@BotsPolíticosNo: Así se cazan os trolls e perfís falsos

O colectivo identificou máis dunha ducia de perfís falsos do PP de Lugo Dominio Público @BotsPoliticosNo

“A política é a continuación da guerra por outros medios”, escribiu Foucault en resposta ao coñecido aforismo de Clausewitz. Na política non vale todo, pero dende sempre empregáronse todo tipo de trampas e enganos e Internet e as redes sociais -polos mecanismos do anonimato e a impersonalización- facilitan a camuflaxe e as tácticas sucias. Por exemplo, a través da creación de perfís falsos e da actividade dirixida de trolls e bots. Pero a mesma rede achega tamén as ferramentas para detectar e denunciar estas prácticas, que nos últimos anos están servindo para xerar unha impresión falsa sobre o apoio real dunha idea, candidato ou partido, ou para atacar as propostas e persoas dos competidores políticos. 

Dende comezos do ano 2015 a conta @BotsPoliticosNo analiza e denuncia, a través de completos e documentados informes, as estratexias fraudulentas despregadas por case todas as forzas políticas nas redes sociais a través da actividade de perfís falsos e de trolls. "Con contas de perfil falso (sexan bots ou estean manexadas manualmente) é posible enganar as persoas de varias maneiras. Pódense construír tendencias artificialmente con pouco apoio real e tamén atacar as dos adversarios. Pódense introducir opinións nos hashtag de temática política coma se procedesen de usuarios reais, promocionar a políticos con mencións e RTs masivos para aumentar o seu índice de influencia, tamén criticar ou insultar con contas troll", explican en conversa con Praza. "Ao final un espazo propicio para o diálogo e a discusión respectuosa pódese chegar a converter nun lugar desagradable onde diferentes equipos políticos esfórzanse en alcanzar aos sufridos usuarios co maior número de impactos", denuncian.

"Ao final un espazo propicio para o diálogo e a discusión respectuosa pódese chegar a converter nun lugar desagradable onde diferentes equipos políticos esfórzanse en alcanzar aos sufridos usuarios co maior número de impactos"

Este colectivo iniciou esta actividade de investigacion ("e de aprendizaxe, que aínda continúa", engaden) despois de ler con interese a finais de 2013 unhas informacións sobre o uso de bots en México que tombaban hashtags críticos co goberno de Peña Nieto. "Pensamos se en España podería chegar a ocorrer algo parecido", din. Dende entón, analizaron e revelaron a actividade de contas falsas por parte do PSOE (tanto a nivel estatal coma en Andalucía), de Ciudadanos (en varias ocasións), de Podemos e, sobre todo, do Partido Popular. A súa máis recente investigación céntrase na estratexia de redes do PP en Galicia, cuxa publicación comezou hai uns días coa análise da actividade realizada en Lugo e continuará nas vindeiras semanas coas entregas correspondentes ás restantes provincias galegas. Eles mesmos explican que aínda que detectaron e denunciaron estratexias semellantes en todas as grandes forzas políticas, "o partido que máis veces atopamos facendo uso de perfís falsos é con diferenza o Partido Popular". "Pensamos que utilización de técnicas de engano en redes sociais pode estar relacionada co apoio que teña cada partido nas mesmas. A menor apoio en redes máis necesario sería facer trampas para compensar ese diferencial cos demais", salientan.

No último ano e medio @BotsPoliticosNo sacou á luz máis de 20 redes de contas con perfil falso destinadas a influír no voto dos cidadáns, que se poden diferenciar en tres tipos, segundo eles mesmos debullan: Tipo 1: redes creadas desde un partido a nivel autonómico ("son relativamente fáciles de detectar. Atopámolas só no Partido Popular e no Partido Socialista). Tipo 2: redes creadas desde un partido a nivel provincial ou municipal ("creadas desde o equipo de redes provincial ou a nivel de grupo municipal por algún concelleiro. Atopámolas no Partido Popular, o Partido Socialista e Ciudadanos"). Tipo 3: redes de tipo persoal nas que se promociona a ideoloxía do seu creador, xeralmente afiliado ou simpatizante dun partido ("Atopámolas en PP, PSOE, Cs e Podemos).

Para este equipo, "o ambiente de campaña case permanente" leva a unha "intensificación xeral das trampas efectuadas con contas de perfil falso para tentar modificar a opinión dos votantes". "Notamos con todo que desde hai un tempo os grupos que foron pillados con redes de bots (equipos de redes dalgúns partidos) decatáronse de que deben ser máis coidadosos e modificaron os seus comportamentos cara a trampas máis sutís. Pensamos que o noso traballo tivo que ver niso, servindo para que o uso de bots non chegue ao desenfreo, como ocorreu noutros países", din.

 

Como se detecta un perfil falso?

Como se caza un troll? Como se identifica un perfil falso e se descubre unha estratexia coordinada que emprega varios destes perfís? "Twitter é un medio moi amplo e poderíase establecer un símil coa pesca no sentido de que é fundamental elixir ben o lugar onde buscar, neste caso os hashtags que se van a analizar", din. "Temos dúas vías principais para detectar posibles redes de bots: sondaxes propias e reportes recibidos de persoas interesados neste tema. As sondaxes que realizamos consisten na súa maior parte en extraccións de datos mediante a API de Twitter, de distintos hashtags de tipo político utilizados polos distintos partidos e por programas de debate político", explican. "Unha vez temos os datos, ten lugar unha primeira análise onde se detectan as posibles contas de perfil falso. Se non aparece nada, quere dicir que non estabamos a mirar no lugar adecuado. Para detectalas pódese aplicar un método estatístico, visual, ou ambos", contan.

