Dende o ano 2018 está en vigor a nova lei de protección de datos, que adaptou a normativa anterior á lexislación da Unión Europea e encaixou varios dos seus preceptos ao ouso dos datos en internet. Entre os seus efectos estivo tamén unha reforma puntual da lei electoral no seu artigo 39. En virtude desta reforma, a cidadanía pode deixar de recibir envíos de propaganda electoral na casa se pide que os partidos políticos non teñan acceso aos seus datos. Quen aínda non o fixese e queira esta exclusión para as novas eleccións xerais do 10 de novembro ten que solicitalo antes do 7 de outubro.
Quen xa realizase este trámite antes de eleccións anteriores mantén a exclusión dos envíos de propaganda e non ten que volver pedila
Concretamente, o trámite modificado pola devandita lei é o que regula a rectificación do censo en períodos electorais. Así, ata o décimo terceiro día dende a convocatoria dos comicios -neste caso ficarán convocados o 24 de setembro; daquela, ata o 7 de outubro- quen o desexe pode "opoñerse á inclusión nas copias do censo electoral" que se facilitan aos partidos políticos "para realizar envíos postais de propaganda electoral".
Quen xa realizase este trámite antes doutro proceso electoral xa celebrado dende a entrada en vigor da nova lei -no caso galego só se celebraron polo momento as xerais de abril e as municipais e europeas do pasado maio- mantén a exclusión e xa non ten que realizar ningún trámite. Quen non o fixese ten dúas vías para pedilo.
Esta exclusión atinxe só aos envíos postais de propaganda e papeletas, non así das accións personalizadas dos partidos en internet
Unha das posibilidade é tramitar por internet, a través da sede electrónica do INE, na que se inclúen os trámites relativos ao censo electoral. Para poder facelo cómpre contar cun dos certificados electrónicos que recoñece esta sede electrónica ou estar de alta no sistema de identificación dixital Cl@ve. A outra, acudindo en persoa aos concellos ou consulados nos que estean expostos os censos para o 10N en canto as eleccións queden convocadas oficialmente.
Completar este trámite garante non recibir por envío postal ningunha carta con propaganda dos partidos nin as habituais papeletas e sobres de votación que algunhas forzas políticas remiten malia estaren dispoñibles nos colexios electorais o día das votacións. Non obstante, esta exclusión só afecta ao mundo analóxico e non ao dixital, polo que o electorado que pida non recibir propaganda impresa si seguirá sendo obxectivo destas mensaxes a través, por exemplo, das campañas personalizadas a través das redes sociais.