En Marea decide agora presentarse ás autonómicas de xullo tras rexeitar concorrer nas previstas para abril

Pancho Casal, de En Marea © En Marea

En Marea, que rexeitara presentarse ás eleccións previstas en abril, decide agora concorrer ás de xullo aínda que en coalición

En Marea rectifica e, logo de anunciar que non se presentaría ás eleccións previstas para o pasado 5 de abril --e suspendidas polo coronavirus-- decide agora concorrer ás do vindeiro 12 de xullo, aínda que aposta por ir "en coalición". 

Así o decidiron o 62% das persoas inscritas participantes no plenario telemático --un total de 200-- que votaron a prol de presentarse, metnres que o 21% votou en contra desa posibilidade e o 17% abstívose. 

Acto electoral de En Marea CC-BY-SA En Marea

No entanto, como aclara a formación nun comunicado, na cuestión referida a se presentarse en solitario ou en coalición, un 12% votaron a favor de concorrer en solitario, fronte a un 73% que apostou por facelo nunha gran coalición, "incluíndo nela a mareas e plataformas municipais (83% a favor) así como a forzas soberanistas que defendan un programa baseado en combater as emerxencias climática, social e feminista que vive o noso país, pulando por unha nova normalidade xusta e sostible".   

En Marea, que decidira non presentarse ás últimas eleccións xerais do 10 de novembro, si participara nas anteriores do 28 de abril, obtendo tan só o 1% dos votos en Galicia, algo máis de 17.000 sufraxios e tan só 1.000 por riba de PACMA. Agora, e logo de decidir que non concorrería ás autonómicas, o seu plenario decide presentarse, aínda que aposta por unha coalición que non parece doada. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.