Luís Villares di adeus á política: "Non vin perpetuarme"

Luís Villares anunciou este 19 de febreiro a súa marcha da política activa CC-BY-SA En Marea
Publicidade
Publicidade

Tres anos e medio despois de aceptar o ofrecemento de ser candidato á presidencia da Xunta por En Marea, o maxistrado en excedencia Luís Villares abandona a política partidaria. A dous días do peche do prazo de rexistro de candidaturas para as eleccións galegas do 5 de abril, un visiblemente emocionado Villares compareceu ante a prensa para anunciar a súa renuncia a participar nas primarias de En Marea e á súa condición de voceiro desta formación.

"Chamáronme e fun sen preguntar máis nada, pero as cúpulas dos partidos impediron que esa alternativa florecese", asegura o ata agora voceiro de En Marea, que retorna ao traballo como xuíz

"Chamáronme e alá fun sen preguntar máis nada", evocou Villares a respecto das semanas de 2016 nas que as formacións políticas que impulsaran En Marea contactaron con el por vías diversas para lanzar a súa candidatura. "Fixéronme -asegurou na súa despedida- o encargo de liderar un proxecto político plural" e accedeu "coa ilusión de construír unha alternativa para que a xente vivise mellor". "Pero as cúpulas deses partidos impediron que esa alternativa florecese plenamente", reprochou.

Luís Villares, nun acto da campaña das eleccións galegas de 2016 CC-BY-SA En Marea

Do seu punto de vista, o espazo político que concorreu unido baixo as siglas de En Marea en 2016 caeu nunha "desbocada carreira polo de sempre, por un sillón" e neste tempo acabou caendo na "convicción" de que "aquela chamada tiña trampa". "Eses partidos tratáronnos como escusa", láiase, nunha lexislatura na que deu en sentirse como "un intruso". E dado que "como sempre dixen, o meu paso pola política era temporal, non vin perpetuarme en ningún posto". E por iso a retirada.

Publicidade
Publicidade

Villares marcha afirmando non observa "ningunha razón programática para que non poida haber un acordo político" no eido da esquerda galega para as eleccións do 5A

Villares prevé retomar a súa carreira xudicial e di marchar da política partidaria coa esperanza de que se "impoña a sensatez" entre as formacións de esquerda cara á vindeira cita electoral. Malia todo, mantén, segue sen observar "ningunha razón programática para que non poida haber un acordo político" e que "a esquerda deste país non poida concorrer unida". Segue, asegura, sen entender "por que nos temos que enfrontar as mareas co Bloque ou con Podemos. E se me apuran, ata co PSOE; por que non podemos facer unha lista de ideas de progreso?", cuestionou.

Ao cabo, cre, nos últimos días se algo está a ficar claro é que non existe un "combate de ideas" que dificulte os posibles pactos" entre, por exemplo, Anova con Unidas Podemos e as mareas municipais. Máis ben, cre, é un "combate de postos" no que, como no seu paso pola política institucional como partidaria, di verse como un "becho raro".

Tras a marcha de Villares fica sobre a mesa o interrogante de cal será o papel de En Marea no 5A. Nos últimos días, por boca do seu ata agora voceiro, mantivo a súa aposta por explorar acordos para as eleccións. Esta posibilidade dependerá, en boa medida, de que finalmente Anova e as principais mareas municipais cheguen ou non a un pacto con Unidas Podemos. Este acordo, no caso de frutificar como coalición, tería que estar pechado, a máis tardar, en apenas dous días, toda vez que o día 21 finaliza o prazo de inscrición destas fórmulas electorais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.