O electorado mozo non deixa de caer e marca outro mínimo histórico nas eleccións galegas do 5A

O peso da mocidade no electorado galego é cada vez menor CC-BY-SA Foto: EC | Montaxe: Praza Pública

A convocatoria das eleccións galegas anticipadas ao 5 de abril supuxo a posta en marcha de todos os mecanismos ligados aos comicios. Tamén a publicación das principais magnitudes do censo electoral, composto por un total de 2.699.505 persoas das que 2.237.062 residen en Galicia. Entre o electorado residente no país, 72.964 persoas poderán votar por primeira vez por cumpriren os 18 anos dende as anteriores eleccións ao Parlamento, celebradas en setembro de 2016.

O electorado menor de 35 anos residente en Galicia apenas supera xa as 380.000 persoas para o 5A, 41.000 menos que nas anteriores eleccións galegas

Este novo electorado, mozos e mozas que acadaron a maioría de idade nos últimos anos, incorpóranse a un continxente de poboación cada vez menos numeroso, o do electorado novo. Tendo en conta que en termos estatísticos é habitual falar de mocidade para se referir á poboación de ata 35 anos, é posible afirmar que as eleccións do vindeiro 5A rexistrarán un novo mínimo histórico de xente moza con dereito a voto, con apenas 380.000 mozos e mozas. Son 41.000 menos que hai catro anos.

Mentres o peso da mocidade é cada vez menor, un grupo de idade aséntase como cada vez máis preponderante entre o electorado galego, o das persoas maiores de 65 anos. As mulleres e homes por riba deste limiar son xa case 700.000 e, con diferenza, o grupo de idade máis numeroso entre o electorado galego dende hai década e media. Tamén aumenta lixeiramente a poboación con dereito a voto de entre 50 e 64 anos, mentres que se reduce a de entre 35 e 49 anos, que resiste polo momento como segundo grupo máis numeroso.

A mocidade non é o grupo electoral residente en Galicia con máis peso sobre o total dende as eleccións nas que Fraga perdeu a Xunta

Os datos amosan ás claras como quedan cada vez máis lonxe os anos en que o grupo máis numeroso entre o electorado galego era, precisamente, o da mocidade que agora non deixa de marcar mínimos históricos. As últimas eleccións nas que o maior continxente de electoral tiña entre 18 e 34 anos foron as de 2005, as que supuxeron a perda do Goberno para o PP de Fraga. Daquela, a poboación moza eran máis de 640.000 persoas con dereito a voto. Agora son 262.000 menos e o grupo de idade con menor peso.

Mentres, neste mesmo período todos os demais grupos de idade aumentaron o seu peso electoral. Fixérono especialmente as persoas maiores de 65 anos, que nestas eleccións de 2020 serán 100.000 máis que naquelas de 2005. A poboación de 50 a 64 anos aumentou en case 80.000 persoas e a de 35 a 49 aumentou tamén, pero moito máis lixeiramente, en algo máis de 7.800.

Dominio esmagador do PP alén dos 65 anos

Aínda que a idade non é, nin de lonxe, o único elemento que condiciona o sentido do voto, o certo é que os sucesivos estudos demoscópicos sobre o recordo do voto nas eleccións galegas deixan claro que a preponderancia do PP segue a ter unha base esencial na poboación maior de 50 anos e, moi espialmente, na maior de 65. Así, por exemplo, no estudo postelectoral do CIS correspondente ás eleccións galegas de hai catro anos os populares acadaban máis dun 64% de apoio entre maiores de 65 anos.

Nos comicios de 2016, segundo o CIS, o PP perdeu a primeira posición entre o electorado menor de 35 anos

Na banda contraria, a da mocidade, naqueles comicios deuse un feito rechamante con relación a anteriores convocatorias. En contraste co sucedido nas dúas anteriores convocatorias -as de 2009 e 2012-, o PP non foi primeira forza entre a poboación de 18 a 24 anos e tampouco entre quen tiñan daquela de 25 a 34 anos. En ambos casos esa segunda posición correspondera a En Marea, segundo estes estudos. Na poboación de 35 a 44 anos os conservadores xa recuperaban a súa preponderancia, que se disparaba nas franxas de idade máis elevadas.

Nas eleccións de 2012 foi tamén significativa a caída dos apoios ao PSdeG entre as franxas de maior idade. Así, por exemplo, nos comicios de 2009 -nos que os socialistas obtiveran uns históricos 25 escanos- o partido daquela encabezado por Emilio Pérez Touriño chegaba ao 30% de apoio entre o electorado de 55 a 64 anos, apenas sete puntos menos que o PP. En 2016, o PSdeG caeu ao 16% nese sector da poboación e o PP disparouse ata o 42%.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.