O PP retén a maioría absoluta por un ou dous escanos a mes e medio das eleccións

O inquérito sinala que o PP chegaría á recta final cara ao 12X cunha marxe de ata dous escanos para reter o poder CC-BY-NC-SA Praza Pública

Aínda que siga a ocupar un lugar practicamente residual no debate público, o certo é que resta xa algo menos de mes e medio para o día en que a cidadanía galega estará chamada a votar a composición do Parlamento que elixirá o vindeiro Goberno da Xunta, cuxo primeiro e central cometido será abordar as consecuencias sanitarias, sociais e económicas da crise do coronavirus. O PP afronta a recta final da carreira cara ao 12X con menos marxe sobre a maioría absoluta da que obtivo en 2016, pero aínda por riba dese limiar: entre un e dous escanos, segundo unha enquisa de Celeste-Tel para eldiario.es.

O PP obtería entre 38 e 39 escanos, polo que a esquerda precisaría un ou dous máis para aspirar a un Goberno alternativo unha década despois

Atendendo a este inquérito, cuxo traballo de campo foi realizado entre o 25 e o 29 de maio, os de Alberto Núñez Feijóo perderían un escano pola provincia de Pontevedra, outro pola de Ourense e tería en risco un pola de Lugo. Estas baixadas deixaríanos con entre 38 e 39 no Parlamento. Isto é, un por riba da maioría absoluta ou xusto nos 38 que permitiría ao PP formar Goberno por terceira lexislatura consecutiva e que deixaría á esquerda sen marxe para conformar un Executivo alternativo. 

O PSdeG volvería ser segunda forza con 19 ou 20, aumentando entre 5 e 6 escanos, o BNG case duplicaría a súa representación e chegaría aos 11 mentres GeC quedaría en 6

Pola banda da esquerda, suceda o que suceda co Goberno, a enquisa prognostica a enésima reconfiguración de forzas. O PSdeG recuperaría a segunda posición que perdeu nas urnas de hai catro anos e sumaría entre 5 e 6 escanos para quedar con entre 19 e 20 grazas a un incremento duns cinco puntos de apoio do electorado (Celeste-Tel sitúa os de Gonzalo Caballero na contorna do 23% dos votos). 

O BNG, pola súa banda, medraría aínda máis en votos e podería aspirar a ata practicamente duplicar representación, con 11 escanos fronte aos 6 dos que dispuxo na lexislatura que remata. O Bloque sería a terceira forza do Parlamento e xa non a cuarta. Nesa posición pasaría a estar Galicia en Común; esta coalición estrearíase como tal no lexislativo galego con algo máis do 9% dos votos e 6 escanos. 

Á esquerda faltaríanlle, daquela, un ou dous para darlle a volta a un xogo de maiorías no que, pola dereita, non terían marxe nin Ciudadanos nin Vox, moi lonxe do 5% do limiar para obter representación en calquera das catro circunscricións, sempre segundo o inquérito. O estudo de Celeste-Tel tampouco sinala marxe ningunha de representación para a coalición liderada por En Marea.

As provincias claves nun eventual cambio de maioría

A enquisa de Celeste-Tel para eldiario.es apunta tamén en que circunscricións estarían as claves dun eventual cambio de maioría que permitise á esquerda gobernar Galicia unha década despois. Nese caso, a batalla polos escanos finais volvería virar clave e faríao especialmente, atendendo aos datos deste inquérito e doutros previos, nas provincias da Coruña e Pontevedra e tamén na de Lugo.

A da Coruña sería, atendendo á enquisa, a circunscrición na que a esquerda tería que facer máis esforzo para restar cando menos un escano ao PP

A da Coruña sería, segundo este inquérito, a circunscrición na que as formacións da esquerda terían que facer un maior esforzo por rabuñar ao PP cando menos un escano, toda vez que na anterior edición desta mesma enquisa -antes da crise do coronavirus- os de Feijóo si quedaban sen o décimo terceiro escano coruñés, posto que nas listas rexistradas polo PP para o 5A ocupaba a actual conselleira de Educación, Carmen Pomar. [As deputadas que garanten o goberno do PP]. En 2005, a última ocasión na que o PP perdeu a absoluta, un dos escanos perdidos foi o último da Coruña, circunscrición á que corresponde un terzo do Parlamento -25 escanos-.

Naqueles comicios, os conservadores viran caer finalmente dous escanos por Pontevedra e, segundo o inquérito de Celeste-Tel, agora mesmo terían en risco só un, pasando de 11 a 10. Tamén terían en risco o oitavo de Lugo, que tornaría clave no caso dun resultado moi apertado, toda vez que ese deputado bailaría entre os populares e o PSdeG. En Ourense, di o inquérito, o noveno escano que os de José Manuel Baltar lograron en 2016 por unha escasa marxe sería nesta ocasión para o PSdeG.

A mocidade, a que menos vota ao PP e a máis abstencionista nos comicios da covid-19

O inquérito advirte da influencia na participación dun eventual rebrote do coronavirus

Nun contexto no que o propio inquérito advirte de que un elemento clave no resultado final pode ser o medo a eventuais contaxios do coronavirus -un terzo do electorado di que non acudiría ás urnas en caso de rebrote-, a posible abstención estaría repartida de maneira desigual e afectaría máis á franxa que, unha vez máis, menos votaría ao PP: a mocidade. Nesta poboación menor de 30 anos, a primeira forza sería o BNG. [O electorado mozo baixa ata outro mínimo histórico no censo para as eleccións galegas do 12X]

Mentres, a poboación maior e 65 anos, entre a que os populares seguen sendo primeira forza con primacía esmagadora, sería tamén nesta ocasión a que máis acudiría a votar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.