Intensa remuda na representación do PSdeG no vindeiro Congreso dos Deputados. A Comisión Federal de listas do PSOE aprobou e o Comité Federal ratificou este domingo as listas do partido para todas as circunscricións no vindeiro 28-A e, no caso das galegas, a decisión trae consigo a renovación de tres das catro cabezas de lista á Cámara Baixa. A mesma xuntanza ratificou tamén a candidatura socialista ao Parlamento Europeo, que implica a fin da traxectoria en primeira liña dun dirixente clave no partido durante décadas, o galego José Blanco.
Ana Prieto e Marina Ortega, integrantes da Executiva Nacional do PSdeG, foron elixidas pola dirección federal do PSOE para o número 1 das listas electorais de Lugo e Ourense para o Congreso
No caso do Congreso a única cabeza de lista que volverá ocupar tal posto é Pilar Cancela, outra volta número 1 pola Coruña e tras ela, Pablo Arangüena. En Lugo a elixida é Ana Prieto, tenente de Alcaldía no Concello lucense e membro da Executiva Nacional do PSdeG. Tras ela situarase Sonsoles López, concelleira en Paradela e membro do goberno da Deputación de Lugo preferida para o número un por parte da dirección provincial. Para que ambas fosen deputadas os socialistas terían que obter un segundo escano por Lugo, o que implicaría regresar ao escenario electoral de 2004 e 2008.
Por Ourense a elixida é tamén outra integrante da Executiva Nacional que encabeza Gonzalo Caballero: o número 1, que asegura a efectos prácticos ser elixida, ocuparao Marina Ortega, edil no Carballiño. O preferido pola dirección na provincia, o ex-membro do Parlamento galego Juan Carlos Francisco, pasa a optar ao Senado. O número dous tras Ortega é Adolfo Pérez.
Como na Coruña, en Pontevedra o primeiro posto da candidatura do PSOE ás xerais tamén coincide coa preferencia do comité provincial. A designada é Olga Alonso, concelleira no goberno municipal de Vigo que substitúe como número 1 a Dolores Galovart, quen xa avanzara a súa intención de non recuncar para incorporarse á súa traxectoria profesional. O segundo posto é para Guillermo Meijón, que xa foi deputado nesta lexislatura.
González Casares substitúe a Blanco para a Eurocámara
A ratificación de candidaturas no PSOE trouxo tamén consigo o que o propio José Blanco xa admitira publicamente horas antes: o ex-ministro de Fomento, peza clave do partido na etapa de José Luis Rodríguez Zapatero, non volverá ser eurodeputado e, ao ficar fóra das listas aos comicios europeos do 26 de maio, pon fin a un prolongado período na primeira fronte política.
O ata agora tenente da Alcaldía de Lalín pasa a ser o referente do PSdeG na Eurocámara tras Sánchez Presedo e o propio Blanco
"Finaliza unha etapa na miña vida e comeza outra. Boto a vista atrás e só sinto gratitude, cara aos cidadáns que me apoiaron durante tanto tempo e cara ao PSOE e os seus militantes", afirmou o político de Palas de Rei a través das redes sociais, onde tamén dixo poñer "todo o apoio" e "axuda" á disposición de Nicolás González Casares, actual tenente da alcaldía de Lalín e novo número 9 na lista europea do PSOE. Ese posto para González Casares, que pasa a ser o referente do PSdeG no ámbito comunitario tras Antolín Sánchez Presedo e o propio Blanco, garante a priori amplamente a súa presenza na vindeira lexislatura da Eurocámara.
Como xa avanzara o propio partido, a candidatura do PSOE ás europeas -onde a circunscrición que rexe no caso español é a estatal- está liderada polo ata agora ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell. Tras el sitúanse Iratxe García e o politólogo Sami Naïr.