A liquidación da Casa de Galicia de Montevideo vén de sumarse a unha sucesión de clausuras, vendas ou profundas crises de varias das entidades senlleiras creadas pola emigración galega en América. Como sucedera no Centro Galego de Bos Aires, a quebra do servizo sanitario pon en risco un importante legado cultural no que destacan pezas como A Santa, de Asorey.
Dende que estourou a crise definitiva da institución ecoaron voces que acusan a Xunta de "inacción", máis aínda porque en 2021 Alberto Núñez Feijóo asegurara recibir garantías ao respecto por parte do Goberno uruguaio. Nesta liña pronunciábase nas últimas semanas o BNG e tamén o fixo este venres o PSdeG a través do seu secretario de organización, José Manuel Lage, que apunta as responsabilidades cara ao actual vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, de quen ademais dependen as relacións exteriores do Goberno galego.
"Primeiro, perderon o Centro Galego de Bos Aires e agora abandónanse 105 anos de patrimonio e legado cultural dos galegos e galegas do Uruguai, a cuarta comunidade galega no mundo" sen que a Xunta, ao seu xuízo, faga "absolutamente nada por preservar o seu patrimonio". Se cadra, acusa Lage, Rueda está "máis centrado en ver se herda a leiriña", en referencia á posibilidade de que sexa o sucesor de Feijóo na presidencia, e mentres está "completamente ausente de asuntos da máxima relevancia".
"Ninguén imaxina que un goberno de Fraga ou de Touriño deixase morrer un legado cultural como o que tiñamos en Uruguai", cre Lage, secretario de organización do PSdeG
Na xornada en que comeza o congreso no que Feijóo asume o liderado estatal do PP, o número tres dos socialistas ve urxente que o Goberno galego "dea explicacións" e responda ás iniciativas parlamentarias formuladas polo PSdeG ao respecto. "Ninguén imaxina -coida- que un goberno de Fraga ou de Touriño deixase morrer un legado cultural como o que tiñamos en Uruguai".
Todo isto, acusa Lage, sucede nun contexto no que "Feijóo marchou, Rueda non chegou e Galicia non ten quen dea conta do recado". Mostra disto, ironiza, é a o baleirado da axenda oficial dos conselleiros e conselleiras neste 1 de abril, cadrando co inicio do congreso do PP en Sevilla: "Adiantaron a Semana Santa" en "plena crise", lamenta, do que cabe deducir que "Galicia non ten goberno" mentres os populares "teñen un problema" para "escoller un sucesor por descarte", remuda que "será legal, pero carecerá de lexitimidade, porque hai ano e medio que os galegos e galegas votamos" mentres o PP presentaba a Feijóo como candidato, di, para catro anos.