A mostra 'Galicia, un relato no mundo' amosará na Cidade da Cultura o códice conservado na Santa Sede, equiparable aos seus 'irmáns' os cancioneiros de Ajuda e da Biblioteca Nacional, os dous en Lisboa
Na súa liña iniciada nos últimos anos de facer que grandes iconas da cultura galega conservadas no estranxeiro pasen por exposicións temporais en Galicia, a Consellería de Cultura vén de anunciar este mércores que a partir de novembro poderá contemplarse na Cidade da Cultura o Cancioneiro da Vaticana, un dos tres grandes cancioneiros da lírica medieval galaico-portuguesa, que recibe o seu nome por ser propiedade da biblioteca do Vaticano. Ata alí se desprazou este mércores o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para facer o anuncio, que tamén inclúe a cesión temporal dunha das tres únicas copias do Códice Calixtino, que ten diferenzas coa que se conserva na Catedral de Santiago. Formarán parte da exposición Galicia, un relato no mundo, presentada pola Xunta como a primeira gran mostra internacional da programación do Xacobeo 21.
A finais de 2017 foi o Pergamiño Vindel, que contén as sete cantigas de amigo de Martín Codax e que se conserva no Morgan Library Museum de Nova York, o que viaxou temporalmente a Galicia para a súa exposición no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. A finais de 2018 era o cadro A derradeira leición do mestre, que Castelao pintou en Bos Aires e que simboliza a represión franquista, o que se expuña nunha mostra na Cidade Cultura. Previamente, e tras o seu mediático roubo, tamén fora exposto en 2012 na Cidade da Cultura o Códice Calixtino, xunto con outras obras medievais de orixe relixiosa conservadas polas dioceses galegas, como a Historia Compostelana, o Tumbo A ou o Breviario de Miranda.
Agora tócalle a quenda ao Cancioneiro da Vaticana, así denominado por ser atopado en 1840 na Biblioteca do Vaticano, onde segue a conservarse. O cancioneiro recompila os tres grandes tipos de cantigas da lírica medieval galaico-portuguesa, de amor, de amigo e de escarnio, e como tal é equiparable, aínda que os tres presenten diferenzas entre eles nas cantigas que conteñen, aos outros dous grandes cancioneiros da época: o de Ajuda, o máis antigo e así denominado por conservarse no pazo dese nome nas proximidades de Lisboa onde foi atopado en 1886 e que só conserva cantigas de amor; e o da Biblioteca Nacional de Portugal, que o adquiriu en 1924 tras ser coñecido tamén como Cancioneiro Colocci-Brancuti, pola súa anterior orixe, e que é o máis amplo dos tres. Así como o de Ajuda é orixinal do século XIII, os da Vaticana e a Biblioteca Nacional son copias do século XVI dalgún manuscrito anterior pero compilado con posterioridade ao de Ajuda.
A Biblioteca Vaticana tamén cede para a mostra unha das tres únicas copias do Códice Calixtino, que ten diferenzas coa que se conserva na Catedral de Santiago
A Biblioteca do Vaticano tamén cederá para a mostra que se prepara na Cidade da Cultura o seu Liber Sancti Iacobi, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, ademais do orixinal da Catedral de Santiago, que se conservan no mundo. O do Vaticano permite observar detalles gráficos desaparecidos no compostelán como é o rostro do emperador Carlomagno.
Na visita que este mércores fixo o conselleiro á Biblioteca Apostólica Vaticana, acompañado polo secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica, monseñor José Rodríguez Carballo, e o arquivista e bibliotecario, monseñor José Tolentino de Mendonça, Román Rodríguez salientou que o cancioneiro e o códice permitirán facer “unha das maiores exposicións internacionais en termos de recuperación de pezas clave da nosa identidade cultural espalladas en diferentes lugar do mundo”.