A formación que lidera Luís Villares, que en abril obtivo apenas o 1% dos votos, barallou desta volta tanto a posibilidade dunha candidatura única galega como un acordo co partido de Errejón
O Plenario de En Marea decidiu este sábado, nunha reunión extraordinaria a dous días de que o luns remate o prazo para formalizar as candidaturas, non presentarse ás eleccións xerais do 10 de novembro “para non contribuír á atomización das forzas progresistas. A formación que lidera Luís Villares, que en abril obtivo apenas o 1% dos votos, barallou desta volta tanto a posibilidade dunha candidatura única galega como un acordo co partido de Errejón, opcións que non prosperaron.
Segundo En Marea, “a falta de vontade das forzas galegas e progresistas para acordar unha candidatura única imposibilitará que Galicia conte cunha representación eficaz na defensa dos seus intereses”. A formación considera que presentarse á marxe desa alianza “suporía unha fragmentación maior do espazo progresista galego, que actuará en contra dos intereses da cidadanía para conseguir que o Estado teña un goberno de progreso que, cando menos, impida o avance das dereitas e sirva para recuperar liberdades, superar o precariado e ampliar os dereitos sociais”.
Nun comunicado, En Marea sinala que se compromete “a seguir traballando en todas as frontes políticas e institucionais facendo especial fincapé nas tres grandes emerxencias que padece Galicia neste momento: a climática, a feminista e a da igualdade social”.