Fronte ás anteriores visitas a obras e roldas de prensa, as restricións polo coronavirus fan que o Goberno galego presente actos nos que divulga obras como de “supervisión” ou “coordinación” das medidas de prevención ou hixiene pola Covid-19
O pasado febreiro, na primeira xornada de prohibición por lei de actos electoralistas tras a convocatoria dos despois frustrados comicios galegos do 5 de abril, a Xunta incluíu na axenda oficial dos seus altos cargos todo tipo de actos de presentación de obras ou subvencións, como tamén fixo en anteriores campañas electorais. Agora, tras a nova convocatoria electoral asinada o pasado luns polo presidente Feijóo para o 12 de xullo, á prohibición de actos electoralistas súmanse as restricións establecidas polo coronavirus, o que non impide que nesta última semana o Goberno galego seguise publicitando un tipo de actuación que administracións de todo nivel e cor política adoitan potenciar antes de ter que votar: os asfaltados.
En 2011 a lei electoral foi reformada para que os actos propagandísticos de cariz electoralista que antes estaban prohibidos só durante os quince días da campaña propiamente dita pasasen a estar vetados desde o mesmo momento da convocatoria electoral, case dous meses antes. Ese momento produciuse o pasado martes, cando o Diario Oficial de Galicia publicou o decreto co que o presidente Feijóo volveu convocar os comicios galegos, agora para o 12 de xullo, e durante esta última semana o Goberno galego publicitou cando menos unha ducia de obras de asfaltado ou melloras de pavimentos por toda Galicia.
Porén, se antes ese tipo de actuacións se publicitaban a través de visitas in situ dos responsables políticos ou con roldas de prensa, agora as restricións polo coronavirus están facendo que a Xunta presente os actos nos que vén divulgando as súas obras como reunións de traballo para a “supervisión” ou “coordinación” das medidas de prevención ou hixiene pola Covid-19. Así é como presentou a Xunta a reunión deste luns por videoconferencia, da que informou posteriormente con nota de prensa e imaxes, da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, “co equipo responsable das obras de renovación do firme na Autovía do Salnés, para organizar os traballos coas medidas de hixiene e protección da saúde necesarias”. O asfaltado, que en realidade non é novo senón a continuación de traballos iniciados o pasado ano que se tiveron que suspender polo mal tempo, xa estaba previsto na concesión hai máis dunha década desa autovía con peaxe na sombra, que contemplaba que a metade do período concesional a adxudicataria tivese que renovar o firme.
Durante a precampaña da frustradas eleccións do 5A a Xunta Electoral ordenou á Xunta e o PP que suspendesen ou corrixisen diversas propagandas
Con ou sen referencias a reunións de “supervisión” ou “coordinación” polo coronavirus, na semana que pasou desde que quedaron convocadas oficialmente as novas eleccións a Xunta xa publicitou, sen ter en conta outro tipo de traballos, cando menos unha ducia de obras de renovación ou mellora de firmes por toda Galicia: en Ponteceso, Ourense, Palas de Rei, Dozón, Valdeorras, Cambados, Ponte Caldelas, e ata dúas actuacións na entrada do Camiño Portugués en Santiago e tres en Monforte.
Durante a pasada precampaña das frustradas eleccións do 5A a Xunta Electoral ordenou á Xunta e o PP que suspendensen ou corrixisen diversas propagandas por consideralas ilegais.