Unha ducia de pezas da exposición Galicia, un relato no mundo
A gran exposición do ano na Cidade da Cultura, Galicia, un relato no mundo, que estará aberta do 15 de novembro ao 12 de abril, analizará as relacións internacionais do país a través de máis de 300 pezas, das que salientamos unha ducia, con textos e imaxes do material divulgativo da propia exposición e da Xunta.
-
01
O Libro das Invasións (The Book Of Leinster)
O Lebor Gabála Érenn, ou Libro das Invasións, é parte do Libro de Leinster, unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa. Trátase da obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o líder mítico que avistou por primeira vez desde o Faro de Brigantium. Custodiado polo Trinity College de Dublín, o Libro das Invasións sairá por vez primeira de Irlanda para ser exposto en Galicia, un relato no mundo. Foi producido entre os séculos XII e XIII polo abade Áed Ua Crimthainn no mosteiro de Tír-Dá-Glas (Tipperary, Irlanda)
-
02
Mapa de Sawley
É un dos primeiros mapa mundi europeos e está considerado o mapa enciclopédico máis antigo conservado das Illas Británicas. Os mapas enciclopédicos son una síntese de saber pois non só colocan representacións xeográficas, senón os outros saberes do seu tempo: históricos, bíblicos e lendarios. Foi descuberto na biblioteca da abadía de Sawley, un mosteiro cisterciense de Yorkshire, e esta será a primeira vez que se exporá en Galicia.
-
03
Códice Calixtino
No século XII realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente. O propio Liber Sancti Iacobi foi escrito coa vocación de prestixiar e conectar Compostela e Galicia co resto de Europa, creando a lenda da aparición de Santiago ao emperador Carlomagno, a figura con máis renome da Europa medieval, e a súa chegada a Compostela.
-
04
Códices do Vaticano e Salamanca
Ademais do Liber Sancti Iacobi conservado en Compostela, na exposición estarán tamén as outras dúas copias conservadas no Vaticano e Salamanca –que toman como modelo o códice compostelán–. Permiten observar detalles perdidos no orixinal compostelán, como é o propio rostro do emperador Carlomagno.
-
05
Cancioneiro da Vaticana
O Cancioneiro da Biblioteca Vaticana é, xunto co Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, un dos corpus nos que se garda a lírica galego portuguesa medieval, nacida nunha época de especial esplendor cultural, económico e político da Era Compostelá no século XII. Trátase dunha colección monumental de 1.200 cantigas copiadas en Italia a finais do século XV e principios do XVI por orde do humanista italiano Angelo Colocci, copias realizadas a partir dos orixinais, hoxe desaparecidos. Nel figuran os nomes máis emblemáticos da tradición literaria galego portuguesa medieval: os reis Afonso X O Sabio, Don Dinís, Paio Gomes Chariño, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Meendinho ou Airas Nunes, entre moitos outros.
-
06
Itinerario de Exeria
Exeria, aristócrata galaicorromana, é a primeira escritora coñecida da Península Ibérica e representante do conxunto escaso de mulleres da Antigüidade tardía que emprenderon a peregrinación de Occidente a Oriente movidas pola piedade e a curiosidade de coñecer os escenarios da Biblia.
O manuscrito do Itinerario de Exeria forma parte do Codex Aretinus 405, descuberto en 1884 por Gian Francesco Gamburrini na Biblioteca de Arezzo. O texto foi transcrito no século XII, posiblemente no mosteiro de Monte Cassino, a partir dun manuscrito anterior.
-
07
Guerreiro de Lesenho
Peza central para entender a Idade do Ferro do noroeste da Península Ibérica grazas á súa riqueza iconográfica. Desempeñará unha función nodal na exposición como clave para contextualizar diferentes obxectos arqueolóxicos que amosan conexións formais, culturais ou tecnolóxicas en relación con outros pobos da Idade do Ferro e tamén para relatar os primeiros encontros entre os pobos galaicos e o imperio romano, a través da iconografía da caetra.
Nas estatuas de guerreiros galaicos, a caetra, o escudo, é o elemento da panoplia máis visible e relevante e sempre se representa de maneira frontal. Será este o primeiro símbolo do noroeste peninsular, singularizado como tal, que represente visualmente ao noroeste de Iberia en Roma, no corazón do Imperio, nos primeiros tempos da conquista relatando os primeiros encontros entre os pobos galaicos e o imperio romano.
-
08
Ora Marítima, de Rufo Festo Avieno
A primeira descrición da costa atlántica e os seus pobos procede deste texto de Rufo Festo Avieno, do século IV, baseado en antigos itinerarios de navegantes gregos e fenicios de ata o VI a.C. A mención á abundancia de minerais reflicte os intereses comerciais dos mediterráneos nas súas viaxes cara ao Atlántico. Galicia, un relato no mundo acollerá o incunable que contén a primeira versión conservada da Ora Marítima.
-
09
Cartas de Erasmo de Rotterdam ao arcebispo Fonseca
En consonancia co resto de Europa, a partir do século XV a aristocracia galega foi promotora de obras culturais e artísticas que se sumaron ao tradicional patrocinio relixioso. Alonso III de Fonseca foi arcebispo de Compostela e de Toledo, e unha das figuras destacadas do humanismo e do Renacemento. Favoreceu a difusión da obra de Erasmo de Rotterdam en España, con quen mantivo unha profusa correspondencia conservada actualmente en Madrid na Biblioteca Nacional.
-
10
Estoria de Espanna de Afonso X
Galicia representouse nos relatos clásicos coma a fin do mundo coñecido. Esa visión estrema foi moi acollida no propio imaxinario da identidade galega. No século XIII, o obradoiro de Afonso X recolle narracións anteriores para narrar as aventuras do heroe grego Hércules, quen enxendrará a Ispán, primeiro fundador da Monarquía hispánica. Hércules construirá as dúas torres que limitarán a península polo oeste: Cádiz e A Coruña. O vínculo co heroe clásico establecido no relato buscaba lexitimar a propia monarquía.
-
11
O Paraíso Terreal, de Pieter Brueghel o Novo
Cedido polo Museo do Prado, é un dos cadros que formará parte da recreación da pinacoteca dos Condes de Lemos na exposición, que afondará no papel e contactos internacionais de grandes figuras da aristocracia galega dos séculos XVI e XVII. Unha delas foi Pedro Fernández de Castro, coñecido como o Gran Conde de Lemos, un dos persoeiros políticos máis relevantes do reinado de Felipe III, presidente dos consellos de Indias e Italia e vicerrei en Nápoles, ademais de Alguacil Maior do Reino de Galicia. A dos Condes de Lemos foi unha das coleccións de arte máis notables do seu tempo –hoxe desaparecida– con obras de varios mestres da arte europea.
-
12
Elementos interactivos
Galicia, un relato no mundo como mecanismo expositivo baséase na propia idea de exploración por parte dos usuarios e usuarias que, a través de solucións de montaxe gráficas e interactivas, deciden en cada momento canta información queren recibir. Tecnoloxías como sensores de movemento e presenza, sistemas inmersivos, proxeccións interactivas e realidade aumentada terán un destacado peso na construción do relato expositivo.