Pedro Sánchez dá por "garantido" o "futuro de Alcoa" nun mitin na Coruña

Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero, no mitin da Coruña © PSdeG

Pedro Sánchez estreouse na precampaña en Galicia cun acto na Coruña onde prometeu "derrogar a reforma laboral e facer un novo estatuto dos traballadores" e onde asegurou, tamén, que o estatuto da industria electrointensiva que se prevé aprobar nas próximas semanas "garante o futuro para Alcoa" tanto na cidade como na localidade asturiana de Avilés. 

Sánchez asegura que o estatuto da industria electrointensiva que se prevé aprobar nas próximas semanas "garante o futuro para Alcoa" tanto na cidade como na localidade asturiana de Avilés

Fixo esta promesa Sánchez mentres fóra do polideportivo San Francisco Javier traballadores da planta de aluminio da Coruña concentrábanse ao berro de "ministra Maroto, non nos vendan a moto" e onde as protestas viraron en tensión ante os intentos da policía por afastalos e a imposibilidade de atoparse co presidente do Goberno central. "Onde está o estatuto da industria electrointensiva?", preguntábanse os operarios de Alcoa mentres dentro o xefe do Executivo aseguraba que a súa futura aprobación garantía o emprego aos obreiros, acompañados por persoal de Poligal. 

Respecto a Galicia, Pedro Sánchez tamen se comprometeu a facher chegar "en prazo" a alta velocidade. Foi nun acto onde insistiu na necesidade de lograr "unha maioría parlamentaria" que lle permita ao Goberno central tamén recoñecer "o dereito á eutanasia e a unha morte digna". 

Protesta de persoal de Alcoa no exterior do mitin de Pedro Sánchez na Coruña © Rebelión Aluminio

Ante 1.500 persoas, e algunhas delas fóra, Sánchez alegou ao PSOE como "o partido que une España" e insistiu na "mobilización" para que non ocorra o acontecido en Andalucía. Ademais, tamén advertiu de que gobernaría "ata o último minuto desta lexislatura".

"Ser patriotas non é berrar viva España, é traballar para que se viva mellor", dixo, tras adiantar que non descarta "falar con todos os progresistas" de cara a un posible acordo de goberno. "hai que decidir entre un país que avance ou que retroceda e no que collamos todos ou non", insistiu tras críticas a Albert Rivera. 

Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou o PSOE como un partido de "esquerdas", que acabará co goberno de "retroceso" de Feijóo, convencido de que unha vitoria nas eleccións xerais trasladarase tamén a uns bos resultados nos comicios municipais e nas próximas autonómicas para esta formación.

Antes da chegada do presidente do Goberno de España ao acto, no exterior do polideportivo, e ademais dos traballadores de Alcoa e de Poliga, tamén se concentraron representantes do colectivo de prisións que reclaman melloras salariais e laborais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.