboradas durante o estado de alarma ofreceron resultados similares:

O pasado mércores unha enquisa de Celeste-Tel para eldiario.es sinalaba que o PP retería a maioría absoluta por un ou dous escanos, baixando dos 41 que obtivo en 2016 a entre 38 e 39. Pola súa banda, o PSdeG aumentaría de 14 a entre 19 e 20 escanos, o BNG de 6 a 11 mentres que Galicia en Común quedaría con 6 escanos.

Hai unha semana, o luns 1 de xuño, a enquisa de GAD3 para ABC era a que mellores resultados daba para o PP, con entre 42 e 43 deputados, mentres que o PSdeG subía a 16-19, o BNG a 11-13 e Galicia en Común quedaba en 2-4.

Uns días antes, o 25 de maio, unha enquisa de NC Report para La Razón daba ao PP un lixeiro debilitamento, na liña das de Sondaxe e Celeste-TEL ou mesmo o rango baixo da de Infortécnica, cuns resultados de entre 39 e 40 escanos, un ou dous menos que agora, mentres que o PSdeG sería segunda forza con entre 18 e 19 e o BNG acadaría 11 escanos. A cuarta forza do Parlamento sería Galicia en Común con 6 escanos.

Durante o estado de alarma, pero con datos obtidos hai xa varias semanas, tamén se publicaron outras enquisas como a de electomania.es, do 17 de maio, ou outra previa de Infortécnica para El Progreso que o diario lucense publicou o 5 de abril, o día en que se ían celebrar inicialmente as eleccións galegas, con datos obtidos entre o 11 e o 19 de marzo, durante a primeira semana do estado de alarma. Para electomania.es os populares manterían os mesmos 41 deputados mentres que os socialistas aumentarían a 19, os nacionalistas a 11 e Galicia en Común quedaría en 4. Pola súa banda, para a enquisa de Infortécnica para El Progreso o PP oscilaría entre 39 e 42 deputados, o PSdeG entre 17 e 20, o BNG entre 11 e 12 e Galicia en Común entre 4 e 8.

A dúbida sobre a abstención

Non todas as enquisas fixeron públicas as súas expectativas de participación ou abstención, e as que si as amosaron difiren entre elas

Máis alá dos resultados electorais que ofrecen as enquisas, estas deixan no aire a dúbida sobre a influencia que terá o coronavirus nas votacións. Non todas fixeron públicas as súas expectativas de participación ou abstención, e as que si as amosaron difiren entre elas. Para Sondaxe, que non ten en conta o voto exterior do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA), que habitualmente presenta unha elevada abstención, a participación aumentaría 1,5 puntos pasando do 63,7% ao 65,2%. GAD-3 non indica se o seu dato ten en conta ou non o CERA, pero parecería que si ao sinalar unha participación do 60%, tres puntos menos. E NC Report si ten en conta o censo CERA e sitúa a súa participación no 50,2%, 3,5 puntos por baixo do 53,7% rexistrado nos comicios de 2016 unha vez recontado tamén o voto do exterior. Unhas eleccións as de hai catro anos nas que á súa vez xa baixara a participación a respecto das anteriores, nas que acadara un 54,9%.

A enquisa de Celeste-TEL para eldiario.es apunta ao electorado máis novo e o afín a Galicia en Común como o que máis dúbidas ten sobre ir a votar pola situación sanitaria

Á marxe das estimacións dispares sobre a participación que ofrecen as poucas enquisas que fan público ese dato, a de Celeste-TEL para eldiario.es pregunta de xeito expreso por como pensa cada persoa enquisada que se comportará o 12 de xullo por mor do coronavirus. Segundo esa enquisa, un terzo dos enquisados admitiron estar pensando en non votar pola situación sanitaria, unhas dúbidas que son maiores entre o electorado máis novo así como entre os que declaran a súa afinidade por Galicia en Común.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.