A viaxe de Ana Pontón ao Uruguai chegou nun momento sensible para as relacións económicas galegas co país. As sospeitas de fraude nun aval presentado polo estaleiro vigués Cardama nun contrato de dúas patrulleiras para o estado uruguaio, proceso no que a empresa galega asegura ser tamén vítima, enturban unhas ligazóns que a portavoz nacional do BNG puido abordar directamente co presidente, Yamandú Orsi.
A portavoz nacional do BNG é recibida por Yamandú Orsi en pleno conflito do goberno uruguaio co estaleiro vigués Cardama e aposta polo "diálogo para atopar unha solución": "O noso sector naval é un referente do bo facer"
Explica Pontón que, na audiencia que lle brindou Orsi, aproveitou para apostar polo "diálogo entre a empresa e o goberno uruguaio para atopar unha solución". "Pola nosa parte imos facer todo o posible para que se dea esa solución", agregou sobre un encontro no que, sinala, subliñou "a calidade do sector naval galego; de primeiro nivel, solvente e de vangarda".
"O noso sector naval é un referente de bo facer en todo o mundo" e está "moi profesionalizado" tras "décadas construíndo todo tipo de barcos tanto para o mercado español como internacional", resalta a líder soberanista, Neste sentido, indica, trasladou a Orsi a "oportunidade de incrementar as relacións comerciais" co noso país.
Pontón encadrou reflexión na presentación a Yamandú Orsi do "proxecto de goberno que o BNG ten para Galiza como alternativa ao PP". Neste sentido, admite, o "proxecto progresista" do Frente Amplio co que Orsi "seguiu a estela de José Mujica" continúa "a ser un exemplo a seguir para o BNG". "Nun momento no que avanza a dereita e a extrema dereita, o goberno do Frente Amplio é unha ventá de esperanza e tamén unha oportunidade para unha forza coma o BNG, que aspira a gobernar Galiza".
Chamada previa de Rueda
Na véspera da chegada de Pontón, o presidente da Xunta chamou a Orsi: "Preguntou como estaba a cousa, non cometeu a imprudencia de meterse nun tema que é de negocios", di o mandatario americano
Na véspera da chegada de Pontón ao Uruguai, o presidente da Xunta sinalou a través das redes sociais que falara por teléfono con Orsi para "interesarse pola situación do contrato" con Cardama, conflito que se remonta a hai máis dun mes. "Púxenlle de manifesto o enorme prestixio da construción naval en Galicia e quedamos en manter unha canle de comunicación aberta para coñecer de primeira man calquera novidade sobre a cuestión", di o presidente.
Preguntado ao respecto pola prensa, o presidente do Uruguai especificou que Rueda non o chamou para "interceder" por Cardama, senón que "preguntou como estaba a cousa", "que era o que pasara e como eu o vía, non moito máis". O presidente da Xunta, agrega Orsi, "defende as empresas galegas" pero "non cometeu a imprudencia" de "meterse nun tema que é de negocios e non de relacións diplomáticas", informa La Diaria.
Encontro da líder do Bloque coas entidades galegas
Antes de ser recibida polo presidente do Uruguai, Pontón mantivo xuntanzas con entidades herdeiras da emigración galega en Montevideo: o Padroado da Cultura Galega e a Federación de Asociacións Galegas do Uruguai. Foi, di, unha "oportunidade" para "coñecer as demandas da colectividade galega", mais tamén para "explicarlles a alternativa de goberno" do Bloque, que inclúe "unha Galiza de portas abertas a todas as persoas que un día tiveron que emigrar".
Pontón reuniuse con membros do Padroado da Cultura Galega e da Federación de Asociacións Galegas do Uruguai. A súa viaxe continuará na Arxentina
A este respecto, Pontón coida que unha boa vía para fomentar estes retornos ou chegadas de descendentes da emigración é "axilizar a homologación de títulos, neste momento atascada, a través da transferencia Galiza desta competencia". Destacou ante as entidades galegas do Uruguai, asemade, a "urxencia de conservar o legado cultural da emigración, polo menos o que queda a día de hoxe", porque "a nefasta xestión que ten feito o goberno do PP fai que se perdese unha parte importante dese extraordinario patrimonio".
Tras a visita ao Uruguai, onde a axenda de Pontón tamén inclúe o presidente do Parlamento Parlasur, Daniel Caggiani, e a ex-vicepresidenta e viúva de Mujica, Lucía Topolansky, a portavoz nacional do BNG viaxará á Arxentina. Así prevé encontros con cargos e ex-cargos políticos, caso de Cristina Fernández de Kirchner; con simpatizantes do BNG ou coa Federación de Asociacións Galegas de Arxentina; ademais, visitará o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, atoparase coa directiva do Centro Galicia e manterá encontros con colectivos de defensa da memoria histórica ou co Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel.