A mostra Galicia, un relato no mundo, analizará “as relacións internacionais e o papel de Galicia na historia do mundo”
Galicia, un relato no mundo está chamada a ser, a partir da súa inauguración o próximo 8 de novembro, a gran exposición do ano na Cidade da Cultura e a Xunta mesmo está a presentala como “a primeira gran exposición internacional do Xacobeo 2021”. A mostra, que analiza “as relacións internacionais e o papel de Galicia na historia do mundo”, está comisariada por Manuel Gago e este luns déronse a coñecer os seus principais atractivos, que se suman á presenza xa avanzada hai un mes do Cancioneiro da Vaticana, un dos tres grandes la lírica galaico-portuguesa medieval.
Xunto co Cancioneiro da Vaticana e o exemplar do Códice Calixtino conservado na mesma biblioteca, a mostra, con máis de 300 pezas, contará tamén con préstamos como o Libro das Invasións, onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario que avistou Irlanda desde o faro de Brigantia. O Libro das Invasións, parte do Book of Leinster, unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa, é cedido polo Trinity College de Dublín e sae de Irlanda por primeira vez na historia.
O Mapa de Sawley, no que a catedral de Santiago aparece como o edificio máis importante de Europa, ou o guerreiro de Lesenho, da Idade do Ferro, son outras das pezas xa confirmadas
A mostra tamén contará, cedido pola Biblioteca de Arezzo, en Italia, co manuscrito do Itinerarium de Exeria, no que esta aristócrata galaicorromana relata a súa peregrinación a Terra Santa no século IV. Ou co Mapa de Sawley, cedido pola Cambridge University-Parker Library, “considerado un dos primeiros mapamundi enciclopédicos europeos, da época do Pórtico da Gloria (século XII), a obra representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa en maior tamaño que a Basílica de Roma”. A mostra tamén traerá ao Gaiás o guerreiro de Lesenho, “peza central para entender a Idade do Ferro no noroeste da Península”, prestado polo Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.
Arredor de 80 institucións de todo o mundo cederon pezas para a exposición
A exposición foi presentada este luns polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que destacou a presenza nela de “obras que nunca antes se exhibiron en Galicia, cun elevado valor simbólico e que resultan esenciais para comprender a cultura e a identidade galega no marco histórico internacional”. Rodríguez agradeceu especialmente a confianza das arredor de 80 institucións de todo o mundo que cederon pezas para a exposición e avanzou que nos próximos días agarda dar a coñecer novas obras que viaxarán a Santiago.
Segundo salienta a Xunta, a exposición “explora a profunda conexión do territorio histórico galego con outros países, rompendo co mito de illamento e periferia, e poñendo de relevo o seu impacto internacional”. “Cuestións como as tendencias culturais e artísticas, as transformacións políticas, a influencia de vías de comunicación históricas como a peregrinación a Santiago de Compostela, os grandes movementos migratorios e a internacionalización da economía galega serán aspectos moi presentes na exposición, onde a tecnoloxía terá tamén un papel destacado”, salienta a Xunta, que engade que a mostra “baséase na idea de exploración por parte dos usuarios que, a través de solucións de montaxe gráficas e interactivas, deciden en cada momento canta información queren recibir. Tecnoloxías como sensores de movemento e presenza, sistemas inmersivos, proxeccións interactivas e realidade aumentada terán un destacado peso na construción do relato expositivo”.
“Nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade, a exposición estrutúrase arredor dos mitos, a historia, as memorias e as vidas dos galegos e galegas en diferentes épocas e contextos xeográficos”, explicou Gago, o comisario da mostra.