En Marea rexistra a súa coalición con CxG e PG baixo o nome Marea Galeguista

Presentación da coalición de En Marea, CxG e PG, este 30 de maio en Santiago CC-BY-SA EM

A pasada semana, o 70% das 200 persoas inscritas en En Marea que participaron no proceso votaron a prol de  revogar a decisión de non presentarse ás eleccións galegas adoptada ante a convocatoria do 5 de abril e si concorrer o vindeiro 12 de xullo, pero en coalición. Tras esa votación, a formación pechou un acordo con Compromiso con Galicia e o Partido Galeguista para coligárense e, tras rexistráreno, este sábado presentárono á prensa dando a coñecer tamén a súa marca electoral, Marea Galeguista.

Os integrantes da coalición sinalan que na vindeira semana elixirán listas e candidatura á Xunta

Aínda sen listas nin designación de candidatura á Presidencia da Xunta -farano a vindeira semana, especifica-, a formación din ter vontade de ser "decisiva" e interpreta que esa é a "demanda" da cidadanía, en verbas dun dos actuais voceiros de En Marea, Pancho Casal. Casal foi o encargado de rubricar o acordo, nun acto ante o Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval, en Santiago, xunto a Juan Carlos Piñeiro (CxG) e Francisco López Chesqui (PG).

O acordo de vinte puntos entre os tres partidos, sinalan, parte da base da súa vontade de presentarse aos comicios no marco dunha "nova normalidade" tras a pandemia do coronavirus que "debe ser unha oportunidade para mellorar a calidade de vida das galegas e galegos". O seu, aseguran, é un proxecto "nacional, galego, aberto e inclusivo" que non se define por ser de "esquerda" ou "dereita", senón polo seu perfil "nacional".

Casal intervén na presentación da coalición 'Marea Galeguista' CC-BY-SA EM

Entre as súas prioridades, indican, están a abordaxe "das emerxencias social, feminista e climática que vive Galicia" e pular por unha "Galicia feminista, ecolóxica e descarbonizada, na que se priorice a soberanía enerxética e alimentaria do país, construída desde o local, a través da defensa e reforzo  das competencias, recursos e autonomía das administracións municipais"

Nas europeas de 2019, EM e CxG sumaron o 1,50% dos votos; nas xerais de novembro dese ano EM decidiu non presentarse para "non contribuír á atomización as forzas progresistas" e CxG chegara a un acordo co BNG

"Un empresariado galego comprometido co país", "un modelo laboral para unha vida digna" ou a "xustiza fiscal" son algúns dos aspectos do acordo rubricado por unha opción electoral da que resta coñecer se será ou non considerada pola Xunta Electoral como herdeira da En Marea que, como partido, concorreu aos comicios de 2016 con Luís Villares como aspirante á Presidencia. Desa consideración dependen aspectos como que Marea Galeguista goce da segunda posición tras o PP no espazos electorais dos medios públicos ou teña asegurado un posto nos debates electorais que se celebren na CRTVG.

Resta coñecer se MG será ou non quen de superar o limiar do 5% dos votos nalgunha das catro circunscricións galegas e, de non facelo, cal será o efecto da súa concorrencia na representación no resto de forzas coas que potencialmente compiten. Nas últimas eleccións ás que se presentaron tanto En Marea como CxG, as europeas do pasado 2019, a formación daquela liderada por Villares obtivera 15.375 votos (1,05% no global galego) e Compromiso, 6.492 sufraxios (0,45%). Nos seguintes comicios, as xerais do 10 de novembro daquel ano, En Marea decidiu non presentarse "para non contribuír á atomización das forzas progresistas" e CxG chegara a un acordo co BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.