O Códice Calixtino, unha xoia agochada nun garaxe

Páxina do libro IV do Códice Dominio Público Praza Pública

Inicio de novela histórica, final de sainete ou simplemente, de trapallada. Vinte e catro horas antes de cumprirse un ano do salto á opinión pública da desaparición do Códice Calixtino, o círculo pechouse nun escenario con pouco de intriga vaticana e moito de cadro costumista. Nun garaxe do Milladoiro, localidade do Concello de Ames separada uns poucos metros de Santiago de Compostela, que cumpría funcións de rocho, tapado por ladrillos e sacos de cemento e cuberto por bolsas de plástico, pero en bo estado, aparecía a obra datada no século XII, de incalculable valor. Segundo testigos presenciais, nin o xuíz Antonio Vázquez Taín nin os axentes que efectuaron a operación puideron conter a emoción ante un achado que ten pouco de espectacular e moito de metáfora no que ao coidado do patrimonio histórico se refire.

Como moitos monumentos de pedra que esmorecen baixo cascallos e esquecemento por todo o país, este monumento de papel e pigmentos, equiparado en máis dunha ocasión co Pórtico da Gloria polo seu valor histórico e artístico, semella que non pasou a mellor vida por pura casualidade, se cadra a mesma -ou non- que permitiu evitar os titulares referidos ao cumprimento dun ano en paradoiro descoñecido. Nas horas previas á aparición desta xoia do medievo galego, base documental das peregrinacións a Compostela que xa foi trasladada á Catedral para ser examinada, á historia fóronselle engadindo ingredientes propios da crónica de sucesos máis doméstica. Nin Erik o Belga nin ningún outro célebre ladrón de arte. O vixiado polas forzas de seguridade foi un veciño do Milladoiro, propietario do garaxe en cuestión, que prestou os seus servizos como electricista autónomo na Catedral durante máis dun cuarto de século e que foi obxecto dun despedimento que considerou improcedente, polo que disque reclamaba 40.000 euros.

Moitos máis cartos ca eses 40.000 euros, máis dun millón, é o que atopou a Policía na casa deste antiheroe despois de detelo en plena rúa e noutros domicilios de Santiago, Negreira e O Grove. Despois, correrían a mesma sorte a súa dona, o seu fillo e a moza deste, como presuntos cómplices do roubo non só do Códice, senón tamén doutros valiosos volumes como un exemplar do Libro das Horas, cuxa desaparición fora tamén denunciada polo outro personaxe máis coñecido desta historia, o deán da Catedral, José María Díaz. Foi precisamente unha suposta operación para derrubar a Díaz dirixida dende o interior do templo unha das hipóteses máis manexadas durante o último ano e que, cando menos polo momento, tampouco foi completamente descartada.

O Códice apareceu entre bolsas e ladrillos pero en bo estado e xa foi trasladado á Catedral

Mentres o electricista continuaba asistindo con asiduidade aos actos relixiosos catedralicios as especulacións foron diversas, tanto como as dúbidas arredor da seguridade que rodeaba ao Códice, exposto nunha vitrina de seguridade coas chaves postas e controlado por un sistema de cámaras das cales ningunha o enfocaba directamente. Só tres persoas tiñan acceso directo a el, pero tardouse varios días en denunciar o roubo. Malia ser unha valiosísima obra de arte, non estaba asegurada.

Sospeitas de que o ladrón viña "de dentro"

Malia que son moitos os interrogantes que aínda están sobre a mesa o acontecido dende este martes si despexa un, que vén confirmar o declarado polo propio deán días despois da substración. "Quen o levou, sabía como chegar alí", asegurara daquela Díaz, ratificando ademais o que transcendía dos primeiros pasos da investigación: non fora necesaria violencia ningunha, nin contra persoas nin contra obxectos, para roubar o libro. Da curia compostelá saía naqueles días outra hipótese que non era menor, vinculada á convición de que a xénese do roubo estivera na propia Catedral ou no seu entorno, descartando así unha operación de maior envergadura.

"Apareceu unha bolsiña de tea cunhas chaves e un cartón que puña 'chaves do arquivo da Catedral' e tivemos a certeza absoluta" da identidade do ladrón, di o deán

Do mesmo xeito, durante os case doce meses de ausencia do Códice, foron diversas as voces que apuntaban á posibilidade de que o volume non saíra de Compostela ou dos seus arredores, como finalmente aconteceu. En calquera caso, resta aínda saber se as motivacións do presunto ladrón foron simplemente de vinganza laboral contra a curia. Do mesmo xeito, cómpre tamen despexar a incógnita de maior peso, o xeito en que o Códice será protexido de agora en diante, e se a súa custodia seguirá dependendo unicamente da Arquidiócese de Santiago. Polo momento, tras ratificar a súa autenticidade, foi trasladado a unha cámara de seguridade en instalacións policiais ata que se realice a súa entrega oficial á Igrexa, a finais de semana. "Aparentemente o Códice atópase en bo estado e é custodiado polos GOES [Grupos Operativos Especiais de Seguridade] á espera dunha peritaxe exhaustiva", precisou a Policía.

A Policía sinala que o Códice se atopa "aparentemente, en bo Estado" e que o custodiará "á espera dunha peritaxe exhaustiva"

Nesta liña, o propio José María Díaz asegurou, tras o achado do Códice e en declaracións á Cadena SER, que as súas propias sospeitas se dirixiron cara ao detido cando "vin un escondite con diferente material eléctrico" no recinto da Catedral, no que "apareceu unha bolsiña de tea cunhas chaves e un cartón que puña 'chaves do arquivo da Catedral". Nese momento, di, "tivemos a certeza case absoluta" e xa "non se trataba de atopar o ladrón, senón a peza" nun momento no que, asegura, se temeu que puidese ser "destruída", dada a "personalidade patolóxica" do presunto autor do roubo. "Nunha personalidade paranoica, todo cabe", asegura.

Do mesmo xeito, o deán, satisfeito no eido "institucional" pero cunha "pesadume persoal que non hai quen me compense", ratifica tamén que o Códice Calixtino non foi o único obxecto substraído, senón que o electricista tería levado tamén consigo varios volumes máis que, en todo caso, non son máis ca "facsímiles" que "tiñamos para facer algún agasalllo a colaboradores nosos". "Sempre sospeitei que quen levara unha cousa, levara outra", di José María Díaz.

Rocho no que apareceu o Códice © Policía Nacional
O Códice, no lugar no que foi atopado © Policía Nacional
Cartos e outros obxectos incautados nos rexistros © Policía Nacional
© Policía Nacional

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.