"O ambiente de campaña case permanente" leva a unha "intensificación xeral das trampas efectuadas con contas de perfil falso para tentar modificar a opinión dos votantes"

"O método visual consiste en representar os tweets (puntos en diagramas de dispersión) de tal maneira que un ollo adestrado pode chegar a recoñecer determinadas estruturas que van asociadas ao uso de bots. A aprendizaxe desas técnicas levounos bastante tempo e tivemos que desenvolver o software necesario", din. "O traballo máis pesado chega precisamente despois de atopar a rede e en ocasións ao seu responsable. A redacción do artigo, elaboración de gráficos e recompilación dos indicios e probas que lles demostren aos lectores que o que afirmamos é certo lévanos un mínimo de tres semanas, que poden estenderse até seis ou máis. Esa meticulosidade é fundamental, porque é o que lle deu ao blog a credibilidade que ten actualmente", engaden.

 

O caso do PP galego

"Detectamos unha considerable presenza de técnicas de engano que pensamos están auspiciadas dende o propio partido como parte dunha estratexia que estaría sendo aplicada por varios integrantes do Equipo de Redes do Partido Popular de Galicia"

Hai uns días o colectivo publicou no seu blog a análise da actividade fraudulenta das redes sociais do PP na provincia de Lugo, e nas vindeiras semanas continuarán coas outras tres provincias. Explican que "aínda que comezamos co caso de Lugo", a análise "non foi realizada por provincias senón en función das redes que fomos atopando". "Detectamos unha considerable presenza de técnicas de engano que pensamos están auspiciadas dende o propio partido como parte dunha estratexia que estaría sendo aplicada por varios integrantes do Equipo de Redes do Partido Popular de Galicia", explican. "A estratexia parece consistir na creación de pequenas redes de perfís falsos utilizadas para potenciar tanto ao partido e os seus líderes como ao seu creador. En ocasións varias destas pequenas redes unen as súas forzas para potenciar un hashtag", contan engadindo que "dá a impresión de que esta estratexia non é algo diferencial en Galicia senón que pode ser a tendencia natural para dificultar que estas trampas sexan detectadas".

Sinalan de forma particular a Manuel Antonio Fernández Piñeiro, responsable dende o pasado mes de marzo da Vicesecretaría de Novas Tecnoloxías e coordinador das redes sociais populares na provincia

Sinalan de forma particular a Manuel Antonio Fernández Piñeiro, membro do Comité Executivo do PP de Lugo, responsable dende o pasado mes de marzo da Vicesecretaría de Novas Tecnoloxías e coordinador das redes sociais populares na provincia. Acúsano de estar detrás de varias contas de twitter con perfil falso, empregadas para emitir consignas e argumentario do PPdeG e en favor de Alberto Nuñez Feijoo, para potenciar a figura da presidenta do Partido Popular de Lugo Elena Candia, para establecer conversas ficticias para simular apoio e criticar adversarios políticos, para efectuar accións de trolleo (con contas como @TRONZAPINOS e @Lugo_enoxado) e para retuitear hashtags de partido a nivel galego co obxectivo de potencialos. De igual xeito, subliñan o papel do deputado popular Jaime de Olano, ao que supoñen coñecedor destas estratexias.

Denuncian a utilización dalgunhas contas falsas como trolls, que saen en defensa dos políticos do PP ou atacan aos usuarios e usuarias doutras ideoloxías

De forma moi documentada e a través de distintas técnicas cuantitativas e cualitativas, o equipo revela a actividade de máis dunha ducia de contas falsas do PP de Lugo, que mesmo manteñen conversas entre elas para xerar verosimilitude, aínda que todo apunta a que son da autoría da mesma persoa. As distintas contas falsas, ademais, retuitéanse unhas a outras, e tamén son difundidas por outras redes populares en Galicia e por activistas en redes sociais pertencentes ao PPdeG.

 

Como reaccionan as persoas sinaladas por estas denuncias?

O equipo de @BotsPoliticosNo nunca interpela directamente aos responsables do partido acusado de permitir ou fomentar estas prácticas. "Pensamos que ese papel non nos corresponde. Nós só pretendemos mostrar os enganos que fan algúns equipos políticos e ser unha fonte crible", destacan. "Alguén debería pedir a opinión da presidenta do Partido Popular en Lugo (Elena Candia), do seu Vicesecretario de Novas Tecnoloxías (Manuel Antonio Fernández Piñeiro) e do deputado Jaime de Olano Vela, sobre este engano continuado que se está levando a cabo cara aos usuarios de twitter", afirman.

"O volume de spam político, redes de bots e trolls en Twitter dun determinado país é o reflexo do nivel ético dos seus políticos, pero tamén da sociedade"

"Pensamos que o volume de spam político, redes de bots trolls en Twitter dun determinado país é o reflexo do nivel ético dos seus políticos, pero tamén da sociedade. Pensamos que hai unha opinión bastante unánime entre os usuarios, contraria aos enganos con perfís falsos. Lamentablemente os responsables da rede social en España decidiron mirar para outro lado e iso empeora o problema, pois xera sensación de impunidade e fomenta as reincidencias, como xa está a pasar", din. "É esperanzador que nos últimos meses vimos comentarios de persoas, partidarias dalgúns partidos, criticando o uso de perfís falsos no seu propio partido", engaden.

 

O colectivo identificou máis dunha ducia de perfís falsos do PP de Lugo Dominio Público @BotsPoliticosNo
Sinalan tamén a actividade dalgún coñecido troll, como @Tronzapinos Dominio Público @BotsPoliticosNo
Mediante tests de coincidencias, buscan achar a orixe dos distintos perfís falsos Dominio Público @BotsPoliticosNo
Analizan a potenciación que distitntas contas ligadas ao PPdeG fan dos tuits desta rede de perfís falsos Dominio Público @BotsPoliticosNo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.