A axenda oficial da Xunta cae á metade na primeira semana tras as eleccións

Entrada principal da sede central da Xunta en San Caetano © Xunta

As limitacións do executivo en funcións ata cando menos finais de agosto contrastan coa promesa de Feijóo de gobernar desde o día seguinte aos comicios se obtiña maioría absoluta e coa actividade propagandística da campaña

Visitas a obras, anuncios de proxectos futuros e reunións con todo tipo de colectivos coparon a axenda oficial da Xunta durante a pasada campaña e precampaña electoral malia as restricións legais de actos electoralistas que estaba en vigor desde a convocatoria dos comicios o 19 de maio. Unha actividade que vén de reducirse á metade na primeira semana tras as eleccións, cunha trintena de actos incluídos na axenda pública oficial da Xunta entre o luns e o venres fronte aos sesenta de media rexistrados nas semanas do mes anterior durante os mesmos días laborables

A intensa axenda oficial das semanas previas ás eleccións tivo que ser compaxinada por moitos cargos públicos da Xunta con todo tipo de actos de partido. O propio Feijóo centrouse na súa axenda como candidato por riba da de presidente da Xunta malia asegurar o PP que a súa prioridade non sería a “política” senón xestionar a loita contra o coronavirus. Unha labor de goberno que asegurou que o seu executivo faría desde o día seguinte aos comicios se obtiña maioría absoluta, continuidade que criticaba que non podían ofrecer outras candidaturas.

Unha ducia de actos e dúas páxinas na axenda oficial da Xunta do primeiro luns da campaña electoral e só dous actos no primeiro luns tras as eleccións CC-BY-SA Praza Pública

En 2016 Feijóo tamén prometera gobernar "desde o día seguinte" pero catro días despois das eleccións encargou un informe sobre como gobernar en funcións en aplicación dunha lei que el mesmo impulsou

Porén, na semana seguinte ás eleccións o que vén de rexistrarse fronte a elevada actividade das semanas previas é un parón da axenda oficial do Goberno galego, coincidindo coa súa entrada en funcións. Xa antes das eleccións de 2016 Feijóo empregara o argumento de gobernaría “desde o día seguinte” aos comicios, pero catro días despois viuse obrigado a encargar un informe sobre como gobernar en funcións en aplicación da Lei de transparencia e bo goberno que el mesmo impulsara medio ano antes. Unha lei que establece importantes restricións á actuación da Xunta, gobernase quen gobernase, desde o pasado luns e ata que, previsiblemente a finais de agosto ou comezos de setembro, tome posesión un novo executivo tras a nova investidura do presidente por parte do Parlamento de Galicia. 

A lei di que ademais de non poder impulsar leis nin aprobar decretos que as desenvolvan, o goberno en funcións non pode aprobar convenios con outras administracións, nin autorizar gastos que non sexan correntes (impide as licitacións e adxudicacións por riba de 150.000 euros), nin aprobar convocatorias de persoal ou modificar a estrutura do seu cadro de persoal, nin culminar a tramitación de ningún plan de ordenación territorial. Unha norma para impedir que os gobernos saíntes condicionen a herdanza dos entrantes que Feijóo impulsou despois de que el mesmo criticase a decisión do último executivo de Manuel Fraga de adxudicar xa en funcións diversas obras na Cidade da Cultura por máis de cen millóns de euros. Feijóo chegou a dicir que el non tomaría unha decisión así, malia que formaba parte daquel goberno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.