Por que votamos a quen votamos? Por que gaña quen gaña? Como é o electorado de cada partido? Son algunhas das preguntas que xorden ao fío de cada resultado electoral e que, no caso dos comicios ao Parlamento de Galicia, adoitan derivar nun interrogante máis xeral: por que o PP gaña tantas veces e tan amplamente? As respostas a algunhas destas preguntas ou, cando menos, algunhas pistas para chegar a elas están nos inquéritos postelectorais. O principal -e practicamente único- estudo demoscópico de acceso público para Galicia que adoita estar dispoñible tras os procesos electorais galegos é o do Centro de Investigacións Sociolóxicas, que xa avanzou os principais resultados da súa enquisa posterior ás eleccións galegas do 25 de setembro do pasado ano. Desta análise é posible tirar, entre outras moitas conclusións, un retrato robot do electorado que sustentou a terceira maioría absoluta do PPdeG.
Case o 90% do electorado do PPdeG xa decidira o seu voto antes da campaña
Un dos aspectos que, segundo o CIS, volveu caracterizar o electorado dos conservadores é a súa gran fidelidade ao partido e a escasa influencia da campaña electoral na súa decisión final. Non en van, o 88% do electorado que declara o seu apoio ao partido que volveu sustentar o Goberno xa decidira outorgar o seu sufraxio ao PP antes do inicio da carreira electoral, atendendo á análise do recordo de voto. Pola contra, nas forzas da esquerda a campaña semella ter moita máis relevancia, algo que desta volta sucedeu especialmente no BNG. Non en van, case un 40% de quen declaran que optaron polo Bloque indica que tomaron a decisión entre a segunda metade da campaña e a propia xornada electoral.
Outro dos trazos que permite diferenciar varios grupos entre a poboación de Galicia con dereito a voto e intuír a orixe da vitoria conservadora é a idade do electorado. Así, é a partir da contorna dos 50 anos de idade o sector do electorado no que o PP amosa máis ás claras o seu dominio e na poboación maior de 65 anos acada e mesmo supera o apoio medio entre a poboación xeral. Así, mentres que este indicador de recordo outorga aos populares un apoio xeral do 30% -nas urnas foi do 47,6%-, entre quen teñen máis de 55 anos supera o 35% e entre maiores de 65% racha a barreira do 47%.
En Marea é a forza con máis apoio entre a poboación menor de 35 anos
Un panorama ben diferente é o que o estudo do CIS reflicte para a poboación xuvenil. Así, no electorado de 18 a 24 anos a forza política máis apoiada sería En Marea, con case o 24% dos sufraxios -o recordo dálle algo menos dun 13% e no resultado real superou o 19%-, mentres que o segundo posto sería para o PP, cun 18,8% e, máis afastados, o PSdeG co 6,5% e o BNG, na contorna do 4%. En Marea tamén é primeira forza no grupo de 25 a 34 anos e entre a poboación de 35 a 44 pasaría xa á asegunda posición, pero a apenas 4 puntos do PP.
O Bloque, pola súa banda, acada a maior porcentaxe entre a poboación de 25 a 24 anos -chega ao 5,5% de recordo de voto, que foi do 8,3% nas votacións-, acadando o 8%. No que atinxe ao PSdeG regresa á segunda posición por diante de En Marea e do BNG entre a poboación de máis de 45 anos e é entre esta idade e os 54 onde logra, con case un 15%, a maior porcentaxe de apoio -o recordo medio para os socialistas é do 11,8% e nas eleccións tiveron o 17,9% dos votos-.
Máis da metade de quen apoian o BNG fano fundamentalmente por crer que é a forza que "mellor defende Galicia"
Unha vez bosquexadas algunhas das características do electorado de cada partido cabe achegarse a outra pregunta: cales son os principais motivos que impulsan a cadaquén a optar por un ou outro partido? Preguntado ao respecto polo CIS o electorado galego indica que as forzas políticas que absorben máis volume de voto en clave ideolóxica son En Marea e o PSdeG. Cun 50,2% e un 47,3%, respectivamente, foron as candidaturas cuxo electorado as elixiu, en maior medida, por seren as que "mellor representan" as súas "ideas e intereses". Mentres, noutra das variables manexadas polo estudo, a forza que "mellor defende Galicia", o BNG destaca por riba do resto da opcións, xa que esta é a primeira razón que esgrime algo máis do 50% do seu electorado.
En Marea e PSdeG son as forzas con máior proporción de voto en clave ideolóxica
As claves ideolóxica e territorial tamén están presentes no electorado do PP, se ben os motivos de quen apoian este partido distribúense máis entre as diferentes posibilidades que ofrece o inquérito. Así, algo máis dun 25% coida que o Partido Popular é a forza política que "mellor defende" o país e algo menos dun 20% do seu electorado apóiao principalmente por ser quen mellor representa as súas ideas. Así e todo, entre quen votan ao PP destaca unha resposta que concorda cun dos principais eixos da campaña conservadora, o candidato. Non en van, máis do 22% do electorado do PP tivo como principal motivo para a súa escolla considerar que era a formación co "mellor candidato", unha proporción moi semellante á de hai catro anos.
O peso da figura do candidato como elemento moito máis determinante no PP que no resto de partidos confírmase noutras das preguntas realizadas polo CIS, as que analizan o grao de coñecemento e valoración cidadá de líderes. Tras oito anos de goberno Alberto Núñez Feijóo acada un grao de coñecemento do 90% -a primeira vez que se presentou estaba por baixo do 80%- e a seguinte líder en coñecemento, Ana Pontón, fica un chisco por baixo do 50%. Por baixo do 45% de coñecemento cidadán situábanse o socialista Xoaquín Fernández e o candidato de En Marea, Luís Villares.
Ao carón do grao de coñecemento dos candidatos e candidata á Presidencia das forzas que obtiveron representación parlamentaria o CIS ofrece tamén a súa valoración, unha 'nota' de 0 a 10. Neste indicador o único líder que traspasa o limiar do 5 é tamén Feijóo, que chega ao 5,33, e o segundo posto é de novo para a portavoz nacional do BNG, cun 4,55. Villares, segundo o estudo, supera por pouco o 4 e Leiceaga queda 7 centésimas por baixo deste valor.
Todos estes resultados proceden dun inquérito realizado nun clima aínda notablemente influído pola propia campaña electoral e as reaccións inmediatamente posteriores dos partidos políticos. Non en van, as 2.865 entrevistas en que se basea, distribuídas entre 194 municipios galegos, foron realizadas entre o 28 de setembro e o 31 de outubro do pasado ano. A marxe de erro desta enquisa é, segundo o CIS, de ±1,9%.