A exposición ‘Galicia, un relato no mundo’, a gran mostra do ano na Cidade da Cultura, confirma a presenza da emblemática escultura de Asorey, cedida pola Casa de Galicia de Montevideo
Santa foi a obra de arte da que o propio Asorey se sentía “máis satisfeito”. Unha muller labrega cun corpo lonxe das idealizacións femininas e cargando, ergueita e digna, cun xugo. Unha escultura que se convertería en símbolo da propia Galicia e que volverá á terra, cedida pola Casa de Galicia de Montevideo, para a exposición Galicia, un relato no mundo.
A mostra, que analiza “as relacións internacionais e o papel de Galicia na historia do mundo”, é comisariada por Manuel Gago e está chamada a ser a gran exposición do ano na Cidade da Cultura. Inaugúrase en novembro e os seus organizadores seguen a confirmar a presenza nela de novas pezas traídas de todo o mundo. Tras comezar co anuncio da presenza na exposición do Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, un dos tres grandes da lírica galaico-portuguesa medieval, a lista continuou con préstamos como o Libro das Invasións, onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán e o avistamento de Irlanda desde o faro de Brigantia, o Itinerarium de Exeria ou o Mapa de Sawley, que recolle a catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa.
“Desde o primeiro momento, críticos e público identificou Santa como unha representación da muller galega e, por extensión, da propia Galicia e da súa situación na época"
Agora anúnciase a presenza tamén na mostra de Santa, da que o Consello da Cultura Galega salienta que cando a escultura se presentou na Exposición Nacional de Belas Artes en Madrid en 1926 “provocou unha enorme controversia que chegou ás portadas dos xornais da época e mesmo o escándalo da raíña Victoria Euxenia, muller de Afonso XIII”. “Desde o primeiro momento, críticos e público identificou Santa como unha representación da muller galega e, por extensión, da propia Galicia e da súa situación na época. E a peza mergullouse nun gran debate estético ao redor de como se representaban as mulleres na arte, pero tamén político, ao redor da propia situación de Galicia”.
Santa foi adquirida pola Casa de Galicia de Montevideo en 1951. Partiu de Galicia desde Vigo e desde o inicio da democracia houbo varios intentos de traela de volta ao país. Esta será a primeira vez que a peza retorne para esta exposición temporal que presenta as interaccións entre Galicia e o mundo, simbolizando no seu caso o patrimonio cultural preservado polas entidades asociativas da emigración.
A mostra tamén contará coa bandeira do Tercio de Galegos de Bos Aires ou un cadro do X Conde de Lemos como virrei de Perú
Canda Santa, a exposición da Cidade da Cultura acollerá outras pezas do patrimonio cultural dos galegos noutras terras: a bandeira do Tercio de Galegos de Bos Aires, de 1807, o Santiago Matamouros da primeira sociedade galega en Cuba ou o cadro do X Conde de Lemos como virrei de Perú.