Conselleiros e conselleiras baleiran a súa axenda oficial este venres coincidindo co congreso do PP en Sevilla

As conselleiras de Mar, Medio Ambiente e Infraestruturas, xunto cunha deputada, na mañá deste venres en Sevilla © @Anxeles_Vazquez

Coa intervención de Feijóo prevista para a tarde, a actividade do seu Goberno aseméllase á dun sábado, non á dun venres habitual, e os actos de cargos de segundo nivel concéntranse pola mañá

O congreso que o PP celebra esta fin de semana en Sevilla para elixir a Alberto Núñez Feijóo como o seu novo presidente estatal ten os seus puntos centrais este venres ás 19 horas, cando o aínda presidente da Xunta presentará a súa candidatura, e na mañá do sábado, cando será investido oficialmente. Hai días que é difícil atopar un billete de avión ou tren a Sevilla desde calquera cidade de Galicia polo elevado número de cargos do PPdeG que se desprazan á capital andaluza. 

Coincidindo con eses feitos, a axenda oficial da Xunta deste venres aparece notablemente reducida a respecto dun día laborable normal, máis semellante á dun sábado, e os poucos actos están ademais concentrados na mañá. Só un conselleiro, o vicepresidente económico Francisco Conde, ten un acto oficial, ás 10 en Ferrol, nun encontro sobre hidróxeno verde. O resto da axenda corresponde a cargos inferiores, delegados territoriais ou directores xerais.

Ao tempo, varios membros do Goberno galego divulgaron en redes sociais fotos da súa presenza en Sevilla xa na mañá deste venres. 

O vicepresidente Alfonso Rueda con outros cargos do PP galego na mañá deste venres en Sevilla © @ARueda68

Como comparación, o pasado venres día 25 de marzo a axenda oficial da Xunta tivo ata 12 actos protagonizados por 9 conselleiros distintos, dos 11 que ten o Goberno galego incluídos os vicepresidentes. O anterior venres, día 18, houbo 6 actos con 8 conselleiros, un deles coa presenza á vez de 5 conselleiros. E esta mesma semana o mércores 30 -o xoves non é un día representativo ao haber Consello da Xunta, o que xa ocupa a mañá do Goberno galego- houbo 13 actos de 8 conselleiros.

Por outra banda, as axendas oficiais tamén estarán alteradas no comezo da próxima semana. O mércores está prevista a entrega das medallas do Parlamento, o que obrigou a adiantar un día o pleno que habitualmente se celebra os martes e mércores, que desta volta será luns e martes. Pero en lugar de comezar o pleno a primeira hora do luns non o fará ata a tarde, o que a oposición considera que se debe a un intento de facilitar a volta dos deputados e deputadas que se desprazan a Sevilla, onde o domingo Feijóo celebrará a primeira reunión da súa nova executiva estatal.

O vicepresidente do Parlamento, Diego Calvo, este venres en Sevilla © @DiegoCalvoPouso

Segundo o vicepresidente Alfonso Rueda, a campaña de Feijóo para facerse co PP estatal non supuxo un problema para a Xunta xa que seguiu gobernando "en contacto telefónico permanente"

Non sería esta a primeira vez que a Xunta adapta as súas axendas oficiais aos intereses do PP. Agora as alteracións nas axendas oficiais da Xunta e do Parlamento prodúcense despois de que nas últimas semanas Feijóo centrase boa parte da súa axenda en actividades de partido, cunha xira que o levou por todas as comunidades autónomas. Porén, segundo o seu vicepresidente e probable sucesor á fronte da Xunta, Alfonso Rueda, iso non supuxo ningún problema xa que seguiu gobernando “en contacto telefónico permanente”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.