Dende que, o pasado 19 de maio, quedaron convocadas as eleccións galegas do 12X, volve rexer o precepto da lei electoral segundo o cal os gobernos non poden organizar inauguracións ou eventos semellantes e tampouco utilizar medios públicos para enxalzar a súa xestión ou utilizar imaxes ou expresións que promovan a confusión entre partido e Goberno. Este 8 de xuño vén de producirse o primeiro pronunciamento da Xunta Electoral de Galicia segundo o cal o actual Executivo galego transgrediu eses principios. Concretamente, ao publicitar as obras de ampliación do hospital da Coruña.
O BNG denunciou expresións divulgadas polo Executivo galego como que a obra do CHUAC é "a maior obra pública que se ten impulsado na área da Coruña en moitos anos" e a Xunta Electoral estima parcialmente a súa petición
O proxecto de ampliación do CHUAC foi presentado por Alberto Núñez Feijóo nun acto público na Coruña a finais do pasado xaneiro, apenas dúas semanas antes de convocar as eleccións do 5 de abril que tiveron que ser adiadas por mor da pandemia do coronavirus. O pasado 2 de xuño, coas elección do 12X xa convocadas, os conselleiros de Sanidade e Infraestruturas, Jesús Vázquez Almuíña e Ethel Vázquez, convocaron á prensa para anunciar un dos primeiros contratos das obras e o Goberno galego divulgouno en termos que, para a Xunta Electoral, "exceden dunha simple información" de "interese xeral".
A través do seu sitio web oficial, o Goberno fixo público un comunicado que o BNG denunciou ante a Xunta Electoral por considerar que vulneraba os devanditos preceptos, como que esta "é a maior obra pública que se ten impulsado na área da Coruña en moitos anos, tanto polo seu investimento, como polo seu impacto social". Tamén que "o impulso desta infraestrutura sanitaria é unha prioridade para a Xunta" ou anuncios relativos á creación de "locais que posibilitarán u uso máis racional dos espazos existentes".
Este 8 de xuño a autoridade electoral valorou a petición do Bloque, que solicitaba a "eliminación destas publicacións dos perfís institucionais" e un apercibimento á Xunta para que "cese na realización de actos similares durante o período electoral". O Goberno galego, pola súa banda, alegou durante o proceso que se trata da referencia dunha rolda de prensa de Vázquez e Almuíña e que non existen "elementos" que xustifiquen unha eventual sanción.
"Semella claro que (...) constitúe un xuízo de valor (...). Estase eloxiando o esforzo por acadar un obxectivo" e "quérese poñer de manifesto un logro (...) que non está materializado"
Con ambas posturas sobre a mesa, a Xunta Electoral analiza a lexislación e doutrina existente que diferencia entre información de servizo á cidadanía e campañas de autobombo ou promoción de logros en clave electoralista. Neste sentido, di a resolución, "semella claro que a expresión É a maior obra pública que se ten impulsado na área da Coruña en moitos anos, tanto dende o punto de vista do investimento, como polo seu impacto social, constitúe un xuízo de valor sobre un feito obxectivo", a devandita contratación das obras.
"Co emprego dun adxectivo dun grao superlativo estase eloxiando o esforzo por acadar un obxectivo e, deste xeito, se quere poñer de manifesto un logro que se ben non está materializado na obra, si se anticipa anunciando nunha rolda de prensa e na web institucional o procedemento de contratación para a súa execución". Por todo isto, a XEG cre que "esa aseveración excede dunha simple información que pode ter interese xeral" para "aproveitando unha rolda de prensa con indubidable proxección social e o anuncio na web, enaltercer unha actuación na forma antedita".
Antes das eleccións do 5A adiadas polo coronavirus, a Xunta Electoral ordenara o PP modificar un vídeo de precampaña por incluír simboloxía do Goberno galego
É por isto que a Xunta Electoral estima parcialmente a denuncia do BNG e ordena "retirar dita expresión" do sitio web da Xunta, ao entender que "excede dos límites dunha simple información sobre unha actuación administrativa durante o período electoral". A XEG non considera o mesmo co resto de expresións sinaladas nin apercibe tampouco a Xunta para que non repita esta conduta no futuro.
Na precampaña das eleccións do 5A que non chegaron a celebrarse, a Xunta Electoral tamén lanzara varios apercibimentos. Así, por exemplo, ordenou retirar unha campaña do Goberno galego por ter un lema coincidente cunha das accións preelectorais do PP e mandou retirar ou modificar un vídeo electoral dos populares por enchelo de bandeiras co logotipo da Xunta. Os conservadores, pola súa banda, responderan ás denuncias da formación da esquerda levando ante a XEG a PSdeG e BNG por "facer publicidade antes da campaña" ao fío do 8M e a autoridade electoral atendera a súa petición no referido aos socialistas.