A Xunta tenta mercar a Santa de Asorey e outros bens da Casa de Galicia de Montevideo "coa idea de mantelos en Uruguai"

Desembalaxe d'A Santa de Asorey como parte da exposición 'Galicia, un relato no mundo', no Gaiás en 2019 CC-BY-SA Xunta

O pasado abril pechou definitivamente a Casa de Galicia de Montevideo. A entidade, que ademais de punto de encontro da emigración galega no Uruguai foi tamén o hospital da colectividade galega durante un século, foi disolta tras anos de perdas. Pouco despois, en xuño, o grupo sanitario Círculo Católico quedou co edificio e os servizos sanitarios mentres ex-socios da entidade fundaban a asociación A Casa de Galicia centro histórico-cultural coa vista posta en xestionar e preservar o seu rico patrimonio cultural.

A preservación do patrimonio da xa desaparecida Casa de Galicia foi obxecto de preocupación de entidades culturais e da oposición parlamentaria galega, que dende principios de ano viñan lamentando o que consideraron como inacción da Xunta. O Executivo agora presidido por Rueda debería ser activo en protexer ese legado, mesmo optando pola compra de bens tan emblemáticos como a escultura A Santa de Francisco Asorey, advertiran tanto o BNG coma o PSdeG. Esas xestións, asegura agora a Xunta, xa están en marcha.

Derradeiro día de actividade do Hospital da Casa de Galicia de Montevideo © Casa de Galicia se mueve

Foi tamén o pasado xuño cando o Bloque rexistrou varias iniciativas parlamentarias a respecto da preservación do legado cultural da Casa de Galicia de Montevideo. Unha delas foi unha pregunta escrita que a Consellería de Cultura respondeu este 7 de xullo. Nela, o departamento que dirixe Román Rodríguez confirma que "está traballando na adquisición dunha serie de bens de interese cultural" da entidade disolta, entre eles A Santa de Asorey. 

A Xunta, que fora instada por BNG e PSdeG a actuar para preservar o legado cultural da disolta Casa de Galicia da capital uruguaia, di manexar unha "lista pechada e taxada por especialistas do Uruguai" sobre os "bens de interese cultural" da entidade en cuxa "adquisición está traballando"

Trátase, acrecenta, dunha "lista pechada e taxada por especialistas do Uruguai" da empresa Casa Bavastro. Ademais da emblemática escultura, sinala, inclúe "outros bens de escaso valor económico, pero de valor sentimental relacionados con Galicia, aos que se impuxo un valor simbólico". A forma para mercalos é "a que establece a propia lexislación concursal do Uruguai e a nosa lexislación administrativa", acrecenta.

Cultura non especifica, así e todo, unha lista completa dese patrimonio que, si ratifica, "se adquire coa idea de mantelo no Uruguai". Para facelo, a Consellería di contar "coa colaboración e opinión das distintas comunidades galegas, dos propios ex-socios da Casa de Galicia" e mais das "autoridades en materia cultural do Estado uruguaio". Nesta liña, "o depósito e goce das mesmas deberá cumprir cos requisitos que garantan a súa preservación".

Con este pano de fondo, a Xunta asegura que continuará actuando "dentro da medida en que a lexislación uruguaia o permita" malia "non ter capacidade de decisión nin exercer control" sobre o "funcionamento interno" dos centros galegos no exterior. "Dende esa premisa", asegura, "segue de preto os acontecementos relacionados coa Casa de Galicia de Montevideo. A resposta chegou ao Parlamento apenas vinte e catro horas despois de que a Xunta nomease como nova delegada na capital uruguaia a María Elvira Domínguez Alonso. 

Toma de posesión da delegada da Xunta en Montevideo, o pasado 6 de xullo na Biblioteca América da USC, ante Alfonso Rueda, presidente da Xunta, e Antonio López, reitor da universidade CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.