Pontón amósase convencida de que “desta vai” e presenta a formación nacionalista como a única garantía de que Galicia teña voz propia en Madrid
“É a segunda volta para que Galiza poida ter voz propia en Madrid da man do BNG”. Así presentou este sábado a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, as novas eleccións xerais que se celebrarán o 10 de novembro despois de que, segundo dixo, nos comicios de abril tivesen “na punta dos dedos” volver entrar no Congreso tras dobrar os resultados obtidos nas xerais de 2016.
A presentación en Santiago das cabezas de lista do BNG (Néstor Rego pola Coruña, Carme da Silva por Pontevedra, Olalla Rodil por Lugo e Francisco García por Ourense) serviu para que Pontón apelase ao electorado a transformar o “cabreo” co bloqueo político dos últimos meses nunha “oportunidade” para que a súa formación volva ao Congreso. “Estamos convencidos de que desta vai”, dixo, pero evitando pronunciarse sobre enquisas que avalarían esa posibilidade por “precaución”.
"Se algo necesitamos neste momento é menos Madrid e máis Galicia", di Pontón
Na súa intervención Pontón insistiu na necesidade de que Galicia teña “voz propia en Madrid” e lamentou que tanto “a vella e a nova política” coinciden en seguir discriminando a Galicia. Nesa liña, criticou que o pacto de Podemos co PSOE para os orzamentos do Estado, que finalmente non saíron adiante pola falta de apoios suficientes entre outros partidos, ían consolidar “os peores orzamentos en décadas para Galiza”, algo que o BNG non secundaría, di, porque é unha forza “sen ataduras” que só pensa no país.
"Cada vez hai máis galegos que son conscientes de que Galiza perde cando non está o BNG defendendo os seus intereses no Congreso", asegura Pontón, que tamén lanzou unha crítica ante a presentación tamén pola Coruña e Pontevedra da nova formación de Íñigo Errejón sinalando que "se algo necesitamos neste momento é menos Madrid e máis Galiza".