O Pergamiño Vindel, un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, volve á terra onde naceu, á ría de onde xurdiu. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciaron este venres a exposición desta obra no Museo do Mar da cidade olívica nunha mostra que estará aberta ao público entre outubro de 2017 e marzo de 2018.
O 'Pergamiño Vindel' será exposto no Museo do Mar de Vigo enre outubro de 2017 e marzo de 2018
Este pergamiño orixinal será a preza principal. Datado a finais do século XIII ou principios do XIV, contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax (seis delas con notación musical), nas que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. Pergamiño Vindel abandonará por primeira vez Nova York, onde leva corenta anos depositado no Morgan Library Museum.
Atrás quedan máis de dous anos de negociacións entre os responsables da prestixiosa biblioteca e a Universidade de Vigo, que fixo súa a suxestión da asociación cultural viguesa Pertenza para que o Pergamiño Vindel puidese ser exposto na cidade olívica, o que suporía algo que ata daquela nunca ocorrera: a saída do pergamiño do museo do que é propiedade desde a década de 1970.
A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia traballaron desde aquela "contra reloxo", segundo aclara a Consellería de Cultura, para validar tecnicamente a ubicación perante a Morgan, que deu o visto e prace ao Museo, que satisfai todos os requirimentos técnicos e adáptase perfectamente á temática das cantigas do Vindel.
O conselleiro Román Rodríguez agradeceulle ao reitor da Universidade de Vigo ter impulsado e levado “a bo porto” as negociacións para que unha das institucións culturais de maior prestixio de todo o mundo como é a Morgan Library de Nova York accedese a ceder o pergamiño.
"Será un acontecemento cultural único e un dos máis salientables que vivirá Galicia neste comezo do século XXI"
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, agradeceu a disposición da Xunta de participar na iniciativa para facer realidade este proxecto expositivo no Museo do Mar de Galicia, que acollerá o documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martín Códax, no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar, e asegurou que “o regreso a Vigo do pergamiño, sete séculos despois da súa creación, será sen dúbida un acontecemento cultural único e polo tanto un dos máis salientables que vivirá Galicia neste comezo do século XXI”.
Román Rodríguez destacou que as cantigas de Martín Códax son, ao tempo, un dos berces da nosa lingua propia, un dos textos fundacionais das letras galegas e unha das máis perfectas realizacións literarias de toda a nosa historia. E definiu este documento como “un símbolo de Galicia, algo do que sentirnos moi orgullosos”.
A Xunta aclara que se fará cargo de todo o que teña que ver co proxecto expositivo: seguro, transporte, deseño, museografía, instalación e montaxe e desmontaxe no Museo do Mar de Galicia, un centro xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, finalmente, será o lugar que acolla esta mostra, comisariada polo investigador e historiador Francisco Singul.
Durante os meses nos que será exposto o pergamiño, desenvolverase un ambicioso programa de actividades
Durante os meses nos que será exposto o pergamiño, desenvolverase un ambicioso programa de actividades para "facer partícipe a toda a cidadanía deste acontecemento cultural único, que permitirá estimular a curiosidade e o interese da sociedade sobre a figura de Martín Códax e a súa obra".
O Museo do Mar ofrecerá, nunha sala especialmente acondicionada, a exposición Berce da nosa cultura con obras vencelladas ao pergamiño, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Concertos, congresos internacionais e visitas escolares, son outras actividades que se desenvolverán con motivo do retorno do Pergamiño Vindel a Galicia.
Datado a finais do século XIII ou principios do XIV, o Pergamiño Vindel é o documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. A primeira columna do pergamiño contén cinco pentagramas, seis a segunda e a terceira e catro a cuarta. Ondas do mar do Vigo; Mandad’ei comigo ca ven meu amigo; Mia yrrmana fremosa treides comigo; Ay Deus se sab’ora meu amado; Quantas sabedes amar amigo e Ay ondas que eu vin veer, son as seis cantigas do pergamiño con notación musical, mentres que En o sagrad’e Vigo, carece dela. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores.