As formacións políticas van situando as súas pezas para as novas eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro. A reforma legal aprobada no ano 2016 para o suposto de convocatoria automática de comicios ao Congreso e ao Senado por falta de acordo para formar goberno reduciu múltiples prazos. Entre eles, os que estipulan o límite para rexistrar coalicións electorais, que rematou ás dúas da tarde deste luns sen unións inesperadas de últimas hora, no caso galego. Mentres, ao tempo, partidos como o PSdeG ratifican as súas cabezas de lista para o proceso.
"Non houbo resposta positiva para armar unha nova fronte ampla", afirmaron dende Anova no día límite para o peche de coalicións
Unha das formacións que nas últimas semanas admitiu explorar a posibilidade dunha unión con outras forzas para o 10N, Anova, confirmaba pouco antes da fin do prazo que, como xa sucedera nas xerais de abril, non participará nos comicios do 10N. "Infelizmente, verificamos que non houbo resposta positiva para armar unha nova fronte ampla", afirma a formación que encabeza Antón Sánchez nun comunicado, no que subliñaba que a súa "aposta" fora "dar continuidade ao espazo que abrimos coa emerxencia de AGE", coa participación nas mareas municipais ou "coa asemblea de Vigo na que naceu a primeira En Marea", din.
Villares asegura que En Marea segue disposta a "conseguir unha candidatura galega" con candidaturas compartidas con outras formacións
Dende En Marea como partido volvía falar este luns o seu voceiro, Luís Villares. Unha vez descartada a posibilidade dunha alianza con Más País, o partido de Íñigo Errejón -que este luns rexistrou coalicións con Compromís, Equo e a Chunta Aragonesista-, Villares reiteraba en rolda de prensa o "chamamento" a "conseguir unha candidatura galega que leve a axenda galega a Madrid".
Neste sentido, o líder de En Marea mesmo aseguraba ver viable a posibilidade de candidaturas conxuntas co BNG. Resta saber, en calquera caso, cal será a decisión final de En Marea sobre as candidaturas de seu se, como todo apunta, non existe incorporación a ningunha lista conxunta. O prazo para a inscrición de listas finaliza o 7 de outubro.
O BNG ratificou a Néstor Rego, Olalla Rodil, Francisco García e Carme da Silva como cabezas de lista ao Congreso
Pola banda do propio Bloque a súa portavoz nacional, Ana Pontón, desbotaba pouco despois esta posibilidade a preguntas da prensa. Así, Pontón lembraba que hai apenas dous días, o pasado sábado, o Consello Nacional da formación que lidera ratificaba as cabezas de lista ao Congreso. Na Coruña e Pontevedra os carteis electorais do Bloque volverán ser Néstor Rego e Carme da Silva. Mentres, en Lugo a deputada Olalla Rodil será a número un en substitución de Maite Ferreiro, agora edil de Cultura na capital lucense e vicepresidenta da Deputación provincial. En Ourense o cabeza de cartel será agora Francisco García, ex-alcalde de Allariz.
No PSdeG recuncan á fronte das listas Pilar Cancela, Ana Prieto, Marina Ortega e Olga Alonso
Pola banda socialista o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, ratificaba este luns que os primeiros postos provinciais das listas socialistas ao Congreso serán para as mesmas persoas que os ocuparon en abril, cando o PSdeG remudara tres das catro cabezas de cartel. Así, pola Coruña a candidatura estará liderada outra volta por Pilar Cancela, en Lugo optará a seguir no Congreso Ana Prieto, en Ourense farao Marina Ortega e en Pontevedra, Olga Alonso. Entre as novidades dos primeiros postos destaca o número dous de Lugo, onde Sonsoles López baixa ao tres e o seu lugar pasou a ser para Javier Cerqueiro.
Neste contexto quedan aínda por despexar interrogantes sobre outras formacións políticas. É o caso de En Común-Unidas Podemos (Galicia en Común), que o 28A concorreu aos comicios xerais con Antón Gómez-Reino pola Coruña e Yolanda Díaz por Pontevedra como principais referencias.
Más País rexistrou a súa coalición con Equo para A Coruña e Pontevedra
Do mesmo xeito, a formación de Errejón non aclarou aínda se, como apuntaron algunhas fontes na pasada semana, concretará a súa intención de optar ao Congreso por, cando menos, as circunscricións coruñesa e pontevedresa. Polo momento, Más País rexistrou a súa coalición con Equo en ambas.
Ao tempo, o PP non ratificou polo momento se repetirá cabezas de cartel na nova convocatoria. Quen o aclarará esta mesma semana é Ciudadanos, que modificará cando menos a cabeza de lista pola Coruña toda vez que Marta Rivera de la Cruz, que fora elixida deputada, renunciou á acta para ser conselleira na Comunidad de Madrid.