O PP, ao bordo de perder a maioría absoluta a un mes das eleccións galegas

A enquisa de Celeste-Tel prognostica un apertado resultado entre esquerda e dereita para o 5A CC-BY-NC-SA Praza Pública

A enquisa de Celeste-Tel sitúa o PP ao límite da maioría, con entre 36 e 38 escanos, e sen socios pola dereita con representación no Parlamento que lle permitisen completala

Por primeira vez dende 2009, panorama aberto a un mes das eleccións galegas. Esa é, cando menos, a fotografía que ofrece a enquisa de Celeste-Tel para eldiario.es sobre os comicios ao Parlamento de Galicia para o vindeiro 5A. Segundo este inquérito, o PP ten en risco a súa maioría absoluta e, daquela, a porta está aberta a un eventual cambio de Goberno. Os populares poderían pasar dos seus 41 escanos a entre 36 e 38, no límite da absoluta e sen socios pola dereita con representación no Pazo do Hórreo para completar a maioría.

O Partido Popular sería outra volta a forza máis votada en Galicia co 43,9% dos votos. Isto implicaría que os de Alberto Núñez Feijóo descenderían uns catro puntos a respecto de hai catro anos e deixarían polo camiño máis de 60.000 votos 

Non obstante, o PP galego continuaría, segundo este inquérito, cunha fortaleza moi superior á mostrada polo propio partido a nivel do Estado e polo propio PPdeG nas eleccións xerais celebradas en 2019. Mostra disto é que, atendendo aos datos da sondaxe, o vindeiro 5 de abril tanto Vox como Ciudadanos non darían logrado escanos por ningunha circunscrición.

Segundo a enquisa, o PSdeG recuperaría a segunda posición ao medrar entre 6 e 8 escanos e o BNG tamén lograría unha pronunciada suba, mentres que Galicia en Común descendería notablemente con relación a En Marea

Atendendo á enquisa, o PSdeG recuperará folgadamente a segunda posición e estaría en condicións de encabezar un eventual Executivo da esquerda. A formación de Gonzalo Caballero tería o 25,2% dos votos, máis de sete puntos por riba de 2016, e incrementarían a súa representación entre 6 e 8 escanos, ata roldar un intervalo de 20 a 22.

Os datos da enquisa tamén auguran un ascenso do BNG. A organización que encabeza Ana Pontón medraría arredor de 5 puntos, ata achegarse ao 14%, e recuperaría a condición de terceira forza política con ata 3 escanos. Xusto o contrario sucedería no eido da coñecida como esquerda rupturista. Galicia en Común obtería uns 8 puntos menos de apoio cidadán que os logrados por En Marea hai catro anos e dos 14 escanos da antiga confluencia pasaría a 8, segundo esta enquisa. Esta correlación de forzas difire doutros inquéritos coñecidos nos últimos días, nos que o ascenso do Bloque é maior e a representación de Galicia en Común, máis cativa.

Os escanos finais de Pontevedra e Lugo, claves no posible cambio

Sempre atendendo a esta enquisa, todo semella indicar que o vindeiro 5A a batalla polos escanos finais pode valer un Goberno. Moi especialmente, di o inquérito, en Pontevedra e Lugo. 

O inquérito prevé que PP e PSdeG disputen un escano en Pontevedra e que populares e Bloque pugnen pola acta final de Lugo

A baixada do PP gardaría certas semellanzas, por circunscricións, co acontecido no ano 2005. Perdería un escano na Coruña e en Pontevedra baixaría entre un e dous. Ese segundo escano pontevedrés estaría en disputa entre os populares e o PSdeG, exactamente como hai década e media, cando ese transcendental deputado final acabou dependendo do voto do estranxeiro. En Lugo tamén habería unha pugna estreita polo escano final, no seu caso entre os populares e o BNG. A sondaxe, mentres, dá por máis probable que os populares perdan outro escano en Ourense, o noveno, catro anos despois de arrebatarllo ao PSdeG por apenas 200 votos.

A esquerda é maioría na mocidade, a máis escasa e a máis abstencionista

A enquisa de Celeste-Tel para eldiario.es ratifica tamén a fenda xeracional no electorado galego e a maior tendencia á esquerda entre a poboación maís moza, que é tamén a máis escasa e a máis abstencionista. Non en van, entre o electorado de 18 a 30 anos, Galicia en Común sería a primeira forza seguida de preto polo BNG e co PSdeG a continuación. O PP quedaría nesta franxa de idade en cuarta posición, con apenas o 7%.

Entre a poboación maior de 65, a maioritaria no electorado galego, o PP conserva con amplitude a condición de primeira forza

Na seguinte franxa, de 31 a 44 anos, a esquerda seguiría liderando encabezada, neste caso, polo PSdeG (16,6%). O PP xa é neste sector segunda forza (12,6%) seguido do Bloque (10,1%) e Galicia en Común (8,5%), di o inquérito.

A situación invértese, como adoito, entre a poboación maior de 65 anos, que é tamén o sector maioritario entre o electorado galego. No seu caso, as candidaturas do PP superarían o 30% de apoio, duplicando amplamente a segunda forza, o PSdeG, e con BNG e Galicia en Común en cifras residuais. Os de Feijóo tamén lideran as preferencias da poboación de entre 45 e 64 anos.

FICHA TÉCNICA DA ENQUISA

Tamaño da mostra: 1.100 entrevistas.

Traballo de campo: Do 24 ao 28 de febreiro de 2020.

Metodoloxía: Telefónica (75% fixos, 25% móbiles)

Nivel de confianza e erro mostral: +/-3,02%

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.