O 'Pergamiño Vindel' xa viaxa camiño de Vigo

O reitor da Universidade de Vigo, o director da Morgan Library e o conselleiro de Cultura co Pergamiño Vindel Dominio Público Praza Pública

O Pergamiño Vindel, un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, volve á terra onde naceu, á ría de onde xurdiu. O documento exporase no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, nunha mostra que estará aberta ao público entre outubro de 2017 e marzo de 2018 e da que el será o principal protagonista.

O documento, un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, será exposto no Museo do Mar entre outubro deste ano e marzo do próximo

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistiron este venres en Nova York, na sede do Morgan Library Museum ao que pertence o documento, ao acto da súa entrega. Nel, o director da institución, Colin B. Bailey, referiuse ao pergamiño como un dos “tesouros” da biblioteca, “un dos dous únicos manuscritos orixinais de cantigas con notación musical que sobrevive desde o século XIII”, lembrou. No acto tamén participou Roger Wieck, xefe de departamento e comisario de manuscritos medievais e renacentistas na Morgan, quen salientou que “cando a petición do Pergamiño Vindel chegou a nós dende Vigo, tocou os nosos corazóns porque pensamos que sería moi especial poder prestar este manuscrito único ao lugar onde todo se orixinou”.

Datado a finais do século XIII ou principios do XIV, o Pergamiño Vindel contén as sete cantigas de amigo de Martin Codax nas que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar

Datado a finais do século XIII ou principios do XIV, o Pergamiño Vindel contén as sete cantigas de amigo de Martin Codax nas que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. A primeira columna do pergamiño contén cinco pentagramas, seis a segunda e a terceira, e catro a cuarta. Ondas do mar do Vigo; Mandad’ei comigo ca ven meu amigo; Mia yrrmana fremosa treides comigo; Ay Deus se sab’ora meu amado; Quantas sabedes amar amigo e Ay ondas que eu vin veer, son as seis cantigas do pergamiño con notación musical, mentres que En o sagrad’e Vigo, carece dela. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores. Esta é a primeira vez que o pergamiño abandona Nova York desde que foi depositado no Morgan Library Museum.

O 'Pergamiño Vindel' © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